Directores/as
Ollo de vidrio

Todo o que necesita saber sobre a relación de aspecto

A relación de aspecto, sendo unha aliada dos contidos audiovisuais, se non se sabe utilizar pode converterse nun auténtico pesadelo para espectador e director.

Presentadores de telexornal esmagados, protagonistas de series que parecen palillos, planetas ovalados, ou mesmo barras negras onde non deben estar, son desgraciadamente habituais tanto en televisións domésticas como nalgunhas salas supostamente profesionais.

A relación de aspecto dun produto audiovisual non é algo secundario, e é una decisión que o equipo de dirección coordinadamente con produción sopesa moito en función de parámetros como a rodaxe, o contido, a proxección e difusión, etc. En moitos casos incluso se chega a facer diversas versións do mesmo produto para que se axuste ben a cada relación de aspecto ou medio no que vai ser reproducido.

A relación de aspecto, en calquera caso é algo descoñecido para o público en xeral, que non sabe distinguir moito máis que “cadrado” e “panorámico”. Pero o mundo do tipo de encadre é moito máis que iso, e ten unha interesante historia detrás.
A xente de Filmmaker IQ veñen de presentar na súa plataforma de ensino en liña o cursiño “Everything You Need to Know About Aspect Ratio” no que fan un interesantísimo percorrido por este concepto a súa historia e técnica.
O curso ven acompañado deste interesante vídeo explicativo e de dúas unidades didácticas co seu correspondente exame.

Aínda que todo o contido está en inglés, se tedes nocións básicas poderedes afrontalo sen moito problema, xa que os vídeos teñen a opción de subtítulos en inglés.
Ademais deste, esta plataforma oferta moitos outros interesantes cursiños de chroma key, edición non lineal, cine en branco e negro… todos eles de balde.