Directores/as
Mediateca

Titoras e titores do Conecta Lab 2025

Do 1 ao 7 de abril de 2025 terá lugar a terceira edición do Conecta Lab, un laboratorio e residencia artística de desenvolvemento de proxectos cinematográficos con sede na Illa de San Simón, que este ano acollerá a un total de oito creadores/as que terán ocasión de traballar de forma persoal nos seus proxectos acompañados/as por titores/as especializados/as, para profundizar en aspectos artísticos e narrativos.

Un dos elementos singulares que caracterizan a Conecta Lab é o proceso de escolla de titoras e titores, onde as persoas seleccionadas participan activamente na selección das candidatas a titorizar os seus proxectos. Un proceso de escolla no que contan co asesoramento do equipo do Conecta Lab.

O obxectivo deste mecanismo participativo é a completa adecuación de titores/as con guionistas e proxectos seleccionados. Contamos con un equipo de titores e titoras versátil cos que traballamos:

· NEUS BALLÚS: (Barcelona, 1980) Neus Ballús é unha directora e guionista catalá. Debutou en 2013 con La plaga, que recibiu varios premios, incluído o Gaudí á Mellor Película. O seu último éxito, Sis dies corrents (2021), gañou tres Premios Gaudí, e a súa curtametraxe Blow! (2023) acadou a nominación ao Goya, consolidándoa como unha das principais cineastas do panorama nacional.

· ANA SANZ-MAGALLÓN: (Zaragoza, 1969) Ana Sanz Magallón é unha experta en guión cinematográfico e consultora española. Con máis de 25 anos de experiencia, participou no desenvolvemento de películas premiadas como Estiu 1993 e Alcarràs de Carla Simón ou Las niñas de Pilar Palomero. É autora do libro Cuéntalo bien e mentora en talleres de guión en Europa e América Latina.

· ANDRÉ GIL MATA: (Madeira, 1978) André Gil Mata é un director, guionista, actor e director de fotografía portugués. Fundador do laboratorio independente de fotografía e cine Átomo47. A súa primeira curtametraxe, Arca d’Água (2009), gañou varios premios en festivais internacionais. A súa primeira longa, Cativeiro (2012), obtivo o DocAlliance Award en Cannes. A súa última película, Pátio do Carrasco (2023), foi eloxiada pola crítica e proxectada en festivais como o IFFR.

· ARACELI GONDA: (Santiago de Compostela, 1972) Araceli Gonda é unha guionista galega de cine, televisión e teatro. Traballou en series como Padre Casares e no guion de 18 comidas, galardoado co Premio Mestre Mateo. Tamén é autora das dúas tempadas de Hierro, de Jorge Coira, recoñecida con varios premios, Me he hecho viral de Jorge Coira ou do guion de + Cuñados, de Luís Avilés.

· ENRIQUE LOJO: (A Coruña, 1988) Enrique Lojo é un guionista e creador galego. Licenciado en Comunicación Audiovisual pola USC e co Máster de Guión de Ficción de Cine e Televisión pola UPSA, iniciou a súa carreira na Televisión de Galicia con ficcións como Luci, Serramoura ou A Estiba. Traballou no guion de producións para Netflix ou HBO como Toy Boy ou La sala. Coa súa serie En fin, estreada en 2024, aborda a xeración millennial e as súas peripecias nun mundo posapocalíptico.

· ÁLVARO VEGA: Álvaro Vega é un experimentado profesional da comunicación, especializado no sector audiovisual. Foi responsable da promoción de máis de 150 películas entre as que se atopan as campañas de dúas candidaturas españolas aos Premios Oscar. Traballou como director de marketing e xefe de prensa de Vértigo Films e actualmente desenolve a súa actividade como CEO de DobleSentido, a súa propia axencia de marketing, comunicación, asesoría e formación para as industrias creativas e culturais.

· BELÉN FUNES: (Barcelona, 1984) Belén Funes é unha directora e guionista catalá. Formouse en dirección cinematográfica na ESCAC, complementando a súa formación cun máster en guión na EICTV de Cuba. A súa ópera prima, La hija de un ladrón (2019), estreada no Festival de San Sebastián e que gañou o Premio Goya á Mellor Dirección Novel. Recentemente, presentou Los Tortuga, que aborda temas como o duelo e a identidade, e foi eloxada pola crítica no Festival de Málaga.