Xa temos aos e ás artistas seleccionadas na edición de 2026 do ConectaLab!

Alfonso Zarauza e Ledicia Sola chegan ao #ConectaLAB coa longametraxe “Islandia”.
Alfonso Zarauza leva dende os 90 ligado ao cinema: nesta década escribiu, produciu e dirixiu as súas seis primeiras curtametraxes. Na súa dilatada carreira destaca no ano 2007 a súa ópera prima, “A noite que deixou de chover”, protagonizada por Luis Tosar e Nora Tschirner, que un ano máis tarde estrearase na Seminci. En 2008 funda en Compostela a súa produtora, Maruxiña Film Company, e nos últimos dez anos escribiu, dirixiu e produciu seis longametraxes, entre eles “Arima”, o primeiro proxecto de Jaione Camborda, e está a piques de estrear a nova película de Ángel Santos, “Así llegó la noche”. Agora está traballando no novo filme de Lois Patiño, “La nube del no saber”, e acaba de rematar a rodaxe da ópera prima de Ledicia Sola, “As Augas”.
Ledicia Sola é unha creadora multidisciplinar cunha interesante traxectoria en espectáculos de creación colectiva e unha ampla carreira como actriz, premiada en varias ocasións. Acaba de debutar como guionista e directora de cinema na súa ópera prima “As Augas”.
Sinopse de “Islandia”: Manoel, un home de 50 anos, perde á súa muller tras unha longa enfermidade e, pouco despois, á súa nai. Estas dúas mortes lévano a unha crise de madurez na que persoas que éranlle imprescindibles no pasado desaparecen no presente. Manoel marcha a Islandia, onde terá que perdoarse.
“Barceloneta free tour” é o proxecto co que chega ao #ConectaLAB Alba Sueiro, unha longametraxe que analiza como se sente ser turista no teu propio barrio. Nunha cidade transformada pola xentrificación e a turistificación, Paco López, un mariñeiro xubilado desprazado do seu propio barrio, embárcase nun absurdo percorrido turístico en GoCar polas rúas nas que medrou para recuperar as súas lembranzas.
Alba Sueiro é xornalista e doutoranda na USC en Comunicación e Cultura Dixital, e traballa moi entrada nas narrativas emerxentes e no impacto da tecnoloxía na cultura contemporánea. Desenvolve proxectos que conectan pensamento crítico e experimentación narrativa. É ademais fundadora e directora de Contracultural e membro da AICE, entidade que outorga os Premios Feroz.


“El parpadeo” de Ariel F. Verba é outro dos proxectos que participarán no #ConectaAB. É unha longametraxe documental na que un fillo reconstrúe, dende o arquivo fílmico da súa familia migrante, o mapa borroso do fogar, explorando como tempo e distancia transforman os lugares e quen os habita.
Ariel F. Verba escribe, dirixe e monta curtametraxes e longametraxes nas que o “found footage” e a revisión de material persoal convértense nun punto de apoio para a construción dunha narración propia. Ademais, apoia e traballa con colectivos e movementos sociais.
“Zoos” é o proxecto co que chegan ao #ConectaLAB Luis Avilés Baquero e Ángela Andrada. É unha longametraxe de ficción que conta a historia de Lola, unha adolescente pelexada co mundo. Nacida en Vigo e de orixe colombiana, o seu físico da conta da súa orixe latina, e os demais así llo fan saber: ela non é de ningures. Un traballo dentro dun programa de inclusión lévaa ao zoo de Vigo, onde coñecerá a Mauro.
Ángela Andrada é actriz e creadora e conta con experiencia en diferentes formatos. En cine, escribiu e coprotagonizou a curta “Adeus, Berta”. Recentemente dirixiu a súa primeira curta, “Avisa cando chegues”.
Luis Avilés Baquero é realizador dos exitosos programas da TVG “Criaturas” e “Casamos”. Como director e guionista, destaca coa curta “Asubela” (2003) e con “Retornos” (2010), que gañou dous premios Mestre Mateo. En 2015 dirixe “Unary”, que tamén obtivo un Mestre Mateo e recoñecementos noutros festivais nacionais e internacionais. Entre moitos outros proxectos, dirixiu a serie documental “Operación Marea Negra: A travesía suicida” para Amazon Prime e a longametraxe “+Cuñados” (2023). No seu amplo CV destaca tamén o seu papel como creador da Mostra de Curtametraxes Vila de Noia e a presidencia da nosa asociación, CREA, entre 2016 e 2018.


A longametraxe de ficción coa que Anita Pico chega ao #ConectaLAB, “Shido”, fálanos de Carla, que conta cada segundo da súa vida coma se nunca abandonase o tatami de judo. No ano clave para converterse en judoka profesional enfróntase a uns rivais que ameazan con destruír o seu soño. No medio do caos, Carla loita por non perder a súa propia identidade.
Cun perfil ecléctico como creadora, Anita Pico traballa como guionista e directora entre o cinema e a televisión (ficción e “unscripted”). Compaxina estes proxectos coa dirección do seu estudio creativo en Galicia: Henfunk Studio.
“Fulgor”, de Carlos Martínez-Peñalver Mas cóntanos como, tras o peche da última sala de concertos en Vigo, Lou, unha moza colaboradora da radio local e cantante nunha banda de post-punk, atopa un paquete cun disco inédito de Pedro Vulcano, un músico desaparecido a finais dos setenta implicado na folga xeral do 1972. Lou inicia unha investigación para atopar o músico.
Carlos Martínez-Peñalver Mas é director, montador e fundador da produtora galego-catalana Omen. O seu cinema transita entre a realidade e a ficción, explorando os imaxinarios colectivos dos territorios nos que filma.




