Directores/as
Ollo de vidrio

Así foi a VII Edición do Conecta+

A pasada fin de semana celebramos unha das actividades características que organizamos dende CREA, o Conecta+, que tivo neste 2021 a súa VII Edición.

Desde o comezo traballamos co obxectivo de realizar o encontro en formato presencial, como acontecera un mes antes co Conecta, outra das actividades vertebrais da Asociación, pero por mor da subida na incidencia de casos de coronavirus, e para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes ao evento, este tivo que adaptarse ao formato online, como tamén pasara na edición do 2020.

Isto non supuxo un impedimento, xa que contamos coa participación de máis de 70 proxectos dos cales foron seleccionados un total de 18. Contamos tamén coa presenza de 12 produtoras, tanto galegas como do panorama nacional, que durante a mañá do sábado estiveron escoitando todas estas ideas coas que se buscaba trazar pontes co mercado, co fin de fortalecer os proxectos, dotalos de viabilidade económica e promover a construción de equipos que combinen talento e capacidade de execución.

Captura de pantalla durante o Conecta+ 2021

Estes foron os proxectos seleccionados: Á procura da estrela, de Carlos G. Peñalver, A unidade componse de desorde, de Bruno Arias e Lucía Ramiro, Vidas perras, de Giselle Llanio, Pulp Air, de Anita Pico e Ro López, Carmiña, de Sofía Naseiro, Lucía Santiago Sanmiguel e Anxo R. Villar, Aquagym, de Iria Sobrado, As aspas, de Berio Molina, Túnel, de Omar Rabuñal e Luis Usón, Marea negra, de Xosé Ramil, Nunca te rindas, de Marta Eiriz, Adeus, Berta, de Ángela Andrada e Fernando Tato, Detrás da luz, de Rubén Coca, Señora azul, de Andrés Goteira, Rúa Barcelona, de Ángela Andrada, Vilar de Chan, de Toni Penido, Alexis Baneira e Alberto Plágaro, Cela, su última novela, de Álvaro Liste, Iván Rodríguez e Iván L. Gimeno, Arcanos menores, de Miguel Casaseca, Alejandro González, Lucía Gómez e Nacho Milán e por último Centinelas de la luna carmesí, de Andrés Castro e Ozo Perozo.

As produtoras asistentes foron Secuoya Studios, Plano a Plano, Portocabo, Alberto Domínguez, Guadalupe Balaguer, Xas Films, Cósmica Producións, Ollovivo, Miramemira, Gaita Filmes, Sétima e Filmika Galaika.

Durante a semana previa, tiveron lugar outras actividades complementarias co fin de asesorar tanto ás persoas participantes do Conecta+ como aos catro guións subvencionados por AGADIC na última convocatoria de “Axudas de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego”, que ao final do evento tiveron a ocasión de pitchear os seus proxectos no Pitching de Talento.

Masterclass impartida por Álvaro Vega no Conecta+ 2021

As persoas encargadas de facer isto foron, por unha banda, Álvaro Vega, un experimentado profesional da comunicación especializado no sector audiovisual, que foi o responsable da promoción de máis de 150 películas para todo tipo de audiencias que inclúen desde blockbusters a films de debut, pasando polo cinema independente de maior recoñecemento internacional ou a súa participación nas campañas de dúas candidaturas españolas aos Oscars. Director de Marketing e Xefe de Prensa de Vértigo Films entre 2007 e 2012, actualmente desenvolve a súa actividade como CEO de DobleSentido, a súa propia axencia de márketing, comunicación, asesoría e formación para as industrias creativas e culturais.

Durante a tarde do mércores 15 de decembro estivo á fronte dunha masterclass na que matizou os aspectos máis importantes á hora de facer un pitch, charla da que gozaron non so os seleccionados do Conecta+ 2021 senón tamén as persoas pertencentes a AGAG, AGAPI e a Fundación SGAE.

Asesoría impartida por Marjorie Bendeck no Conecta+ 2021

Por outra banda, a encargada de asesorar aos proxectos do Pitching de Talento foi Marjorie Bendeck, profesional residente en Alemaña desde o 2003, onde traballou para festivais, fondos e programas de capacitación a nivel internacional. Avalía proxectos cinematográficos para MEDIA, ACE Producers e o Berlinale World Cinema Fund, e imparte talleres de pitch e desenvolvemento para o Mediterranean Film Institute, o Clúster AV de Canarias e o IFFR-Pro de Rotterdam, entre outros. Desde o 2018 é directora do mercado de coprodución para Europa Oriental Connecting Cottbus.

Durante a tarde do venres 17 de decembro, Marjorie puido escoitar e aconsellar a Berio Molina co seu proxecto As Aspas, a Irene Pin con Terás que saltar, a Sara Traba con As Cárcavas, e a David Alonso con Maluca, que tras as clásicas reunións un-a-un entre creadorxs e produtorxs, tiveron a oportunidade de pitchear as ideas dos seus guións ante todas as persoas participantes, dando así por rematada esta VII Edición, que de seguro axudará a moitos proxectos a materializarse e a darlles o impulso necesario para a súa creación.

O evento, organizado por CREA, non podería ser posible sen o patrocinio da Xunta de Galicia, AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) e da Fundación SGAE, e sen a colaboración de AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) e AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes).

Moitas grazas a todas por facer posible o Conecta+, e volveremos no 2022 coa VIII Edición!