Directores/as
Ollo de vidrio

Raúl Veiga presenta o seu novo libro Pacto entre cabaleiros

Este martes 17, co gallo do Día das Legras Galegas, o noso compañeiro Raúl Veiga presenta en Santigo o seu último libro Pacto de cabaleiros.
O acto terá lugar na Libraría Couzeiro (Praza Cervantes 6, Compostela) ás 13h e está organizada en colaboración coa editorial Biblos, que edita o libro dentro da súa colección Mandaio.

Segundo o propio Veiga “Este libro non foi concibido como unha novela; é a adaptación dun guión de cinema a iniciativa do meu editor que viu nel unha proposta interesante” ,“un libro que vén sendo un guión, unha comedia dramática á que non lle acaería mal o adxectivo “galvanizante””

A trama desenvolvese entre un grupo de maiores que queren revitalizar a súa vida dun xeito nada convencional, reiniciándose ao sexo como se fosen mozos e acudindo a un prostíbulo.
Edito aportando unha trama e descripción do argumento, enviada amablemente polo propio Raúl, que da unha idea bastante mellor do libro:
“O argumento pon de manifesto que nada na vida é doado e moito menos a proposta que un xubilado da Coruña fai aos seus amigos: reeditaren a xa remota iniciación ao sexo da súa mocidade coa visita en grupo a un local de señoritas. Un elemental realismo lévaos a procurar apoio nas medicinas contra a disfunción eréctil e conseguilas xa lles supón complicacións, pero nas súas vidas hai moitos máis problemas, ansias e alegrías.
Así, Mario ten que se enfrontar aos fillos, que queren xubilalo e asumir a dirección do negocio familiar; Rodolfo, empedernido don Xoán, anda fascinado por unha xogadora que acode ao mesmo garito ca el, Emilia, e en quen acaba descubrindo unha vida oculta; Nisio sofre a desaparición de todas as pílulas do Viagra ás mans da súa nora e seu fillo e non sabe como facer para as recuperar; Terio reencóntrase con Amanda, con quen estivera casado vinte anos atrás, e quere buscar nela o retorno dunha paixón que, daquela, non soubera vivir. Ao cabo, a pesar de todos os pesares, a proposta inicial supón un enérxico revulsivo para todos e os camiños de tantos amores e desamores desembocan nun final sorprendente.
Como pide esta materia narrativa, Pacto de cabaleiros é unha historia coral de personaxes amábeis, mais en ningún momento descoida a trama para así atraer e manter o interese dunha audiencia moi ampla. Ora, se cada personaxe ten a súa propia peripecia, a progresión narrativa global baséase en dous piares: por unha parte, a trama de carácter cómico (un canivete que é moito máis que un canivete e se converte nunha celebración da amizade e da vida) e, por outra, a trama de carácter romántico. A final converxencia e resolución das dúas garante a satisfacción do lector. A trama cómica funciona tamén como gancho inicial para interesar ao lector (mesmo a un lector novo, que descubrirá sorprendentes coincidencias con estes maiores arroutados), mentres que a trama romántica permite concluír o relato en clímax. Coas dúas intégranse, de diferentes formas, as subtramas que axudan a debuxar o mundo da historia —unha Coruña deliciosamente provinciana—, mentres todas as complicacións das tramas principais sosteñen o interese básico do relato no seu curso. A clave é que o lector goza ao encontrarse cuns personaxes que saen das páxinas («da pantalla», podería dicirse) de puro vivos, e que a comicidade non nace da impostación que procura forzar a gargallada, senón da graza xenuína e desarmante que ten a vida mesma.”

O libro pódese atopar en diversas librerías en liña, e tes unha boa oportunidade de mercalo e falar co autor se andas por Santiago o Dia das Letras Galegas.

Interacciones del lector

Deixa unha resposta