Directores/as
Ollo de vidrio

QUE CREAS? con Ronsel Pan

Habitar o espazo-tempo. Así é o título da primeira longametraxe da nosa socia Ronsel Pan. Trátase dun filme de corte experimental que a través da representación pictórica e elementos narrativos como a poesía, xera una ficción onde se crea un novo movemento pictórico chamado ‘primitivismo abstracto’. Dende o proceso de edición, a directora nos comenta como xurde este proxecto que afonda no concepto de ‘crear dentro da creación’:

“Xosefa Vázquez e Manuel Pan, pintores os dous, crean un movemento pictórico, entre outras razóns, por ver pintar a seus fillos. Este movemento é o primitivismo abstracto, que ten que ver co expresionismo abstracto e a arte primitiva. Eles dous son os meus pais, e tamén os meus actores preferidos. Comecei a traballar con actores con eles, dende hai oito anos, facendo unha serie de videocreacións sobre pintura. Vídeos de pura composición pictórica deles pintando. Quixen expandir esta idea e levalos cara a invención dun movemento pictórico, crear unha trama, mesmo se non pase nada ou case nada, como din na Nouvelle Vague. Pero tamén está a carón do cinema experimental (Germaine Dulac, Fernand Leger, Leopold Surrage…) pola importancia así mesmo do apartado visual, da cor e da forma, elementos plásticos que tamén narran pero sobre todo expresan. Contará tamén con música experimental orixinal.

É un filme estruturado en dúas partes, inspiración e primitivismo abstracto. Eu comecei pola segunda, con todos estes vídeos dos pintores, e logo incorporei a parte de inspiración. Aquí son lugares o que os inspiran, e tamén se inspiran o un ao outro con so mirarse. Hai unha secuencia que trata sobre iso, atopar verdades mirándose, e remítenos ás performance de Marina Abramovic. Esta inspiración transcende á pintura xa que tamén hai poemas, literatura. Poemas que os inspiran, que inspiran o seu mundo: do meu amigo bengalí Hindol Bhattacharjee, de Mia Couto o poeta mozambicano, de Over the fall… Pero tamén hai un poema meu, escrito ad hoc para o filme, no que se invita a pensar cuestións relacionadas coa percepción que emana a través das imaxes e o son.

QUE CREAS? Con Ronsel Pan from Galicia CREA on Vimeo.

A min da pintura interésame unha idea que xorde de Mezcaline Draws (Henry Michaux), a idea de que é a man a que está exposta aos cambios na percepción, pero non a cámara. Que por moito que esteamos postos de mezcalina, a cámara non vai a gravar as alucinacións pero nun debuxo ese cambio perceptivo si se ve, porque man e cerebro van unidos. Percibimos en función de diferentes aspectos tales como a cultura, a sociedade que habitamos, pero tamén a singularidade de cada un, as propias experiencias, é dicir, a semántica visual e auditiva acumulada en nos. Por iso un dos aspectos que quixen tratar, a partir do libro Future Primitive de John Zerzan, é a relación e/ou dicotomía entre a cidade e a natureza. Nós, como galegos, movémonos entre unha e outra con perfecta ou imperfecta harmonía. As dúas determínannos, habitamos en conflito ou sen conflito nunha e na outra. A natureza lévanos a unha parte máis salvaxe e a cidade a unha máis domesticada. Así mesmo hai dúas secuencias que son puramente políticas. Fálase de Palestina e do Sahara. Loitas pola liberdade, a terra e a dignidade, que actualizan a frase de Theodor Adorno da imposibilidade de crear despois de Auschwitz.

O filme en composición ten forma de libro. Comeza cun abstract, un resumo, e está dividido en capítulos que son secuencias, inda que agora na edición quizás lle dea unha forma máis experimental mesturando imaxes e voces, empregando as repeticións como mantras. Tanto en inpsiración como en primitivismo abstracto hai entrevistas. Falan os pintores, pero tamén hai outras voces, e todas elas teñen unha importancia crucial porque son os off os que levan o relato. Destaco unha parte no deserto con Wissan Younes un amigo libanés que coñecín en Francia, e que agora vive en Candá, os prólogos de Margarita Ledo nos que se fai referencia a L’amour de Marguerite Duras, ou o universo que xorde da conversas con Daniel Salgado, que é tamén, en certa medida, o universo dos pintores: o jazz, a vida núa, a liberdade… Con respecto á secuencia de Over the fall, que citei antes, Carol White, que fixo a portada de Ausencias e Presencias e Variacións Goldberg, recita os meus poemas cunha imaxe do ceo, un elemento tamén presente nos poemarios.

En Habitar o espazo-tempo fálase moito do cinema do real. É un modus operandi que se achega ao documental. A imaxe núa, sen ensaios, por exemplo o ceo captado no momento no que as nubes se moven rápido, a árbore movéndose ao compás do vento… Pero todo envolto na ficción. É unha historia inventada mesmo se non hai apenas trama. Mesmo se as personaxes se desdebuxan. Aquí fala moito a paisaxe, urbana e natural, como dicía antes. O que nos rodea é así a inspiración, os lugares que habitamos tanto na vida diaria como nas viaxes. Aí está a inspiración para os dous pintores, pero tamén a literatura. Tamén como dicía antes, mirándose o un ao outro. Parece que todo está creado e por iso a importancia dos momentos de lucidez, a luz que nos ilumina, que nos fai aparecer algo novo, algo que xorde como unha resposta a unha pulsión de vida, pero tamén está a destrución, a pulsión de morte, inda que da destrución tamén pode saír algo bo, algo novo . Mesmo a destrución do eu pode facer aparecer un novo e mellor eu. Renacer. Tantas veces como sexa necesario.

O visionado é unha forma de achegarse ao intelecto, pero tamén ao corazón. Pretendo sacudir ao espectador, é dicir, que algo cambie dentro del, que xa non sexa o mesmo por enfrontarse a unha obra de arte, por provocar esa catarse. É tamén unha certa forma de entender o mundo e ao mesmo tempo de crealo, de crear outras realidades. O real como materia non o podemos capturar, so recrealo a través da filmación. Así mesmo esta é unha procura da verdade, unha verdade con maiúsculas pero tamén en plural, porque se expande o concepto a cada existencia e a cada corpo, así cada un ten a súa. Este é un dos principios do postmodernismo, que non hai verdades absolutas, e nesta procura, a arte enfronta aos individuos coa súa propia mirada. É unha experiencia de encontro co eu e de transformación do eu.

Falaba antes de Marguerite Duras, que desde que Margarita Ledo me regalou India Song converteuse nun totem para min. Isto foi na clase de cinema de autor de Comunicación Audiovisual da USC, e síntome moi identificada co seu cinema. Planos longos, corpos case como únicos protagonistas, espazos que acubillan e ao mesmo tempo condenan, diálogos existencialistas ao redor do amor… Ver os seus filmes proporcióname unha sensación estraña de identificación co conxunto e coas personaxes. Tamén me gusta moito dela as atmosferas, que emanan dese conxunto. Cores ocres e grises case azuis, espazos pechados que se abren ao horizonte, mulleres que choran e berran… Parécese ao paraíso, quero dicir, é como unha TAZ, unha zona temporalmente autónoma.

A arte, os filmes, deberían ser unha TAZ, pero que ten todo isto de revolucionario? É dicir, en que medida non é reaccionario. Moitos din que a arte ten que estar ao servicio da revolución, pero xa non creemos en consignas. Basta con unha transformación individual e a paz e o amor universais.

Peace & love”

Ronsel Pan