Directores/as
Ollo de vidrio

QUE CREAS? con Ozo Perozo

Dende a emisión do seu primeiro capítulo en 2014 converteuse na serie indiscutible da noite do domingo na Televisión de Galicia. 6 anos en emisión, 15 tempadas e 173 capítulos despois, Serramoura chegou ao seu fin… Ou quizás non?

A lei de Santos, a nova serie para Televisión de Galicia, producida por Voz Audiovisual, que se estreará o vindeiro domingo 1 de novembro. Trátase dun spin-off de Serramoura centrado na personaxe de Santos, interpretada por Monti Castiñeiras. O noso socio Ozo Perozo, director principal da serie, fálanos de como foi esa experiencia:

“Pois para min dirixir A lei de Santos supuxo un paso importante na miña carreira como director. Eu inda que tamén fixen curtametraxes, como máis experiencia teño é como director de series, pero ata o de agora tanto en O Faro como en Fontealba como en Serramoura ocupei sempre o cargo de director de segunda unidade, é dicir, que dirixía secuencias, ao meu gusto, pero sempre había outro director ou directora que levaba a batuta da serie e que tomaba as decisións creativas con respecto aos guións. En A lei de Santos é a primeira vez que me deron a oportunidade, neste caso en Voz Audiovisual, de ser eu o director principal. Ademais tiven a sorte de ter como directora en segunda unidade a unha persoa con tantísima experiencia e callo no audiovisual como é Giselle Llanio, que para min foi un auténtico regalo.

Técnicamente destacaría que agora as series, xa case todas, son gravadas a dúas cámaras, e non a tres coma antes, o cal obrigan, inda que eu penso que máis que obrigar permiten, facer a rodaxe por campos de luz e así mesmo facer unha iluminación e un traballo de arte más coidado que cando traballábamos a tres cámaras, que se gravaban as escenas do tirón.

Outra peculiaridade que ten A lei de Santos respecto de outras series galegas é que aproximadamente un 80% da rodaxe está feita en exteriores ou en interiores naturais, é dicir, fora do plató, onde tivemos apenas 3 decorados. Isto resulta máis traballoso para todo o equipo, porque supón todos os días desprazamentos, cargas, descargas… e non tes as comodidades e condicións de son e de control da luz que tes nun estudio, pero tamén é moito máis satisfactorio en termos de realismo e é un xeito de traballar que recorda moito máis ás rodaxes de cine.

A lei de Santos é, en principio, unha miniserie  de sete episodios que coma xa case todo o mundo sabe é un spin-off de Serramoura. Creo que é o segundo spin-off que se fai na TVG despois de Pazo de Familia (spin-off de Libro de Familia). Neste caso son as historias da personaxe que interpretaba Monti Castiñeiras, o famoso Santos, que deixa Serramoura e vai á súa vila natal acompañado doutras das personaxes de Serramoura, Pancho e Peixe. A nivel de traballo cos actores supuña que eran tres personaxes que xa viñan feitas e deseñadas, pois viñan dunha serie que tivo 173 episodios. En Serramoura, inda sendo un thriller, eran as personaxes ás que lle daban as tramas máis próximas á comedia. Entón A lei de Santos ten un ton de thriller pero con máis presencia da comedia do que tiña a serie anterior.

Ten un reparto en xeral co que quedei moi contento, dende xente que comezaba e que era case a súa primeira achega profesional diante das cámaras, como no caso de Óscar Allo ou Lidia Veiga, que son moi noviños e fan un traballo moi bonito. Xente que está consolidándose no noso audiovisual como Iria Sobrado, Adrián Ríos ou Xoan Fórneas, e logo xente con moitísima experiencia e que foi un gustazo currar con elas, como Sonia Castelo, Merce Castro, Federico Pérez, Marcos Viéitez… Non podo nomealas a todas pero a verdade é que para min foi un pracer currar con toda esta xente. Permitímonos investigar, xogar un pouquiño dentro dos axustados tempos que ten a rodaxe dunha serie en comparación coa maioría das rodaxes de cine, pero non sei. Eu sentín un entendemento moi chulo con eles e elas e a verdade é que foi moi satisfactorio este traballo.

Aínda sendo un spin-off de Serramoura, como bo spin-off non é preciso ter visto Serramoura para entender a serie. É dicir, alguén que non viu nin un so capítulo e non sabe quen son as personaxes vai entender perfectamente todo dende o primeiro momento. A personaxe de Santos ten ademais unha entidade por esta traxectoria da que falaba, despois de tantos capítulos, e ten unha forza que eu creo que vai enganchar ao público dende a primeira secuencia na que aparece. Isto non quita que sirva tamén coma homenaxe a esa lexión de fans que tiña e que ten Serramoura, súper activa en redes sociais e que tan namorada estaba da serie. Polo tanto podes non saber nada, pero si sabes cousas hai moitos ‘guiños’ e detalles que gustarán. É unha serie contada en dúas liñas temporais. Está o que lle pasa agora Santos, que regresa á súa vila natal, e en base a flashbacks coñecemos como era Santos antes de ir a Serramoura cando vivía nesta vila. Entón dará moitos detalles da biografía da personaxe que lle gustará a ambos públicos, ao de Serramoura e ao de A lei de Santos, dende cal era a súa familia, as súa relación sentimental ou a famosa cicatriz que ten na meixela.

Quería por último destacar o traballo do equipo de Voz Audiovisual, dende a becara máis nova ata a produción executiva. Notase que é un equipo moi cohesionado que levan facendo series dende Mareas Vivas, e que gran parte do equipo segue sendo o mesmo dende o principio. Eu tiven a circunstancia de que a primeira serie na que traballei cando empecei coma técnico no audiovisual foi nesta casa, nunha serie que se facía para Antena 3 que se chamaba Nada es para siempre. Ao longo da miña traxectoria fun indo e volvendo cada x anos. Chamábanme para facer algún traballo como técnico, ata o ano pasado que me chamaron para ser director de segunda unidade na última tempada de Serramoura, baixo a batuta de Jorge Saavedra como director. Eu era e son un gran seguidor da serie polo que foi un gustazo poder traballar nela e poder participar no seu final. E nada, destacaría ademais da profesionalidade desta xente a capacidade que teñen para ilusionarse cos proxectos. E non podo deixar de destacar a que foi a miña axudante de dirección, Patricia A. Chamosa porque é unha persoa que lle da sentido ao cargo de axudante de dirección. Ademais de facer o plan e pelexar con produción, as datas… é unha persoa que eu sempre sentín que axudou moito, e que me axudou moito a min como director. Fíxome moito máis doado o traballo e chegou incluso a facerme de psicóloga nos momentos nos que parecía que as cousas non ían a saír. E agradézolle tamén moitísimo a Giselle Llanio, tamén socia de CREA, o seu traballo como directora de segunda unidade porque foi unha maravilla.”

Ozo

Ligazón ao trailer nas RRSS da TVG: https://www.facebook.com/televisiondegalicia/videos/1166849680379371