Directores/as
Mediateca

Que CREAS? Con Olga Osorio

Se botamos a vista atrás, cara o ano 2016, moitos e moitas recordamos Einstein-Rosen, unha curtametraxe cun longo percorrido por festivais, ambientada na década dos oitenta, na que dous irmáns pequenos discutían sobre a aparición dun burato de verme no seu barrio. A súa directora, Olga Osorio, leva dende entón traballando na longametraxe que hoxe nos presenta, ¡Salta! inspirada nesa curta e que terá a súa estrea en cinemas o vindeiro día 1 de setembro.

¡Salta! é unha longametraxe de ciencia ficción e comedia dramática, de corte familiar, que está producida por Vaca Films e distribuída por A Contracorriente Films. Os seus protagonistas son Tamar Novas e Mário Santos, acompañados por Marta Nieto, Mabel Rivera, Manuel Manquiña, Irene Jiménez, Rubén Fulgencio e Saúl Esgueva.

A peli narra a historia de dous irmáns que son moi diferentes entre si. Un está moi obsesionado coa ciencia tras a desaparición da súa nai, unha científica que traballaba no eido dos buratos de verme, e o outro é o típico neno futboleiro e algo vándalo. A relación entre ambos é de conflito permanente, típico de irmáns que se levan poucos anos. O pequeno dos dous atopa un burato de verme e métese nel, viaxando ata o 2022 e encontrándose así co seu irmán sendo un señor camiño dos corenta e pico anos. Este medrou sen nai, sen a súa tartaruga (unha das múltiples cousas desaparecidas tamén no burato) e sen o seu irmán e de súpeto vese obrigado a lidar con toda esa situación. Vamos, como a do avoiño de Heidi, que chega a nena e desbarátalle a vida.

Trátase dunha película con ingredientes de comedia pero que creo que non é unha comedia. Si é certo que hai elementos divertidos que fan sorrir, pero eu encadraríaa máis no xénero da comedia dramática. Tamén é unha película familiar, pero non infantil, porque está pensada para un público adulto da idade da personaxe de Óscar, interpretada por Tamar Novas, nos corenta e pico, inda que ao haber un neno e este vivir aventuras tamén pode gustarlle aos máis cativos. En cambio creo que vai gozar máis dela un público de maior idade, posto que o filme trata temas como crecer,  a nostalxia, madurar, balance das experiencias vividas…”

O proxecto nace dunha curtametraxe que fixen no ano 2016, e de feito empecei a traballar nela pouco despois de facer a curta, o que pasa e que bueno, entre pandemias e o difícil que é levantar proxectos, mesmo cando traballas cunha produtora tan potente como Vaca Films, pois os anos van pasando. A curta estaba protagonizada polos meus fillos. Sempre conto que era case como unha especie de broma familiar, sen maiores pretensións, pero que foi moi ben. Percorreu moitos festivais e a xente conectaba moito, entón comecei a preguntarme que era o que tiña a historia para que chegase a tantas persoas. Din con que parte do éxito viña dado porque dende a sinxeleza se aborda un tema tan universal como a relación entre irmáns, elementos os cales creo que están reflectidos tamén na película. Quixen repetir tamén que fosen os meus fillos os protagonistas, pero non puido ser posto que o proceso tardou tanto que medraron polo camiño, polo que finalmente foron Rubén e Mário os que deron vida ás personaxes de Óscar e Teo.

Co proxecto xa rematado, a sensación que teño é a de que estou moi contenta. Vindo do mundo das curtas onde eu son a produtora, directora, distribuidora… E no que traballaba sempre con equipos conformados por xente que coñecía e amigos, de repente dábame medo un equipo grande ou que se me escapasen algúns procesos nos que non podía ter voz nin voto, pero pese a todo a experiencia saiu moi ben. Estou moi contenta co resultado e por suposto moi contenta co proceso tamén. Na preprodución escoitaba ás compañeiras de arte que estaban traballando ao meu carón e que falaban das personaxes como se fosen xente real, dotándoas de toda unha historia materializada en obxectos, e para min era como maxia. Sentíame como se fora unha nena e estivese xogando a imaxinar cos meus xoguetes e chegasen un montón de amigos con xoguetes novos aportando as súas visións á semente da miña historia. Creo que é unha experiencia que non ten prezo e que gocei moitísimo. Outra cousa que eu comento sempre é o medo que tiña ao tema de traballar con nenos, porque a verdade é que son unha incerteza total ata que dis “acción” e comezas a gravar. Na pre pensaba moito en por que non lle faría caso a Hitchcock niso de non traballar con cativos, pero teño que dicir, cando menos dende a miña experiencia trátase dunha prevención infundada, porque é marabilloso. Fixérao xa en dúas das miñas curtas, e tras esta peli reafírmome, inda que é fundamental un bo casting e chegar a conectar de verdade con eles. Os nenos son moi xenerosos e é fascinante ver como se deixan levar, inda que con isto non digo que non goce de traballar con adultos. Por exemplo Tamar Novas, o cal menciono porque é o protagonista e co que pasei mais tempo, involucrouse moito no proxecto e foi unha experiencia chulísima porque ademais é un tipo moi intelixente que aportou moito.

Foi un proceso moi creativo, moi divertido e moi tranquilo, inda que tamén é un camiño no que penso que a veces é doado perderse, no que hai moitos factores que poden facer que te esquezas de que é o que querías contar ou do por que estas contándoo. Pero tras o remate desta experiencia tan longa teño a sensación de que a película que fixen parécese moito á película que quería facer e creo que dicir iso xa é dicir bastante. Que funcione ou non, ou que chegue á xente ou non xa é outro tema, inda que as sensacións nos pases que fixemos ata o de agora foron moi boas.

Nada máis. Por favor, ide aos cines. Pensade que hai moito traballo moi coidado detrás, dende o son de David Machado, o traballo dos coloristas de Moonlight e Alfonsín, a postproducción na que estivo Pablo Lamosa… Xente que traballou arreo para facer un produto moi chulo e que onde mellor pode verse é nos cines, nos cales temos a fortuna de poder estar. Ogallá a xente se anime e vaia vela!