Directores/as
Ollo de vidrio

Que CREAS? Con Illa Bufarda

A Galiza do s.XX, fungos alucinóxenos e unha historia soterrada co paso do tempo. Isto é só a punta do iceberg de Negro Púrpura, a longa documental das nosas asociadas Adriana P. Villanueva, Pilar Abades e Sabela Iglesias, á fronte da produtora Illa Bufarda.

O proxecto comeza agora o seu paso polas salas de cinema, e as súas creadoras comparten con nós como foi a experiencia de dar vida a esta película:

Primeiro descubrimos que na Galiza do s.XX existía un fungo alucinóxeno, que agroma nos cereais, chamado cláviceps purpúrea, inda que tamén é coñecido coma caruncho, dentón, cornello… Comezou sendo unha historia que se conectaba co LSD, co cal xa flipamos moito, pero logo tiramos do fío e vimos que se conectaba con outras mil cousas máis, dende a menciña popular, a economía, as mulleres e os partos, o aborto, o camiño de Santiago… Foi algo que estaba moi presente nos anos 50, e levounos a pensar en como non conseguiu chegar ata a nosa xeración algo que foi tan importante no seu momento. Acostumamos a pensar que as historias próximas non son atractivas ou exóticas, e imos buscalas fora… Por iso decidimos poñer esta historia en valor, dándolle voz ás persoas que a viviron de preto. (Sabela Iglesias)

Levábamos dándolle voltas a este proxecto dende o 2016. Non tivemos financiamento para todo o filme dende o comezo, e tivemos que ir máis por fases. Primeiro, no 2018, recibimos unha subvención da Deputación de Coruña para a parte de documentación e guión, logo fixemos un crowdfunding para a rodaxe e finalmente conseguimos, tras reunións con diferentes entidades, a financiación necesaria para a edición e postprodución. Isto fixo que o proceso se dilatase máis no tempo, pero tamén gañou en madurez. Nós, na Illa Bufarda, traballamos dunha forma moi asemblearia, que non sei se é igual noutras produtoras. Temos moitas reunións nos procesos creativos, moitas choivas de ideas, e valoramos todas as opcións que se nos van ocorrendo ata atopar un consenso. Parécenos que os procesos así se enriquecen moito máis, porque cando unha das tres non ve algo, é sinal de que algún elemento falla, e fainos indagar noutras posibilidades. (Adriana P. Villanueva)

Tras o financiamento da Deputación comezamos a investigar e a conseguir as primeiras entrevistas. Foi un privilexio poder ter tempo en exclusiva para a pesquisa de información e informantes. Simplemente ir aos sitios, preguntar, ver o que había, coñecer ás persoas, ver que nos poden dar, como falan… Grazas a esa dilatación dos tempos puidemos tecer un pequeno vínculo con todas estas persoas, e iso creo que nos aportou moito. (Sabela Iglesias)

Inda que tiñamos a presa de querer grabar rápido, porque a xente que entrevistamos era moi maior, e as memorias son fráxiles. Tiñamos incluso a unha persoa de case 101 anos! Víamos xente que fisicamente estaba moi ben, pero a súa memoria tal vez non tanto, ou a presión de xente que morrera, e con ela as súas historias…. Todo iso dábanos moita premura, en plan ‘buf, isto se nos vai’. Estivemos moi contentas de telo feito antes da pandemia, senon sería un desastre. Conseguimos testemuñas para moitos dos fíos da historia. Unhas, obviamente, foron máis doadas, como atopar persoas que venderon o cornello, e outras máis complicadas, como atopar a alguén que o usase como método abortivo, polo tabú e demais… Pero a verdade é que pensamos que nos ía custar moito máis. Tamén porque paralelamente á procura de xente, buscamos información en xornais da época, en arquivo sonoro e audiovisual, conseguindo así outra información que as testemuñas vivas non nos daban, e foi un reto ver como tratar de incorporar todo iso no documental. (Adriana P. Villanueva)

Unha vez escollidas as protagonistas do filme, e con toda a información, comezamos a conformar o relato e todo o relativo ao visual. Había certas formas de gravar que eran moi interesantes en relación co contido. Por unha banda decidimos que as entrevistas fosen máis dende o experiencial, creando contextos nos lugares propios desas persoas, onde no pasado tiveran lugar todas as historias que nos relataban. (Sabela Iglesias)

Por iso empregamos grandes planos xerais, para remarcar a importancia do territorio. En canto á composición intentamos xogar coas simetrías, que recollen un pouco esa dualidade do fungo, que vai do local ao universal, que representa o ben porque pode curar, pero tamén o mal porque pode enfermar ou matar, porque representou un auxe da economía en Galicia, pero ao mesmo tempo desapareceu da memoria… Quixemos tamén xogar coas portas e fiestras, que conectan coa parte máis psicodélica do fungo, con esas ‘portas da percepción’. Pero en todo momento estivemos atentas ao que xurdía, cos sentidos moi agudizados ante o que ocorría ao noso redor, para adaptarnos e recoller aquilo que non estaba planeado pero que tamén podería dar moito xogo, sobre todo de cara ao máis experimental do filme. (Pilar Abades)

Despois de todo isto, na montaxe, tivemos tamén moita guerra. A pesar de que xa coñecíamos de antes a todas estas persoas entrevistadas, e xa estaban familiarizadas coa gravadora, a cámara… Ante o dispositivo, a xente actúa de outra forma. Pareceunos importante incluír todos estes momentos onde a nosa presencia se fai evidente, que tal vez nun documental tradicional son cousas que quedarían fora da montaxe final, pero que para nós converteuse nunha forma de mostrar, quizás non transparencia, pero si que hai unha cámara e unha xente interferindo no discurso das persoas que hai diante. Quixemos que o ritmo deixase respirar, seguindo os propios ritmos das personaxes, sen intervir con moitos cortes na edición, apostando nisto coma un valor que nos separa dos tempos acelerados da actualidade. (Sabela Iglesias)

Quixemos tamén incluir pequenos detalles psicodélicos, coma flashes, con imaxes con poucos frames, pequenas animacións moi sutiles… Lembrando a todo ese tema relacionado co LSD. Houbo como un espírito común de querer probar e explorar opcións diferentes. Por iso tamén a música foi de especial interese, feita por Paulo Pascual co modulador de ondas. Xa dende o principio queríamos que a BSO fora de theremin, porque a historia nolo pedía, un instrumento que sona sen que o toques, con esa psicodelia que buscabamos e que actúa case coma unha personaxe máis do filme. (Adriana P. Villanueva)

A intención do documental tiña que estar durante todo o seu transcorrer, e por iso buscamos ter esa pegada tamén nos créditos e incluso no tráiler, que tiña que transmitir o misterio e esas ganas de coñecer máis. Co cartaz igual. Foi composto entre as tres, e intentamos buscar a mellor maneira de retratar o que se ía mirar despois no filme, cunha mesma liña estética. Por iso nos centramos no pan de centeo, ese alimento tan básico que alimentou a tantas persoas aquí en Galicia, manchado de púrpura, que fai referencia a esa parte máis psicodélica do cláviceps purpúrea, do que tamén se aproveita o título desta película. (Pilar Abades)

Creo que ás voces do filme, nun comezo, non lle daban a dimensión real do que estabamos facendo, porque chegábamos alí nos as tres dicindo que imos a facer unha película coa súa historia, e entre que a xente non valora moito o propio, e que somos novas, tres rapazas… Vamos, creo que moita xente pensaba que o documental non ía ver a luz. Pero despois da preestrea na MICE, onde fixemos un pase privado con moitos e moitas das protagonistas, ese pensamento mudou. Foi moi guay ver a toda esta xente fora do seu contexto, relacionándose entre si, porque para nós se relacionaban por separado, e só se unían a través do filme. (Adriana P. Villanueva)

Estamos súper contentas de contar por primeira vez con distribución en salas de cine, grazas ao traballo de Begin Again. Temos moitas ganas de que máis persoas miren a película e nos poidan dar o seu feedback. (Sabela Iglesias)

Se algo destaco de todo este proceso é o traballo en equipo e a conexión directa coas persoas e coa súa historia. É algo que ten máis que ver coa forma de estar no mundo que con todo o relativo ao creativo, sabendo escoitar, sabendo manter os ritmos de cada quen e respectando a nosa memoria, como non podía ser doutra forma. (Pilar Abades)

Adriana P. Villanueva, Sabela Iglesias e Pilar Abades

Podedes consultar toda a información sobre o documental e o seu paso polas salas a través da seguinte ligazón: https://negropurpura.gal/