Directores/as
Ollo de vidrio

QUE CREAS? Con Marta Valverde

Fotografía de making of de Laura Meijueiro

A nosa asociada Marta Valverde fálanos da súa última curtametraxe O tempo no que non fun eu, un proxecto entre a ficción e o documental que amosa unha cara non tan coñecida do traballo sexual.

“Este proxecto, ao que é probable que lle cambie o nome porque son un desastre poñendo títulos, naceu despois de que eu entrase en contacto en Asturias cun grupo de escorts politizadas. Descubrín con elas todo ese mundo do traballo sexual autónomo, que cuestiona moitísimo, de maneira reivindicativa, as formas tradicionais de traballo e tamén o como nos relacionamos coa nosa sexualidade, sobre todo no caso de persoas que se definen como mulleres. Para min foi coma un shock, porque dinme conta de que había moitos prexuízos que eu tiña asumidos sobre a profesión, e que dalgún xeito tamén pode ser unha postura moi radical de vivir.

De aí, dalgún xeito, xurdiu a necesidade de retratar isto, porque penso que non hai moitos retratos sobre prostitutas que non estean victimizados, ou que non sexan unha cousa como moi cliché. A todas se nos ven á cabeza Preatty Woman, ficcións ou documentais relacionados coa pobreza, coa trata… Que a ver, esas son historias que existen, pero non son as únicas, e eu como que dalgunha forma, ao coñecelo, quixen amosar un pouco o outro lado. E con isto tampouco é que eu queira situarme a prol ou en contra de nada, porque canto máis sei do tema, menos clara teño a miña postura en realidade, pero si quería dar unhas pinceladiñas sobre o tema, amosar que outros xeitos de convivir coa profesión son posibles, e tamén xerar un pouco de dúbida, remover un pouco os cimentos do espectador tal e como se viron removidos os meus.”

Fragmento da curtametraxe, cedido por Marta Valverde

“Eu case sempre traballara soa, e dende a forma máis documental. Acostumaba a ter un obxecto a retratar e pasarme un montón de días gravando, gravando, e gravando para intentar acadar o máximo material posible que fose interesante. Neste caso, o proceso tivo máis que ver coa ficción, e ao estar presentada á subvención de Talento de AGADIC, tiñamos un guión bastante pechado dende o principio, e iso foi para min algo moi diferente. Tamén foi diferente o feito de ter que comunicar a idea a un equipo, porque estaba acostumada a tela na miña cabeza, e ás veces nin iso. Simplemente era como por intuición, pero como recibimos a subvención o ano pasado, e de repente tiñamos cartos, pensei en formar un equipo e pagarlles polo seu traballo, porque tampouco me gusta demasiado pedir favores, estar pedíndolle á xente que traballe gratis, nunha idea que non é súa… Non sei, como que ata certo punto non me sentía de todo cómoda con iso, pero ao ter cartos como para facelo ben, non sei… Pareceume unha fantasía a verdade.

Inda non estando acostumada, co equipo foi moi doado traballar, compartir referencias… Entendémonos moi ben. Contactei con Arancha Brandón para que fose a miña directora de fotografía, porque estudamos xuntas, e é unha persoa que me mola moitísimo como traballa. Despois sumouse Laura Meijueiro como directora de arte, porque no proxecto, nunha parte, quixen centrarme moito en obxectos, bodegóns… E entón precisaba da axuda de alguén con ollo para as cores e as composicións, e Laura foi perfecta nisto. Logo, en rodaxe, completaron o equipo Silvia Seivane e Claudia Alonso, que foron fundamentais xa que estivemos rodando en A Guarda nun edificio abandonado, que era unha pasada, pero co que tivemos que dar a entender na imaxe que estaba habitado na actualidade, e foi un gran traballo en equipo de limpeza, recolocación…”

“Co que comecei a traballar foi con fotos que fun sacando durante eses meses que estiven en Asturias. Imaxes das compañeiras traballando e así, que ao contrario do que me podía esperar, esas imaxes falaban un pouco dos momentos de espera, do silencio, do compañeirismo entre elas traballando… Con esas imaxes estou facendo agora un fotolibro coa axuda da deseñadora gráfica Paola Arbildua.

Agora mesmo teño unha primeira montaxe rematada. Tal e como adoitaba traballar, no documental, partíamos da nada e a estrutura xurdía na propia montaxe, pero neste caso non, había una estrutura previa en guión que una vez vimos na montaxe… non funcionaba, polo que tivemos que recuperar un pouco esa forma de facer do documental, probando co material que tiñamos. Démoslle unha, dúas, tres voltas, e entón comezaron a aparecer cousas, que tal vez levar á curta máis cara a experimentación, pero que lle daban unha estrutura moito mellor a todo o fío da curta. O proceso foi moito máis longo do que esperaba, e máis complexo, pero tamén moi interesante, porque agora temos unha peza que non é exactamente ficción pero que tampouco é exactamente documental. É un híbrido entre unha cousa e a outra.”

“Estou actualmente traballando con Rubén Domínguez no son, porque practicamente todo vai ser reconstruído. Interésame recrear unha atmosfera que non sexa moi realista ou que pareza realista pero que en realidade teña un punto como medio estraño. Como toda a atmosfera visual é como bastante ‘cute’, como cun puntiño naif, quero darlle co son esa parte como máis profunda, por dicilo dalgún xeito. A idea é neste final de ano tela toda rematada para no 2022 comezar coa distribución”.

Marta Valverde