Directores/as
Ollo de vidrio

Que CREAS? Con Ángel Filgueira

Cando toco un animal é a nova longametraxe de Ángel Filgueira, unha historia que se centra en Mariña e Ada, unha parella de rapazas que aprenden a quererse, a descubrirse, a coñecerse en profundidade e a evolucionar na súa relación amorosa. Pero Tomás, un amigo de ambas, introdúcese na intimidade da súa relación, facendo que os vínculos treman, se alteren e se revolvan. Seis momentos da relación articulan esta película, construíndo unha mirada delicada pero salvaxe, próxima ás sensación reais dun recordo amoroso.

 “A premisa inicial da película era traballar tres personaxes a través da construción destas cos seus respectivos actores. Ter unha serie de escenas clave sobre as que poder traballar e construír unha historia a partir de aí. Creo que é do máis interesante que podo contar da peli, porque ten moito que ver co que vou descubrindo da miña forma de traballar.”

“Gústame ter tódalas fases do proceso creativo moi abertas, é dicir, ter unhas claves precisas para poder traballar pero estar sempre aberto ao que poida pasar. Dende a escritura pode dicirse que foi todo moi así, un pouco fragmentado, no sentido de que non foi tan lineal como se adoita. O proceso estivo aberto sempre, construíndose dende o casting, logo co traballo con estes maravillosos actores (Lidia Veiga, Ánxela Ríos e Xulio Anllo), logo tamén na rodaxe…

De feito tiñamos un guión pero íamos modificándoo constantemente. Fixen unha serie de escaletas onde anotaba aquilo que lle interesa a cada personaxe en cada secuencia, o que buscaba, e non tanto o que pasaba. E para chegar a isto tivemos que traballar moito cos actores, falando de como víamos as personaxes nesas situacións concretas, como víamos que vivían, que era aquilo que lles interesaba, por onde podían flutuar… Foi moi guai e moi interesante ver como unha película que nun primeiro momento tiña marcados uns puntos claramente máis narrativos (máis diálogos, historia máis marcada, a relación que avanzaba de forma máis lineal…) virou grazas ao traballo dos actores en algo máis de sensacións, máis físicas, e todo o proceso foi transformándose por ese camiño.”

“Traballamos moito con dinámicas corporais, e de feito, moitas secuencias, algunhas das máis importantes, saíron de aí. Foi moi bonito todo ese traballo, que foi posible grazas ao esforzo que puxemos tanto os actores coma min en coñecernos, en entendernos ben á hora de falar e escoitar. Foi moi bonito, e un proceso que todos vivimos de forma moi orgánica, descubrindo cousas, por onde tirar, xogando de forma moi aberta…

Co equipo tamén foi incrible. Había unha enerxía moi común. Todas as persoas entendían cara onde ía esta forma de traballo, que ao principio pode parecer un pouco estraña: deixar espazo aos actores para que se preparasen fisicamente para certas situacións antes de arrancar, intentar tirar toda a acción das secuencias toda seguida varias veces para non cortar a enerxía do momento… Todos entendían que este era o valor da película, e iso emocionoume a hostia.”

“Con todo… É arriscado, porque fas que a película poida tirar cara moitos lugares, pero tamén creo que se conseguen momentos súper reais e súper potentes, cheos de verdade, inda que non sexan o que tiñas pensado previamente dende un inicio. Non é nada doado, pero foi posible grazas aos actores e grazas a un equipo que estivo alerta ante o que podía suceder en todo momento, pendente de captar todos eses momentos que ían aparecendo. Desta forma sempre xurde algo novo, algo verdadeiro, e iso é o que a min me interesa.”

Ángel Filgueira