Directores/as
Ollo de vidrio

QUE CREAS? Con Andrés Goteira

O noso socio Andrés Goteira, director de Dhogs, anda embarcado nun novo proxecto titulado Welcome to ma maison. Trátase dunha longametraxe documental que explora as mans e a súa linguaxe non verbal no cinema de Nicolas Winding Refn, todo a través de Igor Fernández, un rapaz lucense de 25 anos. A película está actualmente en proceso de montaxe e o director fálanos das súas sensacións tras unha intensa rodaxe que levou ao filme ‘por camiños que non esperábamos’:

“Non contaba con facer un documental, nunca tiven esa idea. Estabamos no Festival de Sitges presentando Dhogs, a nosa primeira peli, cando recibimos un mail de un rapaz chamado Igor Fernández que quería facerme unha entrevista para a revista ‘Mutaciones’. Quedei con el ao día seguinte, durante case dúas horas, e aí dinme conta de que era unha persoa moi peculiar.

Desa entrevista case saquei eu máis que el. Gustoume moito a súa forma de ser, o seu amor polo cine… E é lucense, coma min! Sabía que estudara cine en Barcelona e interpretación en Madrid, e uns días despois faleille para manter o contacto e poder facer algo xuntos algún día.

Un tempo despois Igor faloume do seu proxecto final de mestrado. Tratábase dun ensaio sobre as mans no cine. Contoume que o fin era escribir un libro, e que estaba buscando contactar con Nicolas Winding Refn, que é un cineasta que é moi visual e que usa as mans con porqués, dándolle moita importancia. Pareceume curioso e empezamos a batallar sobre un posible documental desa procura, e así arrincou todo. Presentamos a AGADIC unha idea de guión… Fantasía pura porque non sabíamos o que ía pasar no documental, pero si o que queríamos que pasara. Meses despois, por sorpresa, axudáronnos. Tamén a TVG e a Deputación de Lugo, polo que conseguimos un orzamento moi bo para tratarse dun documental, e máis sendo o primeiro documental que facemos.

Comezamos a rodar moi intimamente a Igor nese avance cara Nicolas, moi en sucio, cunha cámara e un micro conectada á mesma. Obviamente non foi como escribimos no guión. Soñabamos con incluso chegar a Los Angeles á casa de Nicolas, falar con el… Pois ao final non pasou nada diso, pero pasaron outras cousas moi interesantes. Atopámonos coa vida persoal de Igor, as súas frustracións, soños, intentos, barreiras… Ao fin e ao cabo é actor, e os actores teñen a sensibilidade moi preto da pel, e iso notouse en todo o tempo que estivemos gravando con el.

A peli vai por aí, vai por mans, vai por procura, por soños, chascos… Vai por moitos derroteiros pero non polo que imaxinamos cando a escribimos. Agora temos máis ou menos 80h de brutos e material diverso, e supoño que inda rodaremos algo máis, pequenas cousas que nos falten.

Eu estou canso, a verdade. É un formato que está moi lonxe de onde eu me sinto cómodo. Necesito poder controlar as cousas, tanto no visual coma no sonoro, ás personaxes… Isto é todo o contrario. É gravar a vida íntima dunha persoa, ir detrás dela, sen colocar a cámara, co son que hai… Sinceramente ás veces pensamos incluso en abandonar. Non sei se quererei volver meterme nun docu. Nunha peli sempre hai moitos inconvenientes, pero polo menos podes agarralo, intentar cambialo ou modificalo ao día seguinte. Aquí é que se che escapa das mans sen que poidas facer nada. Tamén estás tratando coa intimidade dunha persoa e hai que ser responsable con iso. É moi esgotador, e de feito algún día sentinme máis como psicólogo que coma cineasta (comenta entre risas), pero aprendemos moitísimo en tódolos aspectos. Igor é unha persoa que se mostra como realmente é, ensina os seus medos á cámara sen problema, é moi real. Seguramente por iso sigo facendo este documental.

Agora arrincamos a parte de montaxe, temerosos. Hai vida gravada, e hai historia, diso estou seguro, pero pode ou non ser interesante para o espectador. Igor é anónimo, e non ten o tirón que podería ter unha personaxe coñecida. É un docu de risco porque non sabemos ata que punto pode interesar. A ver que pasa nestes meses, con ganas pero cansado (repite entre risas). Suso, o produtor, está un pouco coma min nesa liña de dúbida, coa experiencia dunha rodaxe dura pero coa sensación de ter aprendido moito. Nin a vida nin as películas son doadas. Temos ganas de pechar esta etapa e comezar con outros proxectos, tanto persoais como doutros directores e directoras. A ver se damos mantido esta produtora independente (Gaitafilmes) e seguimos a facer estas cousas que, por dicilo dalgunha forma, nos enchen a alma”.

Andrés Goteira