Directores/as
Ollo de vidrio

Que CREAS? Con Álvaro Gago

A finais do pasado mes de setembro daba comezo en Vilanova de Arousa a rodaxe de Matria, a primeira longametraxe do noso asociado Álvaro Gago.

Rematada esa etapa e mergullado en plena montaxe, Álvaro comparte con nós as primeiras impresións e sensacións do que foi e está a ser todo este proceso, do cal comenta que inda non ten a distancia suficiente como para poñer a cabeza aí. “Non tiven moito tempo para pensar como foi, pero como é habitual no meu traballo, intentarei tirar de impresións”.

Gago comenta que Matria é a historia de Ramona, unha muller de corenta e poucos anos, que vive nun pobo de Galicia sometida pola tradición e abocada ao traballo. Dende que tivo a súa filla, sempre sacrificou todo polo seu futuro, e durante o filme, verase empurrada a mirar cara dentro e a pensar que tal vez existe algo novo polo que vivir.

A película ten lugar no seno dunha sociedade rural-patriarcal, onde todo o mundo se coñece, e que está marcada por unha serie de normas non escritas, firmemente establecidas e ás que todos teñen que adaptarse. Ramona preséntase como unha muller contraditoria, que fai uso da auto burla, do humor, como ferramenta de supervivencia, e que ten bastantes dificultades para relacionarse cos espazos que habita, algo que lle impide ser transparente. Esa imposibilidade de ser transparente, de sentirse vulnerable, é un tema que transita ao longo da peli, e que responde en gran medida a unha presión económica e moral sufocante. Tamén a dificultade de xénero e a perpetuación dos valores e patróns patriarcais nas relacións interpersoais, e máis precisamente nas relacións materno filiais, son temáticas que están presentes. A película tamén trata sobre a necesidade de atopar persoas que se revelen contra as limitacións, sobre a importancia da empatía e do diálogo interxeracional, pero todos os temas tócanse indirectamente, a través da exploración das circunstancias, das relacións e do espazo íntimo da personaxe principal.

Respecto a isto, o director comenta que hai algo que lle preocupa particularmente: “Dame medo caer no erro de converter as imaxes, as películas, en receitas de como facer as cousas. Intento cada vez máis fuxir diso, deses absolutos. Teño a sensación de que, senón, as imaxes e o relato perden poesía e pasan a converterse nun panfleto. O político ten que latir por debaixo,  ten que vir despois e existir no debate posterior, pero non estar en primeira liña. De aí a decisión de tocar as diferentes temáticas a través da exploración da historia persoal de Ramona”.

Álvaro xa traballara antes nestes conceptos coa súa curtametraxe Matria, e comenta que o proceso de cara á longa foi complicado e de traballo de cóbado. “Eu tampouco creo noutra cousa. Creo en poñer os cóbados na mesa e en darse de fronte contra o que tes entre as mans, unha e outra vez. Tampouco hai outro segredo… Foi un traballo que probou moito o meu compromiso coa historia, a miña determinación á hora de levala a cabo e o meu ego. A escritura é un traballo de perspectiva. Navegas no teu propio universo, e no de todas as persoas ás que deixas entrar no teu proceso creativo, e con todo ese territorio a explorar, vas vendo por onde tiras, se colles isto ou o deixas, se abres ou non este ou outro melón… Foi unha experiencia que me deixou bastante exhausto. Enfronteime a ela da única forma que sei facelo, dende a intuición.

David Hume, filósofo empirista, falaba das ‘impresións do mundo’ que un absorbe a través dos sentidos, e de como esas impresións, unha vez pasadas pola razón, convértense en ideas. Eu funciono coleccionando impresións a través da experiencia. Para escribir, necesito experimentar sobre o que estou escribindo: ir aos lugares nos que vou a rodar, falar coa xente que vou a filmar, facer ou observar os traballos que vou a capturar… vivilo nas miñas propias carnes. Así obteño unha serie de impresións, que colecciono, e ás que despois intento dar forma para inserilas no guión. Non me resulta fácil ese proceso, porque en canto empezo a traballar coas impresións, estas tenden a perder forza, e resúltame complicado distinguir as que perden forza porque non a teñen das que a perden porque a razón se está metendo polo medio.

Aquí é onde xs aliadxs son fundamentais. Isto trátase dun proceso de traballo colectivo, e para min a escritura tamén o é, a pesar de que poida parecer que a fixen en solitario. Aí tiven a Mireia Graell, María Zamora, Dani Froiz, os meus produtores e produtoras, que estiveron moi activos desenvolvendo o guión comigo. Tamén os meus mentores, xa que grazas aos ‘labs’ puiden coñecer a xente que me abriu novos puntos de fuga, como Dimitris Emmanoulidis, Pablo Berger ou Ana Sanz Magallón, e como non, amigos e amigas cineastas.”

Respecto ao que foi en si a rodaxe, comenta que para el se trata dun traballo de adaptación onde por enriba de todo está disfrutar o proceso, e non sentiu demasiado a diferencia en comparación co traballo de dirección nas súas curtas. “Eu inda non sei moi ben como traballo. A miña experiencia é limitada. Tería que verme en máis situacións para despois analizar se hai puntos en común, pero teño a sensación de que intento poñer sempre por enriba ao colectivo e ao propio traballo en si, máis que aos resultados. Iso implica que teña que ser suficientemente flexible nos meus procesos para adaptarme ao tipo de película que estamos facendo, aos recursos dos que dispoñemos, ao tipo de persoal co que podemos contar… Porque xa de por si as rodaxes son lugares onde poden existir moitas tensións, onde pode haber moitos elementos que se poden desencaixar… En realidade o estado natural dunha película é que non se faga, polo que se os teus métodos de traballo non casan ben co tipo de proxecto, todo se convirte nun cóctel perigoso. Eu quero disfrutar da experiencia, algo que non exclúe a frustración, o sufrimento, a tensión… Pero quero disfrutalo, e só concibo iso se hai tamén unha adaptación pola miña parte na maneira de traballar.

A maior parte da xente que traballou na película estivo nas miñas curtas, levamos xa un percorrido xuntos e son xente da que me fío. A nivel produción, despregamento, número de persoas… Pois non sei. Na anterior curta, en 16 de decembro, nun día en concreto tivemos a máis xente da que tivemos en calquera día desta longa, polo que tampouco me sentín abrumado nese sentido. As semanas de rodaxe fixéronseme curtas. Si que é certo que o meu corpo xa me pedía parar, pero a nivel mental podería ter continuado un pouco máis. Foron cinco semanas, e fomos a un bo ritmo, pero é limitante no que se refire ao tempo que tes para re-pensar as cousas e probar novas fórmulas.

En canto ao equipo artístico, traballei como me gusta, con tempo suficiente para coñecer ás persoas que ían a participar na película. Eu non entendo a dirección de outra maneira. Necesito coñecer ás persoas, e cando digo coñecer ás persoas digo coñecer as súas familias, as súas nais, a seus pais, necesito coñecer un pouco como pensan, os seus medos, que lles sorprende, que non… Esa é a información que eu despois sinto que podo utilizar para dirixir.

Para min a dirección é sinónimo de flexibilidade, de entender a quen tes diante, de como podes establecer unha relación de confianza con unha persoa e que iso che permita despois poder acceder a certos lugares. Non teño un método… Simplemente intento estar cos ollos ben abertos e observar ao meu redor. Intento ser como unha esponxa, como estas típicas esponxosas amarelas do baño, que se inchan e se inchan en contacto coa auga. Eu un pouco o mesmo, intento absorber todo o que me dan as persoas para despois empregalo tendo en conta as circunstancias particulares de cada día de rodaxe. Penso que non emprego esa información desde un punto de vista manipulador. Non é que acumule toda esa información e sexa capaz de arquivala ordeadamente e utilizala de maneira precisa, senón que está toda mesturada e habita en min, e confío en que todo ese coñecemento, cando traballamos, nos permita chegar, conxuntamente, aos sitios aos que queremos chegar.

Sempre é fermoso e emotivo traballar con xente que se pon diante da cámara e de súpeto fan cousas extraordinarias. Darlles espazo, e sorprenderte tamén ti do que son capaces de facer, do que son capaces de entregarte, de canto son capaces de espirse, do xenerosos e xenerosas que son… É unha das cousas que sen dúbida máis disfruto de todo o proceso”.

Agora o proxecto atópase en fase de postprodución, e Álvaro fálanos da súa relación coas expectativas unha vez finalizada esa etapa de rodaxe da película. “As expectativas é algo que tanto á miña xeración como ás xeracións que veñen detrás nos fai moito dano. Non só a nivel das da realización dun traballo senón tamén vitais. Eu loito por desligarme todo o posible diso. Pelexo por vivir o momento. Xa bastante traballo me levou. Catro anos de traballo para chegar á rodaxe, como para pensar nas expectativas. Non quero, e autolimítome cando algún pensamento deses me contamina a cabeza. Non quero estar aí, quero estar presente, e ademais creo que o traballo o require. As sensacións que teño a día de hoxe son moi positivas, sobre todo a nivel de experiencia colectiva, que para min ese é o sentido de todo. En realidade o cinema tampouco ten que servir para moito. A súa función é existir, é congregar, é xuntar xente, polo que estou moi contento con como a xente se volcou coa peli, con como respondeu, como se mesturou con todo ese equipo colonizador que viña de fora… Unha rodaxe, normalmente, arrasa alí por onde vai, e estou contento cos mecanismos que empregamos desde a produción para mitigar un pouco ese efecto invasivo.

Tamén estou satisfeito co compromiso da xente e con como a produción da película se esforzou por ser xusta e xenerosa con todo o que ten que ver con horarios, salarios, etc. En todo caso, esta película serviume para rematar de ver que calquera que sexa o camiño que faga nun futuro, este terá que pasar antes de nada por avanzar cara facer cinema de maneira máis sostible. Hai cousas que fixemos ben, pero noutras podemos mellorar, eu o primeiro.

En canto á edición, eu necesito traballar man a man co montador. Estamos agora editando nunha estación de edición improvisada con Ricardo Saraiva, un montador brasileiro que estudou comigo na escola de cine de Londres, e co que xa montara 16 de decembro. A curta montámola en Londres pero desta volta veu el para aquí, para Santiago.

Durante a rodaxe, Ricardo ía xogando co material, e iso deume a posibilidade de manter conversas con el, de como ía vendo a montaxe, de se vía necesario volver a gravar certas cousas, etc. (ao inicio non quería ver nada do que rodábamos, pero tras un par de días convencinme do contrario). Catro ou cinco días despois de rematar a rodaxe xa tiñamos un primeiro corte. A partir de aí comezamos a traballar xuntos. Dende que deixei os mandos da edición, sinto que monto de verdade. A tecnoloxía metíaseme de por medio, tiña a cabeza posta que si no Ctrl+Z, que si no Ctrl+V… Ricardo é moito máis hábil coa tecnoloxía do que son eu, polo que agora sinto que podo estar totalmente focalizado na montaxe en si, no ritmo, na emoción, no espazo, no que estou vendo… Reconcilieime coa montaxe dende a dirección”.

Álvaro Gago