Directores/as
Ollo de vidrio

Os profesionais do audiovisual galego rexeitamos o modelo de produción da serie "El Faro"

Os profesionais do audiovisual galego rexeitan o modelo de produción da serie “El Faro”, creado para a FORTA polas produtoras galegas Agallas Films, Zenit TV, Cinemar e Pórtico.

A Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego -constituída pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación de Guionistas de Galicia (AGAG), a Asociación dos Técnicos do audiovisual Galicia (ATEGA) e a Asociación de Directores e Realizadores (CREA)- quere informar a todo o sector e a opinión pública que desde fai aproximadamente un mes está a recibir un crecente número de denuncias de profesionais de todo o estado relacionadas co proxecto de serie El Faro, unha produción financiada nun 50% pola TVG e na que participan case todas as televisións da FORTA (Federación de Organismos e Entidades de Radio e Televisión Autonómicos).

Na práctica totalidade das denuncias aparecen reiteradamente dous aspectos desta produción que, a ollos dos profesionais do sector, resultan alarmantes:

Que as empresas encargadas da produción da serie (Agallas Films, Cinemar, Zenit TV e Pórtico) ofrecen a técnicos, guionistas e directores uns salarios que están moi por debaixo dos actuais prezos do mercado; esa rebaixa resulta especialmente significativa no caso dos actores e das actrices, ós que se lles ofrecen unhas condicións que non se aproximan en absoluto ós mínimos establecidos no convenio colectivo. A isto hai que engadir que ós traballadores non se lles ofrece ningún tipo de contraprestación ás rebaixas salariais e que estas condicións foron impostas unilateralmente polos responsables da produción da serie, evitando establecer calquera tipo de negociación previa coas asociacións profesionais do sector. Este xeito de proceder, reprobable e denunciable en calquera produción, resulta absolutamente inadmisible nunha obra que se sufraga integramente con fondos públicos.

Que segundo a información coa que contamos, a serie estará ambientada nun contexto no que deliberadamente se obvia calquera referencia á identidade cultural específica de cada unha das distintas comunidades nas que se vai emitir. Isto non só non se axusta ós principios de defensa e promoción da lingua e da identidade cultural polos que se ten que rexer a programación da nosa canle autonómica, tal e como se recolle na Lei de creación da CRTVG; tamén, e dun xeito absurdamente paradoxal, choca cos valores de defensa da diversidade cultural e lingüística nos que se basea a propia existencia das televisións públicas autonómicas.

A Coordinadora entende que as denuncias formuladas polos profesionais do sector de dentro e fóra de Galicia están máis que xustificadas e declara o seu compromiso na defensa dos dereitos laborais dos profesionais do sector, así como na protección e conservación dos principios sobre os que se fundamenta o noso modelo de televisión pública.

Así mesmo, manifesta a súa profunda preocupación polo dano que un proxecto destas características pode causar ó prestixio da nosa industria audiovisual -valorada no sector pola profesionalidade dos seus traballadores e a calidade dos seus produtos-, así como á nosa televisión pública, que ata agora sempre destacou na produción de series competitivas, de calidade e que contribuíron decisivamente á difusión da lingua e da nosa identidade cultural.

A Coordinadora precisa que non cuestiona a viabilidade de novas fórmulas de coprodución ou financiamento que neste momento resultan máis necesarias ca nunca para o mantemento da industria audiovisual, pero entendendo que estas iniciativas nunca poden ser utilizadas como escusa para vulnerar os dereitos dos traballadores, nin a función de servizo público específico das televisións autonómica.

Por último, a Coordinadora pide a unidade do sector para solucionar o problema e reclama, tanto ás produtoras encargadas da realización da serie como á TVG e ó resto das televisións que financian a produción, que consideren as repercusións negativas que este proxecto, tal e como está concibido, poden causar na nosa industria e tomen as medidas pertinentes para reorientalo, de maneira que cumpra os mínimos requisitos laborais e de función de servizo público esixibles a calquera produción dunha televisión pública.

Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego
AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia
AGAG Asociación Galega de Guionistas
ATEGA Asociación dos Técnicos do Audiovisual de Galicia
CREA Asociación de Directores e Realizadores de Galicia.

APOIAN ESTE COMUNICADO:
FAGA: Forum de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales que integra a :
AGAG Asociación Galega de Guionistas
EDAV: Escriptors de l’Audiovisual Valencià
EHGEP: Euskal Herriko Gidoigileen Elkarte Profesionala
GAC-SiGC: Guionistes Associats de Catalunya-Sindicat de Guionistes de Catalunya.
TACEE: Técnicos Audiovisuales y Cinematográficos del Estado Español

FAEE: Federacion de Artistas del Estado Español que integra a:
Unión de Actores e Intérpretes de Andalucía
Unión de Actores de Asturias
Unión de Actores de Castilla y León
Unión de Actores de Madrid
Unión de Actores de Málaga
Associació de Professionals de la Dansa de Catalunya
Asociación de Profesionales de la Danza de la Comunidad de Madrid
Unión de Actores de Canarias
Professionals Dansa Comunitat Valenciana
Unión de Actores de la Región de Murcia

OSAEE: Organizacion Sindical de Artistas del Estado Español
Associació d’Actors i Directors Professionals de Catalunya
Euskal Aktoreen Batasuna
Associació d’Actors i Actrius Professinals de les Illes Balears
Sindicato de Actores de Aragón
Actors i Actrius Professinals Valencians

Podes descargar este comunucado en PDF en Español e Galego.

Interacciones del lector

Deixa unha resposta