Directores/as
Ollo de vidrio

ONDA DE TALENTOS

Novos talentos e longas carreiras profesionais, xente do cine, da televisión, dos novos formatos, da ficción, da animación, do documental… Toda esta diversidade forma a comunidade de profesionais da dirección e da realización que é CREA, e tódolos perfís teñen algo en común, o talento.

Como cada ano, a Axencia Galega das Industrias Culturais AGADIC lanzou o seu programa de axudas que intenta facilitar que os novos proxectos das creadoras e creadores galegos cheguen a materializarse. Fai uns días saíron as resolucións das Subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e as Subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. 35 foron os proxectos apoiados e 17 deles estarán dirixidos ou realizados por socias e socios de CREA.

Fatum do noso socio Juán Galiñanes é un dos proxectos de ficción impulsados, que levará a cabo baixo a produción de Vaca Films. “Pablo e Sergio vense envoltos nun atraco a unha casa de apostas. Un disparo cambiará as súas vidas para sempre”

“Sira ten 15 anos. Na fin do mundo, crecer é un camiño perigoso”. Este será o proxecto que dirixirá a nosa socia Sandra Sánchez, co título A nadadora.

Anxos Fazáns dirixirá As liñas discontínuas, un proxecto sobre o poder da sexualidade como elemento catárquico e mobilizador. “Denís é un rapaz trans de 25 anos en busca de traballo e independencia. Bea é unha muller de 50 anos que acaba de comezar o seu proceso de divorcio. Coñécense nunha situación estraña e violenta. Pese ao improbable da circunstancia xorde entre eles unha conexión inmediata”

Outro dos proxectos subvencionados é o dirixido pola nosa socia Manane Rodríguez. O título é A nai (La madre), e estará producido por Xamalú Filmes.

Monstro é a nova peza de Gaitafilmes dirixida por Andrés Goteira: “O home viaxou ao seu interior máis profundo e despois regresou á cidade, ao seu traballo, á súa vida de sempre”.

Ángel de la Cruz dirixe O conto da serea, unha longametraxe de animación baseada no relato do mesmo título de Gonzalo Torrente Ballester. “Gonzalo e Xosefina visitan en Galicia aos seus parentes Mariño obsesionados coa lenda da Serea que cada xeración leva a un deles. Aínda que inicialmente son escépticos, axiña descubrirán que segue disposta a facelo de novo”

Con outro proxecto de animación temos a Fernando Cortizo, que dirixirá a longametraxe SHKID, unha película homenaxe aos nenos de Terezín, grupo de resistencia durante o holocausto, creadores da revista VEDEM e cuxos debuxos serviron máis tarde de proba nos Xuizos de Nuremberg.

Fon Cortizo dirixirá a longa documental Songs for the Apocalypse, un relato periférico das marxes do soño americano que segue os pasos de Micah P. Hinson. As fendas entre a realidade e a ficción é o terreo onde brota a historia do cantautor de Texas.

Xacio Baño estará á cabeza de dous proxectos, unha curtametraxe e unha longa documental. Tanto a longametraxe de non-ficción Recordos. Saúdos. Apertas, coma a curtametraxe Non te vexo parten da busca e da investigación sobre a negación da imaxe, e volven ao traballo sobre o non-dito e o non-amosado. Os dous teñen en común que son relatos colectivos. Recordos. Saúdos. Apertas. ademais é parte dunha triloxía de filmes centrados na palabra manuscrita (despois de Eco e de Augas Abisais).

Con proxectos por partida dobre tamén está o noso socio Álvaro Gago. Con Matriuska Producciones dirixirá a súa primeira longametraxe Matria (antes Algo parecido á felicidade). “Ramona vive nun pobo de Galicia sometida pola tradición e abocada ao traballo. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla, verase empurrada a mirar cara dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir”.  Dirixirá tamén a curtametraxe Monte. “Victoria e Manuel teñen moitos problemas, pero téñense a eles”.

Despois da recente premiere da súa última longametraxe Ons, o director Alfonso Zarauza dirixirá o filme para televisión A máscara.

É o caso tamén de Jorge Coira, que tras o éxito da serie Hierro dirixirá con La Ley del Plomo o seu novo proxecto cinematográfico Proxecto Emperador.

Unicorn Wars é o novo proxecto de animación de Alberto Vázquez, onde dous irmáns osiños, Azulín e Gordi, son instruídos no campamento corazón para ir á guerra contra os unicornios que habitan no bosque máxico. Eles teñen a súa propia guerra interna e o bosque será unha intensa proba de supervivencia.

Xavier Villaverde dirixirá o documental María Casares: a muller que viviu mil vidas, un retrato creativo e de autor sobre María Casares, unha das actrices mais cegadoras do século XX, exiliada en Francia en 1936, amante inseparable de Albert Camus e nacida en 1922 en Galicia.

Por último, Lucía Estévez dirixirá una nova curtametraxe titulada O neno sardiña, con Cósmica Producións. “O barrio viste de negro parodiando un cortexo fúnebre nunha xornada de celebración arredor dunha fogueira que queima o ceo sobre as cabezas dos presentes. Miguel, afastado da multitude, busca respirar baixo a auga da ría”.

Aquí remata esta longa lista de proxectos que sairán á luz nos vindeiros meses. Unha onda á que se unen os subvencionados da convocatoria a talento resolta en verán, e na que tamén se atopan nove dxs nosxs socixs. Con proxecto de guión está de novo Lucía Estévez con As defensas, Giselle Llanio con Vidas perras e Rubén Coca con Detrás da luz. Con curtametraxes, David Fidalgo con Sandwich cat, Marta Varlverde con O tempo no que non fun eu e Brandán Cerviño con A comuñón da miña prima Andrea. Por último tres proxectos de longametraxe, con Ángel Filgueira con Cando toco un animal, Rafa de los Arcos con Bervena e Carlos Peñalver con Serra da estrela.