Directores/as
Mediateca

Nace a Bolsa CREA para apoiar a cineastas na escrita de tratamento

BOLSA CREA forma parte da decidida aposta de CREA polo talento e pola labor creativa das profesionais da dirección e realización de Galicia. 

Unha bolsa destinada a apoiar a escrita de tratamento dun proxecto de longametraxe cinematográfica, de ficción ou documental. Nesta primeira edición, un único proxecto recibirá unha dotación de 2.000 € coa finalidade de ofrecer un primeiro pulo á creación ás persoas socias da asociación.

Unha iniciativa dirixida a ofrecer tempo e apoio nun momento determinante e fráxil do proceso creativo. Determinante porque é deste impulso inicial de onde nacen as grandes historias. Fráxil porque é un momento sen rede de seguridade, sen axudas nin guías.

BOLSA CREA nace do compromiso de CREA por acompañar, ser apoio e motivación para creadores e creadoras de Galicia e en lingua galega. Sempre coa vontade de construír novos espazos. Espazos de visibilidade ao talento do noso sector. Espazos para a consolidación dun ecosistema audiovisual galego diverso, igualitario, profesional e conectado co mundo.

As bases e o formulario de inscrición están dispoñibles na nosa web: https://www.crea.gal/actividade/bolsa-crea/