Directores/as
Ollo de vidrio

Mariana Carballal: “faime moi feliz que me consideren ‘amiga especial’ do Festival de Cans”

Fotografía de Nano Amenedo. Festival de Cans, 2019

O Festival de Cans, que este ano celebra a súa XVII Edición, recoñece a Mariana Carballal co premio Chimpín de Prata Pepe Puime. Trátase dunha distinción que pon en valor o seu traballo en materia de igualdade e, en palabras do propio Cans, ‘a súa laboura como embaixadora e boa amiga do Festival’.

A nosa socia cóntanos as súas sensacións tras coñecer a noticia:

“Este ano celébrase a edición XVII do Festival de Cans. Asisto ao Festival desde a II edición. Daquela descubrín o termo agroglamour, da man de Isabel Blanco (AISGE). A partir dese momento xa non puiden deixar de volver a Cans. Fun xurado, ‘animadora’, conferenciante, profesora, e sobre todo amiga incondicional do Festival.

Este ano, cando aínda non chegara a COVID, recibín una chamada de Pato (director do Festival), desde París, para comunicarme que me concedían un Chimpín de Prata Pepe Puime. A verdade é que me emocionei moito. Polo chimpín e polo que significa.

O traballo que desenvolvo co Proxecto Orballo: Audiovisual nas aulas con perspectiva de xénero, arrancou en Cans e co apoio de AISGE. Alí recibimos alumnado da ESO e bacharelato e comprobamos que interesa, que gusta e que ten percorrido. Con este proxecto queremos que reciban de primeira man información, reflexión e unha forma nova de ver o audiovisual. Unha actriz e un actor, acompáñanme en cada obradoiro. A súa testemuña é valiosísima a hora de ‘contar o audiovisual desde dentro’, á hora de analizar series e por ao alumnado no lugar dos universos creados para el. Decidimos pasar a acción con este proxecto no traballo pola igualdade e con perspectiva de xénero, despois de varias edicións participando en mesas de debate sobre a situación da muller no audiovisual. As estadísticas demostran que a pesar de ser evidente a desigualdade, de ter leis que obrigan a cumprila, dunha maior concienciación social e profesional, as porcentaxes das mulleres en postos de dirección, case non se moven. Pensamos que debiamos engadir o noso traballo ao plano educativo, onde ofrecer novas opcións de análise dos contidos para ampliar o seu coñecemento en valores, diversidade e pluralidade.

O proxecto Orballo tamén se presentou no OUFF, e foi recollido pola Deputación de Ourense para levalo aos IES do rural. A pandemia detivo o proxecto ao igual que case toda a nosa vida cultural.

Que este proxecto xunto co traballo que desenvolvo pola igualdade na cultura na asociación CYM (Clásicas y Modernas), sexa recoñecido, prodúceme moitísima alegría. Pero sobre todo, faime moi feliz que me consideren ‘amiga especial’ do Festival.

Aproveito para agradecer ao Festival E AO SEU EQUIPO o labor que desenvolven cada ano, por colocar o cinema galego en primeira liña, por apostar polo rural, por ser capaces de implicar a unha comunidade e facerlle sentir que o Festival lles pertence.

E este ano, por este CHIMPÍN DE PRATA!!!

VIVA CANS!”

Mariana Carballal