Directores/as
Ollo de vidrio

DO PAPEL Á PANTALLA

Dende a asociación CREA e a Fundación SGAE, co apoio de Agadic, convocamos o Ciclo de Masterclasses online “Do papel á pantalla. Con estas charlas queremos coñecer de primeira man algúns dos procesos que atravesamos como profesionais da dirección e realización audiovisual.

As charlas, que terán lugar a partir do vindeiro día 6 de marzo, celebraranse a través da plataforma Zoom e serán de acceso gratuíto e limitadas a socios e socias de CREA e SGAE, previa inscrición.

.

6 – 7 DE MARZO | 11:30h
ISMAEL MARTIN – O UNIVERSO DA DISTRIBUCIÓN

Na súa traxectoria profesional distribuíu máis de 700 curtametraxes en festivais de cine, acumulando máis de 20.000 seleccións e 3.000 premios, entre eles numerosas nomeacións aos Goya e dúas nomeacións aos Oscars. Nos últimos anos comezou tamén a distribuír longametraxes independentes en festivais. Actualmente está desenvolvendo o proxecto Selected Films, para a distribución de curtametraxes e longametraxes independentes, que este mesmo ano conseguiu tres nomeacións aos Premios Goya.

As súas charlas acostuman a ser moi prácticas, e nelas explica que a distribución non só trata de mover un traballo en festivais, senón tamén de darse a coñecer como autor e planificar moi ben cales son os festivais aos que se quere acudir, buscando que teña sentido que a túa curta estea nun determinado festival ou plataforma e apostar por aquilo no que te diferencias.

.

11 DE MARZO | 20:00h
CARLA SIMÓN – PROCESOS CREATIVOS

Directora de cine e guionista catalana. En 2017 escribe e dirixe a súa primeira longametraxe titulada Estiu 1993, un relato autobiográfico que narra a súa infancia a través da personaxe de Frida. A película conseguiu gañar tres Premios Goya, entre eles á mellor dirección novel, e colleitou premios noutros eventos como no Círculo de Escritores, os Feroz, os Gaudí… O seu filme foi seleccionado en 2017 pola Academia para representar a España nos Premios Oscars.

Durante a súa charla Carla falará do seu traballo na longa e nas súas curtametraxes, abordando o seu proceso creativo dende a concepción da idea ata o proceso de escritura do guión, así como da necesidade ás veces de filmar certos rostros, espazos e un longo etc.

.

20 DE MARZO | 12:00h
PABLO BERGER – PROCESOS CREATIVOS

Director de cine e guionista español. Tras exercer como profesor na NY Film Academy dirixe a súa primeira longametraxe Torremolinos 73 (con Javier Cámara, Fernando Tejero e Candela Peña). En 2012 dirixe a súa segunda longametraxe, Blancanieves, coa que gañou 10 Premios Goya, entre eles a mellor película, e coa que conseguiu a selección da Academia para representar a España nos Premios Oscars. En 2017 estreou a súa última película Abracadabra.

Durante a súa charla Pablo abordará o seu proceso creativo en cine e publicidade, atendendo cuestións de guión e dirección, así como tamen aqueles que xurden da propia edición e a necesidade de contar certas historias.

.

25 DE MARZO | 18:00h
ENRICH ABOGADOS E MARÍA MATEO – ASPECTOS LEGAIS PARA PROFESIONAIS DA DIRECCIÓN E A REALIZACIÓN

Enrich representa un equipo de avogados que integra especialistas en dereitos de propiedade intelectual e imaxe, con formación e experiencia en cine, música, arte e nas industrias culturais en xeral. María é especialista en dereitos de autor e avogada dos Servizos Xurídicos da SGAE e a encargada de dar asistencia xurídica á División Audiovisual desta unidade.

Durante a charla falarase sobre a labor das Entidades de Xestión de Dereitos e a xestión de dereitos remuneratorios, ademais de cuestións relacionadas coa Lei de Propiedade Intelectual na obra audiovisual e dos contratos de dirección, ademais de atender ás cuestións que sexan de interese para as persoas asistentes, a través da participación activa na charla.

.

1 DE ABRIL | 18:00h
CELIA RICO – PROCESOS CREATIVOS

Directora e guionista andaluza. Comezou traballando no equipo técnico de películas como Blancanieves de Pablo Berger, ou Guest de José Luis Gerín. En 2012 dirixe a súa primeira curtametraxe Luisa no está en casa, participa como coguionista no 2016 na longa Quatretondeta e non é ata o 2019 que dirixe e escribe a súa ópera prima Viaje al cuarto de una madre, gañadora do Gaudí ao mellor guión e o premio, entre outros, á mellor dirección revelación nos Premios do Círculo de Escritores Cinematográficos.

Na súa charla Celia falará do seu proceso creativo e abriranse temas como os impulsos que levan aos cineastas a facer unha película, a concepción do guión e a rodaxe, así como tamén a relación existente entre obra e entorno.