
Durante o Conecta Lab terán lugar unha serie de actividades co propósito de axudar ás e aos cineastas na súa formación como profesionais, darlles novas perspectivas, puntos de vista e posibilidades, ademais de facer que conozan un pouco máis o lugar no que se atopan.
Un dos retos máis importantes para todo creador e creadora é a necesidade de imaxinar e vislumbrar os camiños do futuro, de ver más aló das sombras. Como todo proceso creativo, tamén esa construción dos elementos que formarán parte da realidade vindeira é un proceso de creación colectivo no que a inspiración chega do pasado, da imborrable memoria, pero tamén do presente e do trepidante panorama creativo.

Este ano contaremos coa presencia de Modulador de Ondas, un proxecto artístico liderado polo compositor e thereminista galego Paulo Pascual. A súa proposta combina theremin, electrónica e imaxes proxectadas, creando unha atmosfera única e altamente cinematográfica. L.A.R. Legido, músico, investigador sonoro e profesor de batería establecido en Santiago de Compostela. Traballa en proxectos como Sumrrá, IGMIG ou Nacho.Faia.Lar. Coñecido polo seu enfoque experimental e performativo, así como pola súa exploración das posibilidades rítmicas e tímbricas da percusión. Traspielas é un proxecto artístico da cantante e compositora galega Su Garrido Pombo. Xunto co seu equipo o proxecto busca celebrar a memoria colectiva da aldea de Traspielas a través dunha obra musical, poética e visual que combina pezas tradicionais recollidas na zona con imaxes actuais e de arquivo. Por último, Garza é o proxecto de música electrónica de Adrián Charlín. O seu primeiro traballo, Alborada (2021), mestura estilos experimentais e de club, e o seu segundo álbum, Interferencias (2022), foi finalista nos Premios Martín Códax. En 2025, publicará No Limiar, o seu traballo máis persoal e que afonda na súa característica concepción visual da música electrónica.



