Directores/as
Ollo de vidrio

A pegada galega da 23ª Edición do Festival de Málaga

O Festival de Málaga, unha das citas máis importantes do cinema nacional, deu comezo a pasada semana á súa 23ª Edición despois de que por mor da actual crise sanitaria se vise obrigada a aprazar as súas datas máis de cinco meses. Neste tempo conseguiu crear un modelo adaptado ás esixencias da nova realidade: Aforo reducido, protocolos anti covid-19 e apartados reconvertidos a un formato web. Unha aposta pola seguridade que non renuncia á esencia presencial dos festivais de cine.

Aínda que a situación fixo que a programación inicial se vise reducida case nun 25%, hai que destacar unha notable presenza galega entre as obras seleccionadas, tres das cales pertencen a directoras e directores de CREA: Xoves de Comadres de Noemi Chantada, Homomaquia de David Fidalgo e Carta Nº4 de Marcos Nine.

En total oito producións galegas forman parte das diferentes seccións oficiais. “Isto é cada vez máis habitual”, explica Noemi, “vexoo normal porque penso que hai un talento enorme en Galicia. Agora estamos un pouco no punto de mira, pero xa antes de estalo había traballos, directoras e directores moi potentes”.

A súa curtametraxe, Xoves de Comadres, trátase dunha especie de homenaxe ao traballo das coidadoras: “É un tema que coñezo porque a miña nai foino toda a vida. É unha labor que non está especialmente valorada ou na medida na que o merece. Durante a pandemia viuse que o mundo do coidado é fundamental, que precisamos atención de calidade, empatía… Vai máis aló de exercer un traballo, é algo que se fai dende as entrañas. Así é como o realizou a miña nai sempre, e eu quixen contar un pouco sobre isto”.

A peza fixo a súa primeira proxección dentro da Sección Oficial de Curtametraxes de Ficción. “Estrear en Málaga foi un subidón!” comenta a directora. “O feedback da xente, dos compañeiros e compañeiras foi moi bo, e marchamos cunha sensación estupenda. A experiencia disfrutámola unha barbaridade. Agora mesmo estamos no avión de volta e danos unha rabia tremenda! Pensabamos que a nosa historia era pequena e en certo modo persoal, pero que lle parecese interesante a tanta xente fixo que despexásemos moitas dúbidas”.

Disto tamén nos falou David Fidalgo, director da curtametraxe de animación Homomaquia, que participa na Sección Oficial de Curtametraxes Animazine: “teño a sensación de que a curtametraxe en Galicia toma unha deriva cada vez máis persoal, cunha autoría presente e que abraza máis a súa orixe. Cóntanse historias que de algunha maneira soamente poderían ocorrer aquí. Cada vez hai máis orgullo do noso, e iso empeza a valorarse fora de Galicia”.

A súa peza, animada con máis de 8000 debuxos feitos a man, conta a historia dun mundo onde os seres humanos, cun carácter primitivo e máis animal, son tratados por uns seres sombríos da mesma maneira na que na realidade tratamos aos touros: “vamos, que é unha clara crítica ao mundo taurino, e inda que tamén falo doutros temas, fundamentalmente é un relato sobre a liberdade”, indica David. “A idea xurdiume fai moitos anos, na miña etapa de estudante en Belas Artes en Pontevedra. A facultade está a cinco minutos andando da Praza de touros, que permanece activa, e ese choque tan controvertido de dous mundos tan diferentes captou a miña atención”.

O proxecto conta xa cun longo percorrido por festivais. Este mesmo ano estivo nomeada a un Premio Goya e foi gañadora do Premio Mestre Mateo XVIII á mellor curtametraxe de animación, entre outros recoñecementos e seleccións. “Estou moi ilusionado. O Festival de Málaga é un escaparate xenial” comenta o director, que por mor da incertidumbre causada polo aumento de casos de coronavirus na súa cidade de residencia, A Coruña, decidiu non asistir ao certame: “Podería contarche más sobre vivir esa experiencia se estivese alí, pero quedei aquí con coa envexa a distancia jajajaja Pero ben, estou seguro de que haberá máis oportunidades de asistir e será moito mellor”.

As oportunidades para o cinema feito en Galicia parece que non han de faltar, posto que cada vez cobra máis significación no panorama nacional e internacional. Así nolo comenta Marcos Nine, director de Carta Nº4, que tamén estrea aquí a súa peza, na Sección Oficial de Curtametraxes Documentais: “Málaga sempre foi un evento que estivo atento ó que estaba pasando no seu conxunto”. O director é a terceira vez que participa no Festival e comenta que “estrear en Málaga é un orgullo. Téñolle moitísimo aprecio porque desde hai anos vén amosando moito interese polo meu traballo”.

A curta, que está ambientada nunha campaña electoral, moi marcada polo contexto de crise que se estaba a vivir no 2008, naceu como un proxecto de correspondencias co director Eloy Domínguez Serén, fai xa oito anos, e nunca chegou a rematarse. “Foi este ano, cando volvín ver a peli, cando me din conta de que o tempo e a distancia facía que a peza tivese outras lecturas. Foi así como se me ocorreu que ao mellor este era o momento de intentar que vise a luz”.

Sobre a película Marcos comenta que ten moito de política pero tamén dunha visión cíclica da realidade. “Vivimos momentos xa vividos e que probablemente volvamos vivir. Os discursos políticos, que teñen moito de retórica baleira, forman parte tamén desa idea de bucle temporal ou mesmo de déjà vu. De feito se comparamos as recentes eleccións galegas coas que aparecen na curta veremos que son terriblemente similares nas súas mensaxes”

Xunto a estas tres pezas, que conforman a representación da Asociación no Festival, atópanse as obras galegas Mare de Guille Vázquez, Hasta el cielo de Daniel Calparsoro, A media voz de Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández, Lúa vermella de Lois Patiño e Carne de Camila Kater. Unha escolma do talento audiovisual galego que seguirá deixando a súa pegada nas salas e festivais de cine, a medida que van recuperando a súa normalidade.