
Que é ConectaLAB?
ConectaLab é un laboratorio para creadores/as audiovisuais, que impulsa e acompaña o seu proceso de creación, escrita e desenvolvemento de longametraxes e series (tanto de ficción como documentais). Os proxectos seleccionados recibirán asesoramento de guión e dirección por parte de profesionais recoñecidos/as, durante unha residencia artística de sete días que terá lugar na Illa de San Simón (Pontevedra). A residencia da edición 2026 terá lugar entre os días 14 e 20 de abril.
O laboratorio está organizado por CREA co patrocinio da Xunta de Galicia a través de Agadic e de DAMA.
–
Para quen?
ConectaLab está especialmente deseñado tanto para guionistas como para profesionais da dirección de Galicia, que estean a desenvolver un guión de longametraxe ou serie, ficción ou documental, do cal dispoñan, cando menos, dunha primeira versión completa. Non será preciso dispoñer de produtora para inscribirse ao laboratorio.
ConectaLAB forma parte dun percorrido de acompañamento de proxectos e creadoras/es que comeza coa xornada de encontro entre profesionais de dirección e guión, Conecta, na que participan persoas con proxectos en calquera fase de desenvolvemento. Conecta+ é o seguinte paso, no que os proxectos son presentados, en reunións un a un, ás máis importantes produtoras galegas e estatais interesadas no seu futuro desenvolvemento. ConectaLAB vai máis aló, tratando de apoiar a creadores e creadoras nunha das etapas máis fráxiles do proceso creativo: a escrita.
Conecta, Conecta + e ConectaLAB son actividades independentes, aínda que totalmente interconectadas. Non é preciso participar en Conecta ou Conecta + para inscribirse en ConectaLAB.
A inscrición está aberta unicamente para proxectos de autoría galega (creados por persoas nadas ou con residencia en Galicia).
Illa de San Simón
A illa de San Simón é un espazo único situado no corazón da ría de Vigo. As súas dúas pequenas illas, conectadas por unha ponte, foron escenario dalgúns dos episodios máis destacados da nosa historia. Desde os templarios e franciscanos, primeiros habitantes do arquipélago na Idade Media, ata os piratas ingleses de Francis Drake, que saquearon San Simón no século XVI, as illas presenciaron acontecementos históricos cruciais como a Batalla de Rande, episodios da Guerra de Independencia Española ou da Guerra dos Irmandiños. A súa ubicación privilexiada fixo do arquipélago o lugar idóneo para a creación dunha leprosería ou lazareto no século XIX e, posteriormente, dunha prisión e campo de concentración durante a Guerra Civil e os anos do franquismo.
Hoxe, San Simón tenta reverter a enerxía que aínda latexaba no seu corazón, converténdose nun espazo público para a creación cultural e, ao mesmo tempo, nun recordo imperecedoiro do sufrimento e da infamia. A elección deste lugar tan cargado de historias, de emocións, de narracións, non é casual.
A illa de San Simón, un espazo para a creación.
EDICIÓN 2025
CONECTA LAB
—
–
EDICIÓNS ANTERIORES






