Directores/as
Ollo de vidrio

Conecta LAB. Encontro con Claudia Costafreda e Mikel Rueda

Encontro con Claudia Costafreda e Mikel Rueda o vindeiro día 05 de maio ás 18:00h, sobre procesos creativos detrás de series como Veneno ou Cardo (Atresmedia).

O encontro será gratuíto e celebrarase online, previa inscrición, a través da plataforma Zoom. O acceso será prioritario para as persoas pertencentes ás asociacións organizadoras ou colaboradoras, queadando despois aberto ao público ata cubrir o número máximo de prazas, limitadas a 100.

Inscríbete pinchando aquí!

BIOFILMOGRAFÍAS
Claudia Costafreda é graduada na ESCAC na especialidade de dirección cinematográfica, onde tamén desempeñou papel como docente. O seu proxecto final de grao, Néboa, obtivo recoñecementos como, entre outros, o premio á mellor curtametraxe no festival de Huesca, selección no Festival de Málaga ou a candidatura aos Premios Goya e aos Premios Gaudí. Un ano máis tarde, xunto a ESCAC films e coa colaboración do ICAA, filma a súa segunda curtametraxe: Benidorm 2017, protagonizada por Yolanda Ramos e Tamar Novas. Con este traballo gaña a biznaga de prata á mellor curtametraxe no Festival de Málaga ademais de circular por decenas de festivais nacionais e internacionais. Traballou como guionista de Veneno, a serie de Javier Calvo e Javier Ambrossi, producida por Atresmedia Studios. Acaba de estrear a súa primeira serie como creadora, guionista e directora: Cardo, xunto a Ana Ruxas, producida por Buendía Estudios e Suma Content, que foi galardoada co premio Feroz á Mellor actriz protagonista e á Mellor serie dramática. Actualmente está a desenvolver, xunto a Lluís Sellarès, a súa ópera prima, Olimpo así como pre-producindo a segunda tempada da serie Cardo.

Mikel Rueda é Licenciado en Comunicación Audiovisual pola UN na especialidade de guión, e Postgraduado en Dirección Cinematográfica pola New York Film Academy. A súa primeira longametraxe Izarren Argia (2010), entrou a competición dentro da Sección Oficial Novos Realizadores do Festival Internacional de San Sebastián en 2010. A súa segunda longametraxe, A escondidas, tivo estrea na Sección Oficial do Festival de Málaga. En 2015 filma a súa primeira longa documental, Quinta Planta, estreada tamén en San Sebastián, na sección Zinemira. A súa terceira longametraxe, El doble más quince, protagonizada por Maribel Verdú, competiu no Festival de Málaga e posteriormente tivo estrea en salas da man de Filmax. En 2020 dirixe dous capítulos de Veneno, serie creada por Javier Calvo e Javier Ambrossi. Actualmente escribe a súa cuarta longametraxe e unha serie de ficción.

O encontro forma parte do ciclo promovido no marco do Conecta LAB, organizado dende CREA, coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e da Fundación SGAE.