Directores/as
Ollo de vidrio

Conecta LAB. Obradoiro con Victor Duplá

Obradoiro práctico e presencial con Victor Duplá o vindeiro día 11 de xuño, de 10:00h a 14:00h e de 15:30h a 20:30h sobre o traballo con actores e actrices, na sede da Fundación SGAE de Santiago.

Taller intensivo, de 8 horas de duración, dirixido a directores, directoras, creadores e creadoras interasadas en explorar a dirección de actores e actrices. Podedes reservar a vosa praza enviando un correo a formacion@crea.gal co asunto “Obradoiro Víctor Duplá”. A formación terá un custe de 30€ que inclúe o xantar desa xornada.

O contido do taller estará dividido en tres bloques: Clima na rodaxe, traballo co texto e carácter.

Clima na rodaxe:
Traballarase con ferramentas que axuden a xerar un clima axeitado, segundo o contido da secuencia, antes de dar MOTOR e ACCIÓN, de forma que o interprete poida entrar na frecuencia do material e gravar con máis liberdade e confianza. Neste bloque falarase tamén do xénero, linguaxe e estilo dunha obra audiovisual. 

Traballo co texto:
Traballarase con ferramentas para analizar o texto e o subtexto, e como descubrir xunto ao intérprete que é o que está en xogo en cada secuencia. Neste bloque falarase tamén do traballo da acción, diálogo e conflito.

Carácter:
Neste último bloque traballarase con ferramentas básicas para definir o carácter das personaxes e traballaremos co concepto de “Ollo clínico”. O/a intérprete debe ser un instrumento libre e afinado que canaliza a personaxe para contar a historia. O director debe ser un facilitador desa canalización. Aprender e/ou entrenar a capacidade de observar e tomar conciencia de cales son as virtudes e defectos propios e dos/das intérpretes, contribuirá de maneira directa a distinguir cales destas virtudes e defectos potencian ou dificultan cada proceso creativo.

BIOFILMOGRAFÍA

Actor, profesor e director de teatro de orixe cántabro. Formouse na Escola de Arte Dramática de Santader e na Escola Internacional do Actor Juan Carlos Corazza. Durante eses anos de formación, realiza varios traballos profesionais en teatro como Despertar de Primavera, dirixida por Corazza. Traballou en outras obras como El gordo y el flaco ou Fariña, dirixida por Tito Asorey. Traballa tamén como actor en cine e televisión, como en El club de los suicidas, Quien a hierro mata, Hospital Central, Fariña ou La Unidad.

Ao rematar a súa formación, compaxina o seu traballo de actor co de coach e profesor de interpretación e director de diversos proxectos. Traballou na Escola de Arte Dramático de Las Rozas, así como na coordinación e dirección da área de teatro do Festival Artes No Camiño ou na dirección da agrupación teatral La Luciérnaga de la ONCE de Madrid. Imparte varias masterclass e talleres intensivos de dirección de actores con asociacións como CREA, AAAG, ou escolas como Ficción Voz Audiovisual. A leituga de Cesar Sierra e con produción de Eme2 foi a súa primeira dirección de teatro en Galicia en lingua galega.

O encontro forma parte do ciclo promovido no marco do Conecta LAB, organizado dende CREA, coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e da Fundación SGAE.