Directores/as
Ollo de vidrio

Conecta LAB. Mesa redonda con Heidi Hassan, Patricia Pérez e Nuria Giménez

Mesa redonda con Heidi Hassan, Patricia Pérez e Nuria Giménez o vindeiro día 28 de abril ás 18:00h sobre procesos creativos no cinema de non-ficción, no cinema do eu e na montaxe a partir de material de arquivo: found footage e collage animado.

O encontro será gratuíto e celebrarase online, previa inscrición, a través da plataforma Zoom. O acceso será prioritario para as persoas pertencentes ás asociacións organizadoras ou colaboradoras, queadando despois aberto ao público ata cubrir o número máximo de prazas, limitadas a 100.

Incríbete pinchando aquí!

BIOFILMOGRAFÍAS
Heidi Hassan é unha creadora cubano-suiza que reside actualmente en Madrid. Concilia un traballo persoal como cineasta, artista visual e fotógrafa, con numerosas colaboracións como directora de fotografía para documentáis. Os seus traballos, entre os que destaca o seu último filme, dirixido xunto a Patricia Pérez, A media voz (2019), foron presentados en prestixiosos festivais e recibido numerosas destincións entre as que cabe destacar o Premio ao Mellor Documental en IDFA, así como no Festival Internacional de La Habana. Premio á Mellor Dirección Documental no Festival de Málaga, Premio do Público en Documenta Madrid, Premio Amnistía Internacional ou Carabela de Plata en Zinebi, entre outros.

Patricia Pérez é Graduada en Dirección Cinematográfica pola Escola Internacional de Cine de Cuba. Dende o 2003 reside e traballa en España. Produciu e dirixiu varios documentais de creación, ademais de traballar como editora para outras producións. O seu último documental, A Media Voz, recibiu o Premio ao Mellor Documental en IDFA, Mellor Dirección Documental no Festival de Málaga ou Mellor Película no Festival Internacional de Cine de Cali, entre outros. Recentemente dicidiu fundar Free Hundred Media, unha produtora audiovisual radicada en Madrid. É membro da Xunta Directiva de DOCMA e actualmente traballa no desenvolvemento de Código Marcos como directora e produtora executiva, que pasou por CIMA Impulsa 2021.

Nuria Giménez naceu en Barcelona. Estudou Xornalismo, Relacións Internacionais e Realización de Cinema Documental. Viviu en Berlín, París e Londres, onde exerceu varios tipos de traballo, a maioría sen ningunha relación co cinema nin entre si. Na última década, foi ampliando a súa formación en seminarios e clases maxistrais de varios cineastas aos que admira, entre outros, Isaki Lacuesta, Andrés Duque, Virginia García del Pino, Sergei Dvortsevoy, Mercedes Álvarez, Patricio Guzmán, Wang Bing ou Frederick Wiseman. A súa primeira curta, Kafeneio, foi presentada en DocumentaMadrid 2017 e en MIDBO 2017. My Mexican Bretzel, a súa primeira longametraxe, obtivo diversos premios, como Mellor Película, Mellor Guion e Mellor Dirección do Xurado de Cinema Español no FICX 2019 ou o Premio do Público no Festival D’A 2020, e participou en varios festivais, entre eles, o Festival de Cinema de Róterdam, Visions du Réel, New York Film Festival e o Festival de San Sebastián.
“Foto de Nuria por Pol Rebaque”

O encontro forma parte do ciclo promovido no marco do Conecta LAB, organizado dende CREA, coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e da Fundación SGAE.