Directores/as
Ollo de vidrio

Conecta LAB. Encontro con Gabriel Böhmer, Khris Cembe e Camila Kater

Encontro con Khris Cembe, Camila Kater e Gabriel Böhmer o vindeiro día 12 de abril ás 17:00h sobre procesos creativos no cinema de animación dende tres perspectivas diferentes.

O encontro será gratuíto e celebrarase online, previa inscrición, a través da plataforma Zoom. O acceso será prioritario para as persoas pertencentes ás asociacións organizadoras ou colaboradoras, queadando despois aberto ao público ata cubrir o número máximo de prazas, limitadas a 100.

BIOFILMOGRAFÍAS

Gabriel Böhmer é un artista residente no Reino Unido, procedente de Zurich, interesado na memoria e no absurdo. A súa práctica a miúdo céntrase en ideas pasaxeiras que xorden en momentos mundanos, pero que tamén se senten transcendentais á súa maneira. Gabriel deixou unha carreira en consultoría de xestión en 2013, logo do lanzamento da súa novela Beetle Days. En 2015 Gabriel publicou o libro de pinturas Tomorrow I’ ll Go Outside, e en 2017 comezou a animar as súas historias pintadas. As súas películas recibiron recoñecemento en Winterthur, Riga e Clermont- Ferrand, entre outros, e destacan os seguintes: Push This Button If You Begin To Panic (2020 – Premiere en Locarno), The Flood Is Coming (2018 – Premiere no Internationale Kurzfilmtage Winterthur), Beetle Trouble (2017 – Premiere no International Film Festival Message to Man).

Animador autodidacta, director e guionista. Khris Cembe é membro da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España. É responsable de cor, desenvolvemento visual e animación da premiada curtametraxe Birdboy, gañadora do Goya en 2012. Foi director de animación da longametraxe Psiconautas e da curtametraxe Decorado, ambas galardoadas en festivais de todo o mundo, incluíndo o Goya. Debuta como director e guionista coa curtametraxe Viaje a pies, estreada en Annecy 2015. A súa segunda curtametraxe, Soy una tumba, estrea en Clermont-Ferrand e consegue numerosos premios e nomeacións, incluíndo ao Goya. Dirixe e deseña a animación de Homeless Home, primeira curta española en gañar no Festival Annecy. Na actualidade traballa na nova longa de Alberto Vázquez, Unicorn Wars, deseñando e dirixindo a animación do filme, ademais de facer storyboard e deseño de personaxes, ademais de estar na fase de desenvolvemento do seu seguinte proxecto, Matanza.

Camila Kater, orixinaria do Brasil, é directora, guionista e animadora. Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade Estatal de Campinas, consegue unha beca para estudar Produción de Cine e Televisión en Anglia Ruskin en Cambridge. Traballou tanto en curtas como en longametraxes, como animadora, directora de arte e creadora de personaxes (Apple, FlirtUnspeakable, Voyagers of the Enchanted Forest ou Bob Spit, We Don’t Like People). A súa curtametraxe documental animada Carne (2019) foi cualidicada para os Premios da Academia Óscar 2021, e estivo finalista tamén nos Premios Goya 2021.

O encontro forma parte do ciclo promovido no marco do Conecta LAB, organizado dende CREA, coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e da Fundación SGAE.