Directores/as
Mediateca

Vender unha serie é imposible (pero imos tentalo)” | Conecta 2023

O vindeiro sábado 25 de novembro terá lugar en Santiago de Compostela unha nova edición do Conecta, o evento de networking que intenta poñer en contacto a guionistas e profesionais da dirección para obter feedback, consello profesional e/ou atopar eventuais compañeiras e compañeiros de viaxe. Está dirixido a un amplo abano de creadoras e creadores, desde profesionais ata estudantes, con proxectos en calquera fase de desenvolvemento.

A actividade dará comezo ás 10:00h na sede da SGAE, onde se levarán a cabo as clásicas reunións un a un entre as persoas oíntes e os máis de 30 proxectos cos que contamos nesta edición.

Para rematar, pola tarde, entre 16:30h e as 18:30h teremos unha charla a cargo do guionista Enrique Lojo, que baixo o título “Vender unha serie é imposible (pero imos tentalo)” mostrará, sen fórmulas máxicas nin golpes de sorte, en que consiste a viaxe dunha serie dende o esencial proceso creativo ata o tamén esenial proceso de venta.

Enrique Lojo (A Coruña, 1988) comezou a súa carreira como guionista na Televisión de Galicia, en ficcións como “Luci”, “Serramoura” ou “A Estiba”, entre outras.
Escribiu thrillers como “La Sala” ou “Toy Boy”, comedias como “Mambo” ou “El último show” e a adaptación a audioserie de “Historias para no dormir”.
Tamén traballou para os departamentos de desenvolvemento de importantes produtoras a nivel nacional como Isla Audiovisual, Plano a Plano ou Secuoya Studios.
En 2024 estreará “Una vida menos en Canarias”, ficción para Atresplayer, e “En fin”, unha comedia postapocalíptica para Prime Video da que é cocreador xunto a David Sainz.

O Conecta é un encontro organizado por CREA en colaboración coa Deputación de Pontevedra e coa financiación do ICAA a través do programa da Unión Europea – NextGenerationEU, co patrocinio de AGADIC, o apoio da Fundación SGAE e a colaboración de AGAG, Asociación Sindical Galega de Guionistas.