Directores/as
Ollo de vidrio

Conecta LAB – Ciclo de encontros 2022

Dende CREA, coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e da Fundación SGAE, organizamos unha nova edición do Ciclo de encontros dentro do marco do Conecta Lab, onde se levarán a cabo unha serie de encontros online con profesionais do audiovisual para coñecer de primeira man algúns dos procesos que atravesamos como creadores e creadoras no sector.

Os encontros celebraranse online a través da plataforma Zoom. Serán de acceso gratuíto, limitados a un máximo de 100 persoas, previa inscrición, e con acceso prioritario ás persoas pertencentes ás asociacións organizadoras ou colaboradoras.

Esta será a grella deste ano:

. ANDREA JAURRIETA .
7 de abril | 18:00h

Encontro con Andrea Jaurrieta sobre o financiamento, produción, distribución e venta de proxectos autorais

Directora, guionista e produtora. A súa ópera prima, Ana de día (2018), da cal foi tamén produtora, participou en máis de 30 festivais nacionais e internacionais, gañando 12 premios que culminaron coa súa nominación á Mellor dirección novel nos Premios Goya 2019, así como nas Medallas CEC (Círculo de Escritores Cinematográficos). Previamente as súas curtas foron seleccionadas en múltiples festivais, e os seus proxectos recibiron becas como, entre outras, a da Academia das Artes Cinematográficas de España ou do prestixioso Torino Feature Lab, estas últimas co seu novo proxecto como directora, Nina.

É licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid, e Máster en Dirección Cinematográfica pola ESCAC, ademais de Diplomada en Arte Dramático polo Laboratorio de William Layton. Combina os seus proxectos cinematográficos co seu traballo como profesora de Historia do Cine, Interpretación e Dirección. Dende o 2019 é membro da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, e ao tempo que desenvolve a súa segunda longametraxe, comeza a producir proxectos alleos coa súa produtora Lasai Producciones.

. KHRIS CEMBE, CAMILA KATER E GABRIEL BÖHMER.
12 de abril | 17:00h

Mesa redonda con Khris Cembe, Camila Kater e Gabriel Böhmer sobre procesos creativos no cinema de animación dende tres perspectivas diferentes.

Animador autodidacta, director e guionista. Khris Cembé é membro da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España. É responsable de cor, desenvolvemento visual e animación da premiada curtametraxe Birdboy, gañadora do Goya en 2012. Foi director de animación da longametraxe Psiconautas e da curtametraxe Decorado, ambas galardoadas en festivais de todo o mundo, incluíndo o Goya. Debuta como director e guionista coa curtametraxe Viaje a pies, estreada en Annecy 2015. A súa segunda curtametraxe, Soy una tumba, estrea en Clermont-Ferrand e consegue numerosos premios e nomeacións, incluíndo ao Goya. Dirixe e deseña a animación de Homeless Home, primeira curta española en gañar no Festival Annecy. Na actualidade traballa na nova longa de Alberto Vázquez, Unicorn Wars, deseñando e dirixindo a animación do filme, ademais de facer storyboard e deseño de personaxes, ademais de estar na fase de desenvolvemento do seu seguinte proxecto, Matanza.

Camila Kater, orixinaria do Brasil, é directora, guionista e animadora. Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade Estatal de Campinas, consegue unha beca para estudar Produción de Cine e Televisión en Anglia Ruskin en Cambridge. Traballou tanto en curtas como en longametraxes, como animadora, directora de arte e creadora de personaxes (Apple, FlirtUnspeakable, Voyagers of the Enchanted Forest ou Bob Spit, We Don’t Like People). A súa curtametraxe documental animada Carne (2019) foi cualidicada para os Premios da Academia Óscar 2021, e estivo finalista tamén nos Premios Goya 2021.

Gabriel Böhmer é un artista residente no Reino Unido, procedente de Zurich, interesado na memoria e no absurdo. A súa práctica a miúdo céntrase en ideas pasaxeiras que xorden en momentos mundanos, pero que tamén se senten transcendentais á súa maneira. Gabriel deixou unha carreira en consultoría de xestión en 2013, logo do lanzamento da súa novela Beetle Days. En 2015 Gabriel publicou o libro de pinturas Tomorrow I’ ll Go Outside, e en 2017 comezou a animar as súas historias pintadas. As súas películas recibiron recoñecemento en Winterthur, Riga e Clermont- Ferrand, entre outros, e destacan os seguintes: Push This Button If You Begin To Panic (2020 – Premiere en Locarno), The Flood Is Coming (2018 – Premiere no Internationale Kurzfilmtage Winterthur), Beetle Trouble (2017 – Premiere no International Film Festival Message to Man).

. HEIDI HASSAN, PATRICIA PÉREZ E NURIA GIMÉNEZ .
28 de abril | 18:00h

Mesa redonda con Heidi Hassan, Patricia Pérez e Nuria Giménez sobre procesos creativos no cinema de non-ficción, no cinema do eu e na montaxe a partir de material de arquivo: found footage e collage animado.

Heidi Hassan é unha creadora cubano-suiza que reside actualmente en Madrid. Concilia un traballo persoal como cineasta, artista visual e fotógrafa, con numerosas colaboracións como directora de fotografía para documentáis. Os seus traballos, entre os que destaca o seu último filme, dirixido xunto a Patricia Pérez, A media voz (2019), foron presentados en prestixiosos festivais e recibido numerosas destincións entre as que cabe destacar o Premio ao Mellor Documental en IDFA, así como no Festival Internacional de La Habana. Premio á Mellor Dirección Documental no Festival de Málaga, Premio do Público en Documenta Madrid, Premio Amnistía Internacional ou Carabela de Plata en Zinebi, entre outros.

Patricia Pérez é Graduada en Dirección Cinematográfica pola Escola Internacional de Cine de Cuba. Dende o 2003 reside e traballa en España. Produciu e dirixiu varios documentais de creación, ademais de traballar como editora para outras producións. O seu último documental, A Media Voz, recibiu o Premio ao Mellor Documental en IDFA, Mellor Dirección Documental no Festival de Málaga ou Mellor Película no Festival Internacional de Cine de Cali, entre outros. Recentemente dicidiu fundar Free Hundred Media, unha produtora audiovisual radicada en Madrid. É membro da Xunta Directiva de DOCMA e actualmente traballa no desenvolvemento de Código Marcos como directora e produtora executiva, que pasou por CIMA Impulsa 2021.

Nuria Giménez naceu en Barcelona. Estudou Xornalismo, Relacións Internacionais e Realización de Cinema Documental. Viviu en Berlín, París e Londres, onde exerceu varios tipos de traballo, a maioría sen ningunha relación co cinema nin entre si. Na última década, foi ampliando a súa formación en seminarios e clases maxistrais de varios cineastas aos que admira, entre outros, Isaki Lacuesta, Andrés Duque, Virginia García del Pino, Sergei Dvortsevoy, Mercedes Álvarez, Patricio Guzmán, Wang Bing ou Frederick Wiseman. A súa primeira curta, Kafeneio, foi presentada en DocumentaMadrid 2017 e en MIDBO 2017. My Mexican Bretzel, a súa primeira longametraxe, obtivo diversos premios, como Mellor Película, Mellor Guion e Mellor Dirección do Xurado de Cinema Español no FICX 2019 ou o Premio do Público no Festival D’A 2020, e participou en varios festivais, entre eles, o Festival de Cinema de Róterdam, Visions du Réel, New York Film Festival e o Festival de San Sebastián.
“Foto de Nuria por Pol Rebaque”

. CLAUDIA COSTAFREDA E MIKEL RUEDA .
05 de maio | 18:00h

Encontro con Claudia Costafreda e Mikel Rueda sobre o proceso creativo detrás de series como Veneno ou Cardo (Atresmedia).

Claudia Costafreda é graduada na ESCAC na especialidade de dirección cinematográfica, onde tamén desempeñou papel como docente. O seu proxecto final de grao, Néboa, obtivo recoñecementos como, entre outros, o premio á mellor curtametraxe no festival de Huesca, selección no Festival de Málaga ou a candidatura aos Premios Goya e aos Premios Gaudí. Un ano máis tarde, xunto a ESCAC films e coa colaboración do ICAA, filma a súa segunda curtametraxe: Benidorm 2017, protagonizada por Yolanda Ramos e Tamar Novas. Con este traballo gaña a biznaga de prata á mellor curtametraxe no Festival de Málaga ademais de circular por decenas de festivais nacionais e internacionais. Traballou como guionista de Veneno, a serie de Javier Calvo e Javier Ambrossi, producida por Atresmedia Studios. Acaba de estrear a súa primeira serie como creadora, guionista e directora: Cardo, xunto a Ana Ruxas, producida por Buendía Estudios e Suma Content, que foi galardoada co premio Feroz á Mellor actriz protagonista e á Mellor serie dramática. Actualmente está a desenvolver, xunto a Lluís Sellarès, a súa ópera prima, Olimpo así como pre-producindo a segunda tempada da serie Cardo.

Mikel Rueda é Licenciado en Comunicación Audiovisual pola UN na especialidade de guión, e Postgraduado en Dirección Cinematográfica pola New York Film Academy. A súa primeira longametraxe Izarren Argia (2010), entrou a competición dentro da Sección Oficial Novos Realizadores do Festival Internacional de San Sebastián en 2010. A súa segunda longametraxe, A escondidas, tivo estrea na Sección Oficial do Festival de Málaga. En 2015 filma a súa primeira longa documental, Quinta Planta, estreada tamén en San Sebastián, na sección Zinemira. A súa terceira longametraxe, El doble más quince, protagonizada por Maribel Verdú, competiu no Festival de Málaga e posteriormente tivo estrea en salas da man de Filmax. En 2020 dirixe dous capítulos de Veneno, serie creada por Javier Calvo e Javier Ambrossi. Actualmente escribe a súa cuarta longametraxe e unha serie de ficción.

. ANA PFAFF E ARIADNA RIBAS .
19 de maio | 19:00h

Encontro co colectivo ‘Dostopos’ (Ana Pfaff e Ariadna Ribas) sobre procesos creativos durante a fase de montaxe e sobre os procesos de creación colectiva.

Ana Pfaff, gradouose na ESCAC na especialidade de montaxe cinematográfica, e posteriormente cursou estudos de investigación sobre cine na UPF. Como montadora focaliza o seu traballo en películas de cine independente, traballando con cineastas como Meritxell Colell Aparicio, Carolina Astudillo, Chema García Ibarra, Eloy Domínguez Serén, Clara Roquet… Destacan as dúas longametraxes dirixidas por Carla Simón, Alcarrás e Estiu 1993. Foi recoñecida con premios de montaxe como o Gaudí, varias nominacións aos Goya, Fénix, Platino, CEC, Mestre Mateo, CIMA… Tamén traballa como docente.

Ariadna Ribas gradouose na ESCAC na especialidade de montaxe cinematográfica. Desde 2012 traballou como montadora en varias longametraxes como Liberté ou La mort de Lluis XIV de Albert Serra. Recentemente traballou no equipo de montaxe de Sis dies Corrents de Neus Ballús ou Magaluf Ghost Town de Miguel Ángel Blanca. Recibe varios premios de montaxe, como o Gaudí por Júlia Ist de Elena Martín. Desde 2012 traballa como profesora no departamento de montaxe de estudos de posgrao da UPF/BSM impartindo talleres de found  footage e colaxe animada, entre outros.

En 2008 crean o Colectivo Dostopos, dende onde comezaron a traballar como realizadoras das súas propias pezas poñendo o foco na relación entre a música e a imaxe en formatos como o videoclip ou a videoproxección e utilizando técnicas emedios como o found footage, o collage animado, a manipulación de negativo ou o súper 8.

. NEUS BALLÚS E GERARD OMS .
26 de maio | 19:00h

Encontro con Neus Ballús e Gerard Oms para reflexionar dende un punto de vista teórico sobre o traballo con actores e actrices naturais utilizando como base a experiencia conxunta na creación do último filme de Neus, Sis Dies Corrents.

Neus Ballús é directora e guionista de cine. Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pompeu Fabra, e posteriormente especialízase en Realización de Cine de non-ficción co Máster en Documental Creativo da mesma universidade. Traballa a hibridación de xéneros, e é considerada como unha das cineastas de referencia de la Nueva Ola Catalana. As súas curtametraxes colleitaron grandes éxitos en festivais de todo o mundo. A súa primeira longametraxe The Plague estreouse na 63 Edición do Festival de Cine de Berlín e recibiu a nomeación á Mellor Ópera Prima nos Premios Goya. A súa película Staff Only, na que traballa con actores non profesionais, estreou tamén en Berlín. O seu último traballo, The Odd-Job Men, foi galardoado con premios en Locarno, Seminci e nos Gaudí.

Gerard Oms comezou no cinema da man de Isabel Coixet. Foi colaborador de Neus Ballús, Oriol Paulo, e Laura Jou, e acting coach persoal dos actores Mario Casas, Ana Wagener, Óscar Casas e Begoña Vargas entre outros. Formouse no Institut do Teatre de Barcelona e na Escola Parnassos de Utrecht. Traballa como acting coach en Laura Jou Estudi per a l’Actor e, eventualmente, en ESCAC, na dirección de actores e non-actores. Inefable é a súa primeira curtametraxe como director e guionista. Tras a súa estrea no D’A, foi seleccionado en festivais como o Festival Internacional de Cine en Guadalajara e o Festival de Málaga, alzándose co Danzante Iberoamericano do Festival Internacional de Cine de Huesca. A revista Caimán Edicións incluíuno entre as quince mellores curtametraxes españolas de 2021. Hoxe en día atópase acabando a postproducción da súa segunda curtametraxe, Has estado, hace tempo e desenvolvendo a súa primeira longametraxe, Muy lejos.

. VICTOR DUPLÁ .
11 de xuño | 10:00h – 19:00h

Obradorio práctico con Victor Duplá sobre o traballo con actores e actrices.

Actor, profesor e director de teatro de orixe cántabro. Formouse na Escola de Arte Dramática de Santader e na Escola Internacional do Actor Juan Carlos Corazza. Durante eses anos de formación realiza varios traballos profesionais en teatro como Despertar de Primavera, dirixida por Corazza. Traballou en outras obras como El gordo y el flaco ou Fariña, dirixida por Tito Asorey. Traballa tamén como actor en cine e televisión, como en El club de los suicidas, Quien a hierro mata, Hospital Central, Fariña ou La Unidad.

Ao rematar a súa formación, compaxina o seu traballo de actor co de coach e profesior de interpretación e director de diversos proxectos. Traballou na Escola de Arte Dramático de Las Rozas, así como na coordinación e dirección da área de teatro do Festival Artes No Camiño ou na dirección da agrupación teatral La Luciérnaga de la ONCE de Madrid. Imparte varias masterclass e talleres intensivos de dirección de actores con asociacións como CREA, AAAG, ou escolas como Ficción Voz Audiovisual. A leituga de Cesar Sierra e con produción de Eme2 foi a súa primeira dirección de teatro en Galicia en lingua galega.