Directores/as
Mediateca

CONECTA LAB anuncia os proxectos seleccionados para a edición 2024 da residencia en San Simón

Conecta Lab é un laboratorio para creadores/as audiovisuais no que se acompaña o proceso de escritura de proxectos cinematográficos durante 10 días de residencia na Illa de San Simón. Un proceso de escritura que conta coa asesoría e titorización a cargo de cineastas e guionistas de recoñecido prestixio. Conecta LAB forma parte dun proceso de acompañamento no que CREA, asociación galega de profesionais da dirección e realización, leva traballando dende hai máis de 10 anos, cos seus programas Conecta e Conecta+. Na actualidade, Conecta LAB conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, o patrocinio da Xunta de Galicia a través de AGADIC e o patrocinio de DAMA.

Seis son os proxectos que participan en Conecta Lab, dos cales un deles foi escollido tras o seu paso polo Conecta +, celebrado o pasado 20 de xaneiro en Vigo. Os proxectos que forman parte desta segunda edición son:

· As cárvacas de Sara Traba, longametraxe de ficción.

As cárcavas son os sucos que se producen nas rochas e solos pola erosión do paso da auga. Son como cicatrices que o tempo deixa na terra. As cárcavas constrúese a través de moitos momentos de observación da paisaxe, momentos nos que sentimos as cousas como veñen, non podemos modificar eses instantes nin sentilos doutro xeito. Simplemente chegan

· La increíble historia de cómo un cubo de agua destruyó un edificio de Gon Caride, unha longametraxe de ficción:

Rosa é unha muller de sesenta anos. Tódalas noites, érguese ás 04:26 da mañá para ir ao baño. Non pode evitalo, lévao facendo desde que tiña sete anos. Para non facer ruído coa cisterna, Rosa sempre bota un cubo de auga polo retrete.

O que Rosa non sabe, e seguramente nunca descubra, é que esta noite, ao baleirar o cubo de auga polo retrete, está iniciando unha reacción en cadea que conectará a todos os veciños e que, en só oito minutos, terminará provocando a destrución do edificio.

· As aspas de Berio Molina, longametraxe experimental, non-ficción.

En As Aspas, o conflito reflíctese a través de tres amigas: Coro, Mel e Silvo, de condición neurodiverxente e cunha sensibilidade cara a linguaxe que envolve a súa cotidianidade. Mel e Coro son autistas e Silvo xordo. Fan a súa vida con independencia e rebeldía, o que lles supón confrontarse cunha sociedade que aínda non está preparada para aceptalas.

· Wolf game de Patricia Echeverría e Liebe Blekh, longametraxe documental.

Wolf game mergúllanos no universo rural onde a mocidade marxinada abandona a súa vida urbana para convertérense en pastores. O seu obxectivo é tomar terras bíblicas en Cisxordania a través do pastoreo, negando así o acceso aos beduínos que viviron do pastoreo nese mesmo territorio durante xeracións. A medio mundo de distancia, novos enxeñeiros deixan os seus empregos corporativos para construír imperios agrícolas no metaverso mediante un xogo de criptomoedas chamado ‘Wolf Game’. Aínda que existen en mundos completamente diferentes, estes universos están sorprendentemente conectados.

· Aniagua de Marina Rúbies, longametraxe de ficción.

Aniagua, unha rapaza de 18 anos, gorda e ausente, empeza a traballar como camareira de piso nun resort de luxo e así poder fuxir da súa illa. A mala relación coa súa nai, a recente morte da súa avoa e a falta de amigos derivan nunha bulimia nerviosa que no sabe xestionar. Pero o hotel cambiará a súa vida.

· Viven al lado de Samuel Lema, Elena Martínez e Jorge Navarro de Lemus, serie de ficción. Proxecto seleccionado a través de Conecta+.

Nunha luxosa urbanización, unha nai fracasada enfróntase a unha débeda que ameaza con arrebatarlle a súa casa. Desesperada, comete un roubo que termina en asasinato. Os seus veciños, presos do pánico, forman unha patrulla veciñal que saca á luz o seus máis escuros segredos.

Conecta Lab é un proxecto desenvolvido por CREA, asociación galega de profesionais da dirección e realización, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, o patrocinio da Xunta de Galicia a través de AGADIC, e o patrocinio de DAMA.