
Conecta Lab é un laboratorio para creadores/as audiovisuais no que se acompaña o proceso de escritura de proxectos cinematográficos durante 7 días de residencia na Illa de San Simón (este ano celebrarase do 1 ao 7 de abril). Un proceso de escritura que conta coa asesoría e titorización a cargo de cineastas e guionistas de recoñecido prestixio. Conecta LAB forma parte dun proceso de acompañamento no que CREA, asociación galega de profesionais da dirección e realización, leva traballando dende hai máis de 10 anos, cos seus programas Conecta e Conecta+. Na actualidade, Conecta LAB está organizado por CREA co patrocinio da Xunta de Galicia a través de Agadic e de DAMA.
Seis son os proxectos que participan en Conecta Lab, dos cales un deles foi escollido tras o seu paso polo Conecta +, celebrado o pasado 24 de xaneiro en Pontevedra. A comisión de selección dos proxectos estivo formada por: Lidia Fraga, Roi Carballido e Noemi Chantada. Os proxectos que forman parte desta segunda edición son:

· Os reis imaxinarios de Eire Cid, longametraxe de ficción.
Rude, que vive co seu pai nun barrio obreiro de Vigo e cursa segundo de bacharelato nun instituto público. É un mozo sensible e observador, pero a súa masculinidade é do máis tradicional: agresiva e fráxil.
Esta premisa serve á creadora para desenvolver unha historia sobre o sufrimento dun adolescente que precisa recoñecerse na súa propia vulnerabilidade, pero cuxo principal obstáculo é, precisamente, a masculinidade que o habita.

· A vella e o cocho de Jacobo Lagüela unha longametraxe de ficción.
Todos os decembros, a “Chicharrona”, un ser mitolóxico con corpo de muller que viste colares de chourizo, baixa da serra en forma de néboa para anunciar que chegou a matanza. Teresa, de 75 anos, e Araceli, de 85, son as derradeiras veciñas da aldea, e as que manteñen viva esta tradición.
Segundo él mesmo explica, esta é “a historia dunha muller que loita por permanecer. É a historia da miña avoa se poidera decidir. É a historia dunha persoa que racha co establecido e dicide tomar as rendas da súa vida: é unha homenaxe a todas as nosas avoas, que son referentes para todos os que vimos detrás”.

· Tramoloxía de Álvaro Alvite, proxecto transmedia.
Puto Rumeinian é un xoven rapeiro moldavo afincado no rural galego ao que imos seguir no seu proceso de inmersión na cultura e o “showbusiness” galego. O seu obxectivo é que o seu disco “Tramoloxía” convírtase en punta de lanza da cultura galega, e deste xeito acadar a fama e o éxito na industria musical.
É unha obra cunha proposta única e provocadora, cun ton satírico e ácido que toca temas coma a apropiación cultural e a identidade, o afán de éxito das xeracións mozas e a mercantilización da arte e a cultura.

· A nena que quería ser Fred Astaire de Olga Osorio, longametraxe de ficción.
Esta é a historia de como Maruxa deixou de ver ao seu amigo imaxinario Hack, despois duns días de verán nos que descubriu unha chea de cousas sobre si mesma, a súa nai e o seu avó. E, xa de paso, tamén eles aprenderon algo.
A nena que quería ser Fred Astaire é unha comedia dramática, un coming of age, unha river movie e unha versión da “estraña parella” a cargo dunha nena de dez anos e o seu avó de oitenta. É tamén unha película familiar sobre unha familia disfuncional na que se aborda a complexidade das relacións paterno filiais.

· Memoria de emerxencia de Judith Adataberna, longametraxe de ficción.
Xosé Luis ten máis de 70 anos e encántalle contar historias sobre a súa familia, pero un ictus déixao sen poder falar. De súpeto, as pantasmas dos seus ancestros, que só él coñece, comezan a aparecérselles aos seus sobriños.
É unha historia de pantasmas, “pero non é un filme de terror”, explica Judith na memoria da obra: “O que realmente ten peso é o drama familiar”.

· Damero Maldito de Clara Coira e Miguel Casaseca, serie de ficción. Proxecto seleccionado a través de Conecta+.
O mundo de Sabela cambia para sempre o día que Javi, o seu mozo, sufre un accidente que o con-
verte nunha persoa dependente. Agora ela ten que coidar dunha persoa a que non está segura de querer. Ou peor que iso, a quen non está segura de coñecer. E se Javi non lle contou toda a verdade sobre aquel accidente?
Damero Maldito quere ser unha película de terror que fale da realidade das mulleres, que dende pequenas se nos impón un rol de coidadoras que, co paso do tempo, cala no noso subconsciente. Tamén da violencia psicolóxica e a ‘luz de gas’ porque no terreo sutil, atópase un maltrato que pode resultar tan macabro como o coitelo de Ghostface.


