Directores/as
Ollo de vidrio

Comeza o crowdfunding de ‘O son da balea’, un proxecto sobre o pasado baleeiro de Galicia

A campaña de mecenazgo que comezou esta mesma semana ten como principal reclamo recuperar en clave de ficción un dos episodios máis sanguentos e esquecidos da historia de Galicia: o universo das cacerías baleeiras.

“O son da balea” é unha curtametraxe dirixida polo noso socio Daniel Suárez Rubini, que agromou no pasado CONECTA 2018 e que finalmente rodarase na illa de Ons a finais do mes de setembro deste mesmo ano. Producido por Lua Ideas e Dorna Films e con diversos apoios de empresas e entidades, O son da balea pon o foco na superación dunha perda, a loita contra os propios demos e de cómo gañarlle a partida ao pasado, representada neses inquietantes sons das baleas.

O vídeo da campaña emprega imaxes reais das factorías baleeiras de Caneliñas e Punta Balea do museo Massó (Bueu), e conta coas testemuñas reais de Lidia Rodríguez, ex-traballadora da factoría e Antonio “O fisterrán”,  ex-baleeiro. No elenco principal destacan nomes como Isabel Naveira (Fariña, Néboa), quen será a protagonista do filme en compañía de outros destacados intérpretes como Denís Gómez (El Vecino, O sabor das margaridas) ou César Cambeiro (Vilamor, Las chicas del cable). Cun equipo de profesionais do audiovisual galego, a campaña ten como primeira meta 3.000 euros, que serán destinados ós gastos loxísticos e materiais. Entre as recompensas destacan unha viaxe ata a illa, un pack de botellas de viño Martín Códax “Alma atlántica” e unha excursión a bordo dun barco para o avistamiento de cetáceos en colaboración co CEMMA, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños. 

En palabras do director, a curtametraxe articúlase como un instrumento para observar o noso pasado a través da única arma da que dispoñemos: a memoria.

Ficción, misterio, cine social, compromiso medioambiental e animal súmanse para dar lugar a esta peculiar proposta que tentará concienciar unha vez máis sobre o sacrificio inxustificado destes fermosos mamíferos mariños.

Accede á campaña: O son da balea

Web · Instagram · Teaser · Vídeo da campaña