As Xornadas de Cine e Video de Galicia, XOCIVIGA, que cada ano se celebran na localidade ourensana do Carballiño chegan este ano á súa 31ª Edición. O evento, que se celebrará entre os días 11 e 17 de agosto, conta cun variado programa no cal se lembará os 25 anos da estrea dos filmes “Continental”, “Urxa” e “Sempre Xonxa”, así como de homenaxear ó Cineclube do Carballiño, inaugurado en 1969 e que no presente ano chega ós 45 anos de historia.
A inauguración terá lugar hoxe ás 20h no Auditorio Municipal do Carballiño cun concerto de piano a cargo de Severiano Casalderrey que irá acompañado de proxeccións de imaxes para seguir coa proxección do filme “12 anos de escravitude” do cineasta Steve McQueen.
A partires daquí seguirá toda unha semana de actividades relacionadas co séptimo arte divididas en seccións que van desde o cinema galego, cinema portugués, un apartado adicado ós máis cativos, recuperación de imaxes e filmes que contan co Carballiño como escenario de rodaxe, así como unha sección adicada a filmes de exito en Festivais de todo o mundo.
Importante presenza de Cinema Galego e de membros de CREA
A presente edición do XOCIVIGA servirá de punto de encontro entre aqueles filmes que hai 25 anos marcaron un fito en Galicia, como “Continental” do noso socio Xavier Villaverde e os que están a marcar fitos no presente como “Costa da Morte” de Lois Patiño. Á súa vez o noso socio Alfonso Zarauza será protagonista por partida dobre xa que se poderán ver os seus últimos dous filmes, “Encallados” que nestes momentos se atopa de xira por toda Galicia e “Os Fenómenos” que tras o seu paso polo Festival de Málaga está a piques de cruzar o charco para presentarse proximamente no Festival de Montreal. A presenza de realizadores de CREA complétase con Carlos Amil do cal se proxectará a súa longametraxe “A casa da luz” baseada na novela homónima de Xabier P. Docampo e que servirá de homenaxe póstuma á figura do actor Xosé Manuel Olveira “Pico” falecido o ano pasado. Igualmente presentaranse proxectos de recuperación da memoria fotográfica e filmica como “Fálame de San Sadurniño” cuxa responsable Carmen Suárez Nieto será a encargada de presentar como as novas tecnoloxías poden servir de aliadas para a conservación do noso patrimonio visual.
Cinema para os cativos e para o público xeralista.
O programa do XOCIVIGA deste ano acorrerá unha serie de títulos atractivos para tódolos públicos. Os máis novos poderán disfrutar de filmes como “Brave”, “Gru, o meu vilán favorito II” ou “Hobitt, a desolación de Smaug”. De igual modo proxectaranse filmes que obtiveron importantes resultados de taquilla como a xa mendionada “12 anos de escravitude”, “Philomena” de Stephen Frears, “O Gran Hotel Budapest” de Wes Anderson ou “Lore” de Cate Shortland.
Concurso de curtametraxes
Outra das principais novidades da presente edición será a I edición dun concurso de curtametraxes nas que o Carballiño servirá de plató cinematográfico. O concurso contará con 2 categorías: Curtametraxes “en 5 minutos” e “2 minutos con móbil”. Os traballos presentados proxectaranse o vindeiro venres día 15 de agosto ás 23h no Auditorio da Veracruz.
Podedes consultar o programa completo aquí

