Directores/as
Ollo de vidrio

Cinema para o día da Muller traballadora

O 8 de marzo celébrase o día Internacional da Muller Traballadora e dentro do marco desta celebración están a ter lugar unha serie de eventos por toda Galicia nos cáis o cinema convírtese no vehículo para amosar tanto olladas femininas como para visibilizar a situación da muller no eido laboral.
Entre os actos que teñen lugar estes días, a Asociación de Mulleres Cineastas CIMA celebrou os pasados 3, 4 e 5 de marzo a Mostra de cineastas galegas no Forum Metropolitano da Coruña. Nestas xornadas puideron verse obras de 6 directoras galegas, Virginia Curia, Xisela Franco, Alexia Muíños, Olga Osorio, Olaia Sendón e a nosa compañeira Sonia Méndez da cal puidemos ver a súa curtametraxe “Conversa cunha muller morta”.

Paralelamente, a Academia galega do Audiovisual ven de poñer en marcha a iniciativa #conAde, unha serie de conversas en vídeo entre mulleres que se adican profesionalmente ó audiovisual. Como avance podemos ver este pequeno corte da conversa entre as actrices Sonia Castelo e Sheyla Fariña.

Tamén na Coruña, o Centro Galego de Artes da Imaxe, CGAI, programa estes días traballos de directoras galegas no seu ciclo “Olladas de mulleres no mundo”. O día 8 ás 20.30 horas proxectarase o documental “En todas as mans” de Diana Toucedo, sobre os montes comunais. O día seguinte, haberá sesión dobre con “Fíos Fora” de Adriana Páramo sobre o mundo das traballadoras do textil, as 18 horas, e o clásico de Chantal Akerman “News from home” ás 20.30.

Outra curiosa iniciativa será a que levará a cabo a Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Vigo baixo o título de “Cinema e muller”. O proxecto que estará comisariado por Beli Martínez e Xisela Franco articúlase a través de curtametraxes de 10 directoras que conformarán un filme colectivo que poderá verse en Vigo os días 14 e 15 de marzo e en Pontevedra o día 16 deste mesmo mes. As realizadoras que participan neste proxecto son Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla.


Igualmente, o traballo de Claudia Brenlla será protagonista este día 8 de marzo no Auditorio da Illa de Arousa, onde ás 20h se proxectará o seu filme “Bata por fora, muller por dentro” xunto con “A fábrica” do noso compañeiro Marcos Nine. A sesión contará cunha conversa entre os dous autores.