Directores/as
Ollo de vidrio

CHEGA A VIII EDICIÓN DO CONECTA

Un ano máis celebramos unha nova edición de CONECTA, a xornada de encontros entre creadorxs da cal sairon proxectos moi interesantes e moitas outras relacións profesionais nestes últimos sete anos.

Esta oitava edición celebrase o 31 de outubro, entre as 10:30h e as 16:30h na sede da SGAE en Santiago de Compostela (Rúa Salvadas, 2).

O Conecta vai dirixido a un amplo abano de creadorxs: desde profesionais en activo e con carreiras xa establecidas, ata estudantes das distintas escolas e facultades de audiovisual, que estean xerando os seus primeiros proxectos profesionais. A mecánica do evento é sinxela, consiste nunha serie de reunións un a un onde se explican e se escoitan proxectos. Da igual se eres guionista ou director/a, ou na fase de desenvolvemento na que se atope o teu proxecto. O Conecta está pensado para poñer en contacto guionistas e directorxs e obter feedback, consello profesional e/ou atopar eventuais compañeirxs de viaxe para iso que andades artellando.

A inscrición pode ser con proxecto ou sen el, xa que podedes explicar ideas ou, pola contra, escoitalas e dar consello. Preme aquí para ter máis información e acceder ao formulario, no que podedes anotarvos ata o 27 deste mes de outubro.

E lembrade que nestes momentos tamén estamos traballando na segunda etapa do proxecto, chamada Conecta+, na que os proxectos máis valorados polos participantes terán a oportunidade de seren presentados a unha serie de produtorxs nunha xornada de encontros un a un, nun formato semellante ao do Conecta, para favorecer así a posibilidade de que os proxectos seleccionados poidan chegar a materializarse.

Este encontro está organizado por CREA, co apoio da Fundación SGAE e a colaboración de AGAG, a Asociación Sindical Galega de Guionistas, e este ano, como non podía ser doutra maneira, adaptará o seu formato ás medidas derivadas da crise sanitaria da COVID19 garantindo en todo momento a seguridade dos asistentes.