Directores/as
Ollo de vidrio

Carta a Zapatero sobre o 5% de inversión en cine.

A continuación podedes ler a carta que a Coordinadora de asociacións profesionais do audiovisual enviou recentemente ao presidente Zapatero, e que aborda o tema do 5% de inversión en cine das televisións que se trata na nova lei audiovisual en fase de anteproxecto, e que inclúe dentro de este 5% a produción de teleseries.
Se queredes adherirvos a esta carta, podedes facelo nesta ligazón:
http://www.blogoteca.com/5x100paracine/index.php

D. José Luís Rodríguez Zapatero
Presidente
Goberno de España

A Coruña, 9 de xullo de 2009

Distinguido señor:
As organizacións profesionais do audiovisual en Galicia (Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación Galega de Guionistas (AGAG), Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia (ATEGA) e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA)), sabedoras do intento de desvirtuar o espírito da lexislación europea verbo da obriga das televisións de investir na produción cinematográfica de produtoras independentes, MANIFESTAN:

1)A súa rotunda oposición á pretensión expresada no artigo 4 do anteproxecto da Lei xeral da comunicación audiovisual, de que ese 5% poida ser dirixido á produción de series ou calquera outra fin distinta da establecida na normativa da Unión Europea, e recollido na vixente lexislación española.

2)Que debe manterse, tal como establece a Lei 22/1999 “a obriga de que os operadores de televisión destinen un 5 % dos seus ingresos ao financiamento de longametraxes cinematográficas” e que “deberá destinarse a producións cuxa lingua orixinal sexa calquera das oficiais en España”.

3)Que tal como recolle a Lei 25/1994 das directivas europeas, no seu artigo 3, se respecte a definición de: “Produtor independente, aquela persoa física ou xurídica que non sexa obxecto de influencia dominante por parte das entidades de radiodifusión televisiva por razóns de propiedade, participación financeira ou das normas que o rexen”.

Aínda no suposto de resultar xuridicamente viable facer o cambio lexislativo que o anteproxecto da Lei xeral da comunicación audiovisual propón, que entendemos que nestes momentos de acordo á lexislación vixente non o é, esta decisión que toma o goberno español supón unha clara posición contra as necesidades, non xa de crecemento, senón de subsistencia do cine español e, xunto con el, do cine da Unión Europea. Como entendemos que este non pode ser, de ningunha maneira, o seu propósito, instámolo, encarecidamente, a que revise este anteproxecto e estendemos a nosa solicitude a todos os grupos parlamentarios, aos que lle enviamos copia deste documento.