IMPORTANTE. Tras detectarse erratas nesta noticia, estas foron debidamente corrixidas e están marcadas para a súa identificación. Desculpade.
O pasado día 10 de xullo celebrouse na Biblioteca da Cidade da Cultura unha sesión informativa organizada pola Axencia Galega de Industrias Culturais, AGADIC, onde se deron a coñecer as liñas de axuda para o sector audiovisual do ano 2014.
O acto contou coa presencia de Anxo Lorenzo, Dolores Meijomín, Jacobo Sutil e Pilar Rodríguez Leonardo, e nel avanzouse que no presente ano producirase un incremento do 92% na cuantía da partida orzamentaria adicada ás liñas de apoio ó sector audiovisual con respecto a 2013 (1,3 millóns de € en 2013 por 2,53 millóns de € en 2014).
As liñas de apoio ó sector divídense en 5 convocatorias:
- 1) Axudas a Festivais de cine (90 mil €)
- 2) Axudas á Promoción do Talento Audiovisual (145 mil €)
- 3) Axudas de Desenvolvemento Audiovisual (175 mil €)
- 4) Axudas á Produción Audiovisual (2 millóns €)
- 5) Axudas á Difusión e Comercialización (120 mil €)
1.- Festivais de cine.
Das 5 liñas de apoio ó sector, esta é a única que foi publicada e resolta no que vai de ano. Trátase dunha liña de subvencións que se convocou por primeira vez no presente ano e que tivo como beneficiarios ós Festivais: Play-Doc de Tui, Festival de Cans, Mostra de Cinema Periférico (S8), Curtocircuito e o Festival de Cine Árabe AMAL de Santiago de Compostela.
2.- Promoción do Talento Audiovisual
Esta segunda liña contará este ano con importantes modificacións. En primeiro lugar, increméntase o investimento nesta categoría que pasa de 66 mil € no ano 2013 a 145 mil no presente ano 2014, o que supón unha suba do 119,7%. A convocatoria de Talento estará composta por 3 modalidades:
- A) Escrita de Guión
- B) Curtametraxes
- C) Longametraxes
Con respecto ó ano anterior na presente convocatoria reducirase o número de proxectos subvencionados nas modalidades A e B que pasan de 6 a 5 e recupérase a modalidade de longametraxe, que no seu momento producira filmes como “Todos vos sodes capitáns” ou “Costa da Morte” e que fora incluída na orde por última vez en 2011.
A liña de apoio ó talento contará cun orzamento de 145 mil € que se repartirá do seguinte xeito:
- 25 mil € para a modalidade A. O que significa que se apoiaran 5 proxectos de escrita de guión cunha cuantía de 5 mil € por proxecto subvencionado.
- 30 mil € para a modalidade B. Apoiaranse 5 proxectos de curtametraxe ó que lles corresponderá unha axuda de 6 mil € por proxecto subvencionado.
- 90 mil € para a modalidade C. Apoiaranse 3 proxectos ós que lles corresponderá un máximo de 30 mil € por proxecto subvencionado. Esta modalidade está reservada para directores novéis, polo cal só poderán presentarse á modalidade C directores que teñan dirixido unicamente 1 ou ningunha longametraxe anterior.
(DATOS ACTUALIZADOS) Para as modalidades de curtametraxes e escrita de guión (A e B) os beneficiarios coma sempre serán persoas físicas mentres que para optar á liña de longametraxes (C) é obrigatorio ser persoa xurídica para poder presentarse ás axudas á liña de longametraxes. Así só poderán presentarse ás axudas a longas todos aqueles profesionais (autónomos) dados de alta como tales no momento de solicitar a axuda e sen esixencia de antigüidade. Ademais por primeira vez poden presentarse igualmente empresas produtoras (só a longametraxes) cun ano de antigüidade desde a súa fundación.
Así mesmo existen diferencias considerables entre as modalidades A e B e a C:
As dúas primieras seguirán a ser de carácter anual co cal é requisito imprescindible entregar o proxecto rematado no mesmo ano no que se concede a axuda.
A modalidade C pasa a ser bianual e os proxectos deben estar rematados en 2015.
De igual modo a convocatoria de talento contemplará a posibilidade de solicitar anticipos da axuda concedida ós proxectos beneficiarios.
No caso das modalidades A e B o anticipo da axuda pode ser ata un 80% da mesma, mentres que na modalidade C os anticipos divídense en dúas anualidades. Na primeira anualidade o proxecto beneficiario recibira o 23% da axuda mentres que o 77% restante corresponderá á segunda anualidade.
(DATOS ACTUALIZADOS) Como criterios de avaliación dos proxectos, a convocatoria de talento seguirá a estar orientada a obras que rachen coas narrativas convencionais ou de carácter experimental, aínda que se valorará igualmente a aportación de fondos propios ó proxecto. Na modalidade C (Longas) valoraráse a aportación de fondos propios, aínda que sen ter caracter determinante.
Desde AGADIC anunciaron que teñen previsto que a convocatoria de talento se publique no D.O.G. a principios do vindeiro mes de agosto.
3.- Desenvolvemento de Proxectos Audiovisuais.
Ten un incremento dun 17% con respecto á convocatoria anterior e pasa dunha dotación de 150 mil € a 175 mil €. Dentro desta convocatoria establécense igualmente 4 modalidades de proxectos subvencionables dentro das axudas á desenvolvemento con distintas dotacións segundo a modalidade.
(DATOS ACTUALIZADOS)
- 1) Longametraxes cinematográficas de ficción ou animación: ata un máximo de 20 mil €
- 2) Películas para Televisión e Miniseries: 15 mil e 20 mil € respectivamente.
- 3) Pilotos de series de animación:
15 mil € para imaxe real,20 mil € máximo. - 4) Pilotos de programas de TV: máximo 10.000
Como criterios de valoración terase en conta a calidade dos proxectos, a traxectoria profesional da productora e dos profesionais que interveñen na produción, que conte cun 50% ou unha porcentaxe superior de mulleres no equipo así como a viabilidade do proxecto.
Unha importante novidade da convocatoria é que os gastos estructurais das empresas beneficiarias non poderán ser utilizados para a xustificación da axuda. Así considéranse gastos xustificables dentro da modalidade de desenvolvemento: (DATOS ACTUALIZADOS)
- Todo gasto derivado dos Dereitos de Autor.
- Gastos de desenvolvemento de guión (asesoramento, reescritura, traducción)
- Asesoramento xurídico.
- Deseño de material promocional do proxecto (teaser, memoria, material impreso, web…)
- Plan de márketing.
- Participación en foros de desenvolvemento.
- Salarios de Director e Guionista.
4.- Produción Audiovisual.
Este ano verán incrementada a súa cuantía en case un 50% pasando de 1,1 millóns de € en 2013 a 2 millóns de € en 2014.
Na presente edición contará con importantes novidades. Poderán presentarse ás axudas todas aquelas empresas produtoras que conten cunha participación mínima dun 20% no proxecto subvencionable. Igualmente só poderá subvencionarse un único proxecto por empresa. As axudas a produción dividiranse en 5 apartados:
A) Longametraxes cinematográficas de ficción ou documental: Estarán divididas á súa vez en dúas modalidades:
- 1) Longametraxes de Autoría galega con orzamento inferior a 1,2 millóns de €.
- 2) Longametraxes con orzamento superior a 1,2 millóns de €.
En ambos casos a axuda máxima será de 240 mil € por proxecto. No caso de que o filme empregue o galego como lingua orixinal, a cuantía máxima incrementarase en 20 mil €, podendo chegar ós 260 mil €.
B) Animación cinematográfica. Dividida igualmente en 2 apartados:
- 1) Curtametraxes de animación con vocación de convertirse en longas. Axuda máxima de 80 mil € e 100 mil € no caso de que o galego sexa a lingua orixinal.
- 2) Longametraxes de Animación: 240 mil € ou 260 mil € dependendo de si empregan ou non o galego como idioma orixinal.
C) Longametraxes para televisión e miniseries
- 1) Longametraxes para TV: Ata un máximo de 140 mil € que ascende a 160 mil € no caso de que a lingua orixinal sexa o galego.
- 2) Miniseries: Ata 240 mil e 260 mil € respectivamente.
D) Longametraxe documental para Televisión:
Para presentarse a esta modalidade é imprescindible contar co apoio dalgunha televisión con ampla cobertura en Galicia. A axuda á que poden optar estas producións son de un máximo de 30 mil € ou de 50 mil € en función do idioma de rodaxe.
E) Series de Animación infantil e xuvenil:
Poderán optar a unha axuda máxima de 150 mil € ou 170 mil € se o idioma de gravación é o galego.
Os criterios de valoración das axudas a produción serán: a calidade, contribución cultural, impulso da cinematografía galega e viabilidade económica do proxecto.
Entre as novidades atópase que os “gastos subvencionables” pasan a homologarse cos criterios do ICAA, co cal inclúense como gastos subvencionables os conceptos derivados dos capítulos 11 e 12 do orzamento audiovisual correspondentes á distribución e a promoción das producións.
OLLO: Os gastos subvencionables están homologados ós criterios do ICAA pero a “xustificación” deses gastos segue a rexirse pola Lei de Subvencións de Galicia. Isto significa que, no caso de recibir unha axuda de cuantía menor á solicitada non poderá reducirse o orzamento da produción e deberá xustificarse a totalidade do orzamento con independencia da cuantía da axuda, e que igualmente todo gasto xustificable debe ir acompañado de xustificante bancario.
É importante sinalar que o total das axudas públicas recibidas por unha produción non poderá superar o 50% do orzamento total da mesma, e que esa porcentaxe se amplía ó 70% no caso de que a produción estea rodada en galego.
A publicación da convocatoria está prevista para finais de agosto e será trianual asignándose ós proxectos beneficiarios unha porcentaxe da axuda de forma progresiva desde 2014 a 2016.
5.- Difusión e Comercialización.
É outra das novidades do presente ano e conta cunha partida de 120 mil €. Son axudas que se concederán a posteriori e que poderán alcanzar un 50% do gasto subvencionable ata un máximo de 20 mil € por produción. Están divididas en dúas modalidades:
- A) Participación en Festivais: Consideraránse gastos subvencionables os derivados da representación de filmes seleccionados en Seccións oficiais e Seccións de Referencia de carácter competitivo en Festivais de clase A e nalgúns de clase B seguindo os criterios do ICAA.
- B) Estreas: Consideraranse gastos subvencionables os derivados da promoción da estrea dos filmes en salas como: copias, gastos de distribución, screening test, prensa e comunicación, etc.
Ata aquí o que coñecemos oficialmente do que serán as novas liñas de axuda ó sector á espera de que se publiquen no D.O.G. as distintas convocatorias.
Desde CREA queremos agradecer a AGADIC a celebración desta sesión informativa desexando que esta práctica se manteña en futuras convocatorias.

