
Como xa ven sendo habitual outros anos, xunto co Conecta+ tivo lugar a sesión do CONECTA LAB titulada “Pitching de Talento”, en onde se presentaron de forma pública os guions subvencionados por AGADIC na última convocatoria de “Axudas de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego”.
Marjorie Bendeck foi a encargada de asesorar durante dúas xornadas aos proxectos seleccionados deste ano neste Conecta LAB, pertencentes a Berio Molina, Irene Pin, Sara Traba e David Alonso.
Marjorie reside en Alemaña desde o 2003, onde traballou para festivais, fondos e programas de capacitación a nivel internacional. Avalía proxectos cinematográficos para MEDIA, ACE Producers e o Berlinale World Cinema Fund, e imparte talleres de pitch e desenvolvemento para o Mediterranean Film Institute, o Clúster AV de Canarias e o IFFR-Pro de Rotterdam, entre outros. Desde o 2018 é directora do mercado de coprodución para Europa Oriental Connecting Cottbus.

PROXECTOS
· As Aspas, de Berio Molina:
Sara (23), Amalia (23) e Silvo (22) son tres amigas que comparten piso en Santiago de Compostela. É o ano 2007.
Sara e Amalia son neurodiverxentes. Sara ten o Síndrome de Asperger e Amalia un autismo leve que lle afecta á fala. Elas fan a súa vida con normalidade e independencia, o que lles supón confrontarse cunha sociedade que aínda non está preparada para integralas con normalidade.
A súa repercusión é notable, con reaccións críticas que as acusan de falsidade, vandalismo e falta de sensibilidade, ao mesmo tempo que despertan unha corrente de admiración que comeza a replicar os seus pensamentos e accións.
· Terás que saltar, de Irene Pin:
Trátase dun coming of age no que Eli, unha rapaza de 22 anos, marcha estudar a Lisboa. Alí descubrirá, a través da relación cunha serie de personaxes, as problemáticas do barrio da Mouraría, cada vez máis xentrificado, que a levarán a comprometerse coa súa realidade.
· As Cárcavas, de Sara Traba:
Forastera ten uns 40 anos. Súa nai, con quen non tiña moita relación, acaba de falecer.
Forastera herda un terreo nun bosque en Galicia. É o mesmo bosque que aparece nunha fotografía familiar á que non lle prestara moita atención, simplemente, coma moitas outras, sempre estivera en casa da súa nai.
Forastera nunca tivo interese nese lugar ata agora, que o último vínculo con el xa non está. Dicide emprender unha viaxe na súa moto hacia este bosque.
No seu traxecto prodúcese un acontecemento dramático no cal súa moto averíase e vése obligada a quedar no único pobo que hai na zona durante dous días, mentres arranxa seu vehículo e coincidindo coas festas do lugar.
É un pobo localizado nun espazo de natureza salvaxe. Alí, Forastera consegue unha bicicleta coa que realizar unha segunda viaxe, un renacer nela no que descubrirá paisaxes, persoas e historias que a farán cambiar.
· Maluca, de David Alonso:
Nun mundo de mar, dominado polas ondas, o vento e a néboa vive unha pequena familia mariñeira. Son Leda, unha rapaza de quince anos e o seu pai Lois. O seu fogar é un vello barco atracado nunha pequena vila mariñeira que subsiste dunha cooperativa conserveira.
Leda, sofre constantes visións tortuosas da súa nai desaparecida no mar que a chama dende o profundo. Lois é un bateeiro de pasado contrabandista que, enfermo terminal, vive os seus últimos días.
É o primeiro aniversario da desaparición da nai, o mar está a ser azoutado por unha marea vermella que some á familia e á comunidade nunha crise económica e de fe.
Rodeada pola morte, a chamada da súa nai intensifícase en Leda. Lois loita por refrear os impulsos violentos desa chamada.
Pai e filla viven nunha espiral de amor e odio que os conduce inexorablemete ao espírito que respira no mar profundo.
