Así comezaba a historia dunha das máis gratas sorpresas do cinema galego de este ano, a selección da curtametraxe “Decorado” do noso compañeiro Alberto Vázquez para participar na Quincena de Realizadores de Cannes.
Debut de Alberto Vázquez en Cannes que se produce aínda en plena resaca dos éxitos colleitados pola súa primeira longametraxe “Psiconautas. Los niños olvidados”, estreada o pasado ano no Festival de San Sebastian dentro da sección Zabaltegi , e que lle valeu entre outros galardóns, o Premio Lurra concedido por Greenpeace en San Sebastián, ou o Premio CREA á mellor dirección de longametraxe de animación.
Mentres agardamos pola chegada ás salas comerciais de “Psiconautas” prodúcese a estrea de “Decorado”, curtametraxe que vai acompañada dunha definitoria frase de presentación: “O mundo é un escenario marabilloso cun elenco despreciable”. A reflexión representa á perfección o universo que representa Alberto Vázquez nas súas historias, cargado de pesimismo e altas doses de cinismo e humor negro, unha sorte de “antifábulas” nas cáis os seus protagonistas se soen mover influenciados polos seus máis baixos instintos.
A selección en Cannes supón un paso máis na consolidación de Alberto Vázquez na súa fulgurante carreira como cineasta na cal pasou de dirixir a súa primeira curtametraxe, “Birdboy”, no ano 2010 co que xa acadou un premio Goya, a parcipar en Cannes con “Decorado” en só 6 anos.
