Tanto se tedes un proxecto audiovisual como se non o tedes e o que queredes é estar ó tanto dos proxectos que se están a mover, xa podedes apuntarvos na que será a IV edición do Conecta.

que é Conecta?
Conecta é unha ferramenta para poñer en contacto a directores e guionistas que estean desenvolvendo proxectos audiovisuais en Galicia. É unha actividade organizada por CREA, Asociación de Directores e Realizadores de Galicia co apoio da Fundación SGAE e a colaboración da Asociación Galega de Guionistas no que aqueles guionistas que buscan director, aqueles directores que buscan guionista, ou simplemente todo aquel que teña un proxecto e queira poder recibir opinións doutros compañeiros, poida ter unha serie de reunións unaun de 25 minutos de duración centradas no seu proxecto concreto.
para que?
A finalidade de conecta é xerar un espazo de contacto entre autores audiovisuais; facilitar a conexión entre guionistas e directores, co obxectivo de fortalecer os proxectos a partir da colaboración e das opinións doutros creadores.
Falar, discutir e coñecer compañeiros de profesión é beneficioso para todos, e pode ser útil non só para reforzar os proxectos tratados, senón tamén para establecer nexos que poidan xerar novas propostas.
Ademais, a estrutura de reunións unaun é o mellor exercicio para poñer en práctica o pitch dos proxectos, de forma que saian reforzados para cando se confronten con produtores, inversores, programadores, etc.
para quen?
Conecta vai dirixido a un amplo abano de creadores: desde profesionais en activo e con carreiras xa establecidas, ata estudantes das distintas escolas e facultades de audiovisual, que estean xerando os seus primeiros proxectos profesionais.
Todo aquel creador/a que teña un proxecto audiovisual sexa o que sexa o estado de desenvolvemento e queira discutilo con outros creadores, ou estea na procura dun director/a, ou dun guionista con quen colaborar, pode inscribirse para participar na xornada de encontros.
Unha comisión formada por membros de CREA e de AGAG fará, de entre tódalas inscricións, unha seleccion dos 35 proxectos máis interesantes. como foi?
Este ano celebramos a cuarta edición de Conecta. As anteriores edicións foron, sen dúbida, das actividades máis satisfactorias organizadas por CREA.
Cada ano reuníronse 70 creadores entre directores e guionistas e celebráronse un total de 245 reunións para discutir sobre proxectos, nun ambiente de colaboración aberta e construtiva. Un ambiente moi estimulante que se facía especialmente palpable nas pausas de café e comida, onde se creaba unha mestura total de creadores de distintos estilos, con distinta formación e con distintos niveis de experiencia.
como vai ser?
Os participantes dividiranse en dúas categorías: participantes con proxecto e participantes sen proxecto.
Os participantes con proxecto tanto profesionais como estudantes poderán presentarlle o seu proxecto a outros guionistas e/ou directores cos que se poida establecer unha colaboración profesional ou, cando menos, recibir unha serie de opinións que poidan favorecer á reflexión sobre o seu proxecto e, desa forma, axudar a fortalecelo.
Os participantes sen proxecto profesionais en activo terán a oportunidade de escoitar proxectos, coñecer novos creadores e, no mellor dos casos, establecer alguha c olaboración profesional que poida fructificar no futuro.
A preparación do encontro, desenvolverase nas seguintes fases:
1. Presentación de proxectos: os participantes con proxecto presentan un pequeno dossier do proxecto1∗.
listaxe de participantes.
2. Unha vez feita a selección, á lista de participantes con proxectos incorpórase a de participantes sen proxecto, directores e guionistas con experiencia que desexen formar parte do evento, e establécese unha listaxe definitiva de participantes.
3. Organización de reunións: os participantes reciben esa listaxe, xuntos cos dossieres dos proxectos, e unha ficha para solicitar ata un máximo de sete reunións. E en base a esas solicitudes, establécese un cronograma de reunións que, de novo, se enviará a tódolos participantes.
4. Xornada de encontros: o día do encontro haberá unha sala habilitada para a celebración simultánea das reunións un a un. Asimesmo, haberá descansos para café e comida; un momento perfecto para o encontro aberto e informal entre os participantes.
onde e cando?
A xornada de encontros tera lugar o sábado 22 de outubro, na sede da SGAE en Galicia (R. Salvadas, 2, Santiago de Compostela). O horario será de 10:30 a 18:30 con pausas para café e comida.
e logo que?
Nestes momentos, tamén estamos traballando na segunda etapa do proxecto, chamada conecta+, na que os proxectos máis valorados polos participantes terán a oportunidade de seren presentados a unha serie de produtores galegos, nunha xornada de encontros unaun, nun formato semellante ao da primeira etapa, para favorecer así a posibilidade de que os proxectos seleccionados poidan chegar a materializarse.
Outras preguntas
Onde me podo inscribir?
O formulario de inscrición esta dispoñible aquí, na web de CREA: crea.gal
Unha vez cuberto, envíao a eventos@galiciacrea.org xunto con toda a información complementaria que consideres importante para a correcta comprensión do proxecto.
Cando remata o prazo de inscrición?
O prazo remata o 12 de outubro.
Hai algunha limitación en canto a idioma ou contido?
Ningunha. En canto ao idioma, o proxecto e o seu dossier poden estar escritos no idioma que desexes. E en canto ao contido, a xornada esta aberta a calquera tipo de obra audiovisual.
Podo presentar máis dun proxecto?
Podes presentar todos cantos consideres. E en caso de seres seleccionado, podes traballar con máis dun se o prefires; pero aconsellamos centrarse só nun para aproveitar mellor a cornada de encontros.
Non son demasiado breves as reunións?
Todo depende do criterio de cada un. Pero o certo e que no mundo dos mercados e do pitching, son habituais as reunións de 25 min. E para poder levantar calquera proxecto audiovisual, é fundamental ser capaz de explicalo en pouco tempo.
Non me copiarán a miña idea?
Para poder levantar un proxecto audiovisual é imprescindible compartir a información. Non hai outra maneira. E o habitual é que os creadores profesionais acaben pitcheando o seu proxecto a unha enorme cantidade de persoas, antes de conseguir financialo. Pero a posiblidade de ser plaxiado sempre existe. Por iso é recomendable rexistrar os proxectos. De todas formas, é importante non esquecer que o noso talento é o alicerce fundamental dos nosos proxectos. Se a alguén lle interesa o noso proxecto, o máis probable é que lle interese o noso talento, non só a idea concreta.
Os que escoiten o meu proxecto lerán antes a información que eu mando?
O máis habitual é que os participantes sen proxecto lean os dossieres que se lles envían, pero non están obrigados a facelo. Igual que en calquera reunión profesional cun posible produtor, distribuidor, inversor ou quen sexa, pode ser que mirasen a túa info con atención ou que só lle botasen un vistazo. E en calquera caso, é importante poder transmitir en pouco tempo o contido da nosa historia a xente que non a coñece en absoluto, non so a quen xa ten información previa.
Para calquera outa dúbida, escríbenos a eventos@galiciacrea.org