Directores/as
Ollo de vidrio

A TVG abre online parte do seu arquivo

As televisións públicas teñen nos seus arquivos un tesouro que ata o momento estaba reservado a profesionais e investigadores que puidesen ter accesos a estes grandes espazos cheos de cintas e bases de datos interminables. Afortunadamente coa chegada da tecnoloxía dixital, e de Internet, deixa de ter sentido que material que forma parte da nosa cultura e historia, e que está producido co noso diñeiro sega a estar “enlatado”.
Primeiro foi TVE (Archivo de RTVE) quen comezou a abrir o seu inabarcable e incrible arquivo para poder atopar online programas históricos, noticiarios, entrevistas etc. E agora temos que celebrar que se sume a esta iniciativa a TVG.
A web desde a que acceder a estes contidos é pasouoquepasou.crtvg.es e para a estrea escolleron a data do seu 28 aniversario (o pasado día 24), de momento cunha pequena cantidade de vídeos (400) que están agrupados nas categorías: “Política e institucións”, “Cultura e educación”, “Deportes”, “Ciencia, saúde e medio ambiente”, “Economía e infraestruturas” e “Sociedade” que á súa vez están divididas en moitas outras subseccións.

Os contidos polo momento parecen cortes de informativos e sorpréndenos que na presentación se fale de “máis de 400 vídeos, editados e elaborados especificamente para o servizo”, xa que parece con poñer a disposición os contidos tal cal foron editados no seu momento sería suficiente.

Técnicamente está bastante verde (funciona con flash, sen aplicación para tablets e móbiles, vídeos entrelazados, os contidos no se poden incrustar noutras webs nen compartir…) felicitámonos por esta iniciativa de servizo público que ven a posibilitar que o cidadán teña acceso ao contido que lle pertence.
Esperamos que siga a medrar rapidamente e que estes pequenos problemas iniciais se corrixan axiña.

Como mostra do que podedes atopar vai este vídeo de momentos da rodaxe de “La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos” do desaparecido Toñito Blanco.