Directores/as
Ollo de vidrio

O CINEMA GALEGO NA 35 EDICIÓN DOS PREMIOS GOYA

Tralo aprazamento da lectura de nomeados dos 35 Premios Goya por mor do temporal de neve en Madrid, a Academia de Cine fixo pública estes días a listaxe final das obras que competirán na gala do vindeiro día 6 de marzo, no Teatro del Soho en Málaga.

CREA e o cinema galego volven deixar pegada un ano máis, contando coa presenza dos nosos socios Álvaro Gago, coa súa curtametraxe 16 de Decembro, e a de Alberto Vázquez coa súa curta de animación Homeless Home. Entre o resto de nomeados tamén se atopan a curta documental Solo son peces, codirixida pola galega Paula Iglesias, a longa de animación galego-arxentina La gallina turuleca e o actor de orixe galego Mario Casas.

Trailer de 16 de Decembro

Álvaro Gago estreou 16 de Decembro na 73 Edición do Locarno Film Festival, e fálanos do seu filme como “un grito de rabia”. Nel, a personaxe interpretada por Cris Iglesias enfróntase a unha agresión machista que a coloca nunha situación límite tanto no terreo físico coma no emocional. “É un desexo de levar certas cuestións a debate, unhas que deberíamos ter exposto e sandado dende fai xa tempo, pero coas que inda hai que lidar. Intento ser o máis aberto posible, para que poidan entrar todos os puntos de vista, pero co claro obxectivo de erradicar esa lacra que impide o noso avance como sociedade”.

Este é o segundo filme de Álvaro nomeado a un Premio Goya, pois estivera en 2019 coa súa anterior curtametraxe Matria. “Estar nomeado faime moita ilusión, non cho vou negar, pero non cambia nada. Cambia a percepción exterior do teu traballo, o músculo que tes para asumir riscos, mover certos proxectos, ideas… Pero non penso moito nesa parte. Aproveito a repercusión, para que se mire a película e se fale do seu contido, pero non hai que darlle máis importancia da que ten”. Fai especial fincapé en que se chegou ata aquí foi grazas a un “esforzo colectivo”, a toda a xente que se foi incorporando ao proxecto e coa que este foi collendo forma. “Hai unha semente inicial, un impulso que está dentro de ti, algo que te enche a alma e que te permite iniciar unha aventura. Esta aventura evoluciona e faise complexa segundo entran as persoas que a fan posible, e iso é para min o cinema. O proceso é o que máis gozo”.

E en procesos anda metido, xa que ten entre mans un novo proxecto para febreiro, ademáis da rodaxe da súa longametraxe Matria, prevista para finais de este ano. “Faime moi feliz. É o máis emocionante”.

Trailer de Homeless Home

Alberto Vázquez afonda con Homeless Home no concepto da “Galicia despoboada”, destes lugares deshabitados que sofren a emigración da xuventude, e esa xuventude que por mor da crise económica, social ou existencial vese obrigada a volver. “A idea era falar disto con personaxes propias da fantasía medieval, pero con preocupacións moi contemporáneas. Gústame facer iso, xogar cun xénero e tratalo cunhas temáticas coas que nunca se aborda”.

Este mundo de fantasía tan característico do traballo de Alberto estivera xa presente nos Premios Goya ata noutras catro ocasións, gañando o premio á mellor longametraxe de animación con Psiconautas, los niños olvidados e a mellor curtametraxe de animación con Decorado. Comenta a importancia de estar aí posto que “moitos de nós non facemos cinema comercial, e non é tan doado chegar ao público en xeral”. Fala de que inda que non é o máis determinante, os Goya axudan a ter un maior posicionamento en prensa e no sector, e que polo tanto o filme pode chegar a máis persoas. “Facemos curtas para que a xente as vexa, e sabemos o complicado que é para unha curtametraxe conseguir algo tan sinxelo coma iso, polo que todo suma. Canto máis se fale do noso traballo, mellor”.

O número de proxectos de animación é bastante reducido este ano, contando con unha única longametraxe candidata aos premios. A pandemia retrasou a estrea de moitos proxectos, pero a vindeira edición contará con máis candidaturas, pois Alberto comenta que se estrearán como mínimo uns seis novos filmes. “Na animación os tempos son máis lentos, os equipos moi grandes… Todo custa un pouco máis. Para min é imprescindible a xente coa que traballo, que moitos son tamén autores. O máis importante é o bo traballo en equipo”. Actualmente traballa nunha nova longametraxe, Unicorn Wars, que se trata dunha película bélica que reinterpreta grandes películas coma Platoon ou Apocalypse Now, pero dentro dese marco fantástico no que traballa, “enfrontando a osiños e unicornios”.

O cinema galego medra constantemente e cada vez son máis os proxectos e cineastas que “saen da periferia e conseguen amosar o seu traballo nos Goya, inda que este ano as nomeacións tiñan que terse repartido máis”, como comenta Alberto Vázquez. Na mesma liña comenta Álvaro Gago que hai que seguir “rascando”, para que os Premios Goya, como premios do cinema español, se abran e poidan dar cabida cada vez a un cine máis plural, a diferentes miradas, temas, linguas….