FKM 2014

Xa está aquí Freakemacine 2014

O Festival de Cinema Fantástico da Coruña Freakemacine inicia a súa 4ª edición este mércores día 22 e ata o vindeiro domingo 26 cunha gran variedade de eventos que van desde o tradicional Zombie Walk que se celebrará o sábado 25 e o Concurso internacional de curtametraxes de xénero a Masterclases, exposicións e retrospectivas.

Dous directores de CREA compiten polo Percebe Mutante

Nesta edición 2014 hai dous compañeiros que contan con traballos a competición dentro co Concurso internacional de curtas. É caso de Daniel Viqueira e Samuel Lema que competirán polo Percebe Mutante entre as 16 curtametraxes a concurso. Daniel Viqueira codirixe xunto con Omar Rabuñal a curtametraxe “Koan” unha inclasificable curtametraxe que somete ó espectador a bruscos e inexperados puntos de xiro, o que lles serviu para conseguir o premio CREA á mellor dirección na pasada edición do Festival de Cans. Á súa vez, Samuel Lema presenta “La carne cruda” que chega ó FKM despois dun amplo percorrido por festivais entre os que destacan a última edición do Festival de Sitges onde puido verse na sección Brigadoom, unha das máis radicais do certame. Ademáis, esta “historia de amor canibal” ven de acadar o 2º Premio do público no Horrible Imaginings Horror Film Festival de California.

Video-regueifa inaugural

Como xa ven sendo habitual, a inauguración terá como acto central a Video-Regueifa, un combate de videos que este ano enfrontará na Fundación Luis Seoane ó debuxante David Rubín co músico e dj Hevi. Será o mércores 22 ás 21h. Igualmente nesta sesión inaugural presentarase a exposición “Reflejos del Abismo” a cargo do ilustrador coruñes Luis Sendón.

Masterclass de Colin Arthur

Entre as distintas actividades do Festival, este ano poderemos disfrutar dunha Masterclass do especialista en efectos especiais Colin Arthur.  Con máis de 50 anos de experiencia na industria cinematográfica, Arthur traballou con directores da talla de Ray Harryhausen, Kubrick, Ridley Scott ou Almodóvar. Ademáis estivo nomeado en 4 ocasións os Goya, galardón que colleitaría en 1988 polo seu traballo no filme “La grieta”. Igualmente, Colin Arthur estivo nomeado nunha ocasión ós premios Emy pola maquillaxe de “Chernobyl: the last warning”.

Homenaxe ó Marqués de Sade

Entre as retrospectivas do festival destaca a homenaxe ó Marqués de Sade, miniciclo composto por 2 filmes, “Marquis” de Henri Xhonneuux que se poderá ver o xoves día 23 ás 20.30h no CGAI e “Saló o los 120 días de Sodoma”, filme polo cal foi asasinado o seu director Pier Paolo Pasolini e que poderá verse igualmente no CGAI o venres día 24 ás 20.30h.

Podedes consultar o programa completo de filmes e actividades aquí.

Compartir