logo_conecta_2

Xa está aquí a II Edición do Conecta

Xá está aberto o prazo para inscribirse na II Edición de Conecta que terá lugar o vindeiro 8 de novembro na sede da SGAE en Compostela.

Que é Conecta?

Conecta é unha ferramenta para poñer en contacto a directores e guionistas que estean desenvolvendo proxectos audiovisuais en Galicia.
É unha actividade -organizada por CREA, Asociacion de Directores e Realizadores de Galicia co apoio da Fundación SGAE e a colaboración da Asociación Galega de Guionistas no que aqueles guionistas que buscan director, aqueles directores que buscan guionista, ou simplemente todo aquel que teña un proxecto e queira poder recibir opinións doutros compañeiros, poida ter unha serie de reunións un-a-un de 25 minutos de duración centradas no seu proxecto concreto.

Para que?

A finalidade de Conecta é xerar un espazo de contacto entre autores audiovisuais; facilitar a conexión entre guionistas e directores, co obxectivo de fortalecer os proxectos a partir da colaboración e das opinións doutros creadores.
Falar, discutir e coñecer compañeiros de profesión é beneficioso para todos, e pode ser útil non só para reforzar os proxectos tratados, senón tamén para establecer nexos que poidan xerar novas propostas.
Ademais, a estrutura de reunións un-a-un é o mellor exercicio para poñer en práctica o pitch dos proxectos, de forma que saian reforzados para cando se confronten con produtores, inversores, programadores, etc.

Para quen?

Conecta vai dirixido a un amplo abano de creadores: desde profesionais en activo e con carreiras xa establecidas, ata estudantes das distintas escolas e facultades de audiovisual, que estean xerando os seus primeiros proxectos profesionais.
Todo aquel creador/a que teña un proxecto audiovisual -sexa o que sexa o estado de desenvolvemento- e queira discutilo con outros creadores, ou estea na procura dun director/a, ou dun guionista con quen colaborar, pode inscribirse para participar na xornada de encontros.
Unha comisión formada por membros de CREA e de AGAG fará, de entre tódalas inscricións, unha seleccion dos 35 proxectos máis interesantes.

Como foi?

A primeira edición de Conecta, que tivo lugar a finais do ano pasado, foi sen dúbida unha das actividades máis satisfactorias de CREA.
Reuníronse 70 creadores -entre directores e guionistas- e celebráronse un total de 245 reunións para discutir sobre proxectos, nun ambiente de colaboración aberta e construtiva. Un ambiente moi estimulante que se facía especialmente palpable nas pausas de café e comida, onde se creaba unha mestura total de creadores de distintos estilos, con distinta formación e con distintos niveis de experiencia.

Como vai ser?

Os participantes dividiranse en dúas categorías: participantes con proxecto e participantes sen proxecto.
Os participantes con proxecto -tanto profesionais como estudantes- poderán presentarlle o seu proxecto a outros guionistas e/ou directores cos que se poida establecer unha colaboración profesional ou, cando menos, recibir unha serie de opinións que poidan favorecer á reflexión sobre o seu proxecto e, desa forma, axudar a fortalecelo.
Os participantes sen proxecto -profesionais en activo – terán a oportunidade de escoitar proxectos, coñecer novos creadores e, no mellor dos casos, establecer alguha c olaboración profesional que poida fructificar no futuro.

A preparación do encontro, desenvolverase nas seguintes fases:

1. Presentación de proxectos: os participantes con proxecto presentan un pequeno dossier do proxecto (Deberán cumplimentar un formulario coa información básica do proxecto).

2. Listaxe de participantes: unha vez feita a selección, á lista de participantes con proxectos incorpórase a de participantes sen proxecto -directores e guionistas con experiencia que desexen formar parte do evento-, e establécese unha listaxe definitiva de participantes.

3. Organización de reunións: os participantes reciben esa listaxe, xuntos cos dossieres dos proxectos, e unha ficha para solicitar ata un máximo de sete reunións. E en base a esas solicitudes, establécese un cronograma de reunións que, de novo, se enviará a tódolos participantes.

4. Xornada de encontros: o día do encontro haberá unha sala habilitada para a celebración simultánea das reunións un-a-un. Asimesmo, haberá descansos para café e comida; un momento perfecto para o encontro aberto e informal entre os participantes.

Onde e cando?

A xornada de encontros tera lugar o sábado 8 de novembro, na sede da SGAE en Galicia (R. Salvadas, 2, Santiago de Compostela).
O horario será de 10:30 a 18:30 con pausas para café e comida.

E logo que?

Nestes momentos, estamos traballando nunha segunda etapa do proxecto, chamada conecta+, na que os proxectos máis valorados polos participantes terán a oportunidade de seren presentados a unha serie de produtores galegos, nunha xornada de encontros un-a-un, nun formato semellante ao da primeira etapa, para favorecer así a posibilidade de que os proxectos seleccionados poidan chegar a materializarse.

Onde me podo inscribir?

Podes descargar o formulario de inscripción aquí.
Unha vez cuberto envíao a formacion@galiciacrea.org con toda a documentación complementaria que estimes oportuna para a mellor comprensión do proxecto.

Cando remata o prazo de inscripción?

O prazo remata o 24 de outubro.

Hai algunha limitación en canto a idioma ou contido?

Ningunha. En canto ao idioma, o proxecto e o seu dossier poden estar escritos no idioma que desexes. E en canto ao contido, a xornada esta aberta a calquera tipo de obra audiovisual.

Podo presentar máis dun proxecto?

Podes presentar todos cantos consideres. E en caso de seres seleccionado, podes traballar con máis dun se o prefires; pero aconsellamos centrarse só nun para aproveitar mellor a xornada de encontros.

Non son demasiado breves as reunións?

Todo depende do criterio de cada un. Pero o certo e que no mundo dos mercados e do pitching, son habituais as reunións de 25 min. E para poder levantar calquera proxecto audiovisual, é fundamental ser capaz de explicalo en pouco tempo.

Non me copiarán a miña idea?

Para poder levantar un proxecto audiovisual é imprescindible compartir a información. Non hai outra maneira. E o habitual é que os creadores profesionais acaben pitcheando o seu proxecto a unha enorme cantidade de persoas, antes de conseguir financialo. Pero a posiblidade de ser plaxiado sempre existe. Por iso é recomendable rexistrar os proxectos. De todas formas, é importante non esquecer que o noso talento é o alicerce fundamental dos nosos proxectos. Se a alguén lle interesa o noso proxecto, o máis probable é que lle interese o noso talento, non só a idea concreta.

Os que escoiten o meu proxecto leran antes a información que eu mando?

O máis habitual é que os participantes sen proxecto lean os dossieres que se lles envían, pero non están obrigados a facelo. Igual que en calquera reunión profesional cun posible produtor, distribuidor, inversor -ou quen sexa-, pode ser que mirasen a túa info con atención ou que só lle botasen un vistazo. E en calquera caso, é importante poder transmitir en pouco tempo o contido da nosa historia a xente que non a coñece en absoluto, non so a quen xa ten información previa.

Para calquera outa dúbida, escríbenos a formacion@galiciacrea.org

 

Compartir