Agadic

Versión simplificada das axudas de Talento

Hoxe 14 de agosto ven de publicarse no D.O.G. as subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. Unha liña de axudas que experimentou notables cambios con respecto a edicións anteriores así que compre ler a orde con atención. O que aquí presentamos é unha versión reducida e simplificada da orde, para calquera dúbida podedes consultar a orde directamente aquí.

A cuantía das axudas será dun total de 145 mil€ que por primeira vez terá caracter bianual para unha das súas modalidades (Longametraxe). A cuantía das axudas dividirase en 55 mil€ para as modalidades de Curtametraxes e Escrita de Guión e 90 mil€ para Longametraxes. Na categoría de Longametraxe o importe das axudas estará dividido en dúas anualidades correspondendo 21 mil€ ó 2014 e 69 mil€ ó ano 2015. O Prazo para a presentación de solicitudes remata o 15 de setembro. No caso de que a documentación dalgún dos proxectos esté incompleta, o solicitante contará cun prazo de 10 días hábiles para completar dita documentación unha vez recibido o requerimento.

Modalidades

  1. Modalidade A: subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias, para longametraxes de ficción e animación. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros, á que serán de aplicación as retencións impositivas legalmente previstas.
  2. Modalidade B: subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros, á cal serán de aplicación as retencións impositivas legalmente previstas.
  3. Modalidade C: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración superior a 30 minutos e que conten cun director novel (primeira ou segunda longametraxe). As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.

Beneficiarios

  1. Persóas físicas residentes na UE  durante ó menos un ano “que non realicen esta actividade de xeito profesional.”
  2. Produtoras ou directores constituídos como empresa individual para a modalidade de longametraxes.

A mariores establécense as seguintes restriccións:

  1. Non poderán acceder as produtoras que se vexan afectados nalgún proceso que incompatibilice a consecución dunha axuda conforme á Lei de subvencións de Galicia.
  2. Non poderán presentarse á modalidade A aqueles guionistas con máis de dous guións de longametraxe.
  3. Non poderán presentarse á modalidade B  aqueles directores con máis de 2 curtas subvencionadas dirixidas ou cunha longa subvencionada por Agadic.

Criterios de valoración prioritarios nas modalidades B e C (pódense consultar de xeito máis detallado no capítulo 12 da Orde)

  1. Que propoñan unha ruptura cos códigos narrativos convencionais, é dicir, que vaian alén do tratamento formal das imaxes, dos virtuosismos da montaxe, dun uso do son innovador, dunha mestizaxe de xéneros ou da alteración máis ou menos radical da linealidade narrativa.
  2. Que aposten polo proceso de rodaxe-gravación como método para atopar unha historia, para captar unha experiencia reveladora que tería sido imposible prever literariamente ou preparar dramaticamente, ou para crear un universo propio comunicable.
  3. Que supoñan unha indagación subxectiva radical ou unha exploración de universos temáticos polos cales non se aventuran a miúdo as obras audiovisuais.

Solicitudes

As solicitudes faránse preferiblemente de forma telemática a través da sede virtual da Xunta para o cal é imprescindible DNI electrónico ou calquera outro documento electrónico admitido pola Xunta.
Alternativamente tamén poderán presentarse en papel nos Rexistros da Xunta de Galicia.
Os anexos e procedementos están dispoñibles aquí.

Documentación requerida

Documentación administrativa:

a) DNI/NIE do solicitante, no caso de que o solicitante non opte por autorizar á Agadic ao acceso aos seus datos persoais.
b) Certificado de empadroamento en Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Os solicitantes domiciliados na Comunidade Autónoma de Galicia poderán autorizar á Agadic ao acceso telemático aos seus datos de residencia. Nese caso non será obrigatorio achegar o certificado.
c) Declaración subscrita polo solicitante de que o proxecto é obra orixinal e non foi
desenvolvido.
d) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.
e) Adicionalmente, para acceder á modalidade C:

  1. Copia compulsada ou cotexada do documento público do poder notarial, con que actúa o representante, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil, se é o caso.
  2. Copia compulsada ou cotexada do documento público da constitución legal da empresa, e inscrición no Rexistro Mercantil, se é o caso.
  3. Copia compulsada ou cotexada da tarxeta de identificación fiscal, se é o caso.
  4. Copia compulsada ou cotexada do certificado acreditativo de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe correspondente, no exercicio actual.

Documentación técnica:

Modalidade A

  1. Historial profesional do solicitante.
  2. Memoria explicativa do proxecto cunha extensión mínima de cinco páxinas, onde se inclúa unha reflexión sobre a viabilidade do proxecto no audiovisual galego.
  3. Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.Tratamento ou argumento do proxecto de guión, cunha extensión mínima de 20 páxinas a dobre espazo.
  4. Se é un guión adaptado: declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.
  5. Declaración que especifique que a lingua orixinal da escrita é o galego.

Modalidade B

  1. Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.
  2. Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de dúas páxinas.
  3. Guión definitivo da produción.
  4. Calendario do proxecto e plan de produción.
  5. Currículo do equipo técnico-artístico.
  6. Declaración que especifique que a lingua orixinal de rodaxe/gravación é o galego.
  7. Calquera outra documentación que o solicitante ache pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Modalidade C

  1. Sinopse argumental dun máximo dunha folla.
  2. Unha memoria dun máximo de dez páxinas onde se describa a obra que se pretende crear, xustificando o seu carácter experimental ou innovador.
  3. Guión, se é o caso, ou unha presentación audiovisual en soporte dixital (DVD), dun máximo de cinco minutos, como avance do proxecto.
  4. Calendario do proxecto, plan de produción e plan de localizacións da rodaxe.
  5. Plan de financiamento.
  6. Historiais de: empresa solicitante, director e equipos técnico e artístico.
  7. Declaración que especifique que a lingua orixinal de rodaxe é en galego.
  8. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Xustificación

Os prazos de xustificación son o 15 de decembro de 2014 para as modalidades A e B e o 30 de agosto de 2015 para a modalidade C. Pasado ese prazo Agadic poderá solicitar ó beneficiario a documentación pertinente nun prazo iprorrogable de 10 días hábiles.
O beneficiario terá que presentar no Rexistro Xeral de Agadic:

  1. Unha memoria de actuación con indicación das actividades realizadas para a escrita do guión, realización da curtametraxe ou longametraxe.
  2. Dúas copias do guión definitivo no caso da modalidade A e no caso de curtametraxes e longametraxes procederase á entrega de dúas copias en DVD en perfecto estado.
  3. Certificado de inscrición no Rexistro de Propiedade Intelectual.
  4. Autorización para a socialización da actividade subvencionada con fins culturais e de promoción do audiovisual galego, por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais.
  5. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios, fiscais, e durante o exercicio fiscal en curso, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación (anexo II).

Ademais do anterior, para a modalidade C, unha memoria económica que conterá:

  1. Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.
  2. A relación poderá ser enviada en soporte papel, soporte CD-ROM ou en memoria USB.
  3. Contratos mercantís e relativos a adquisición de dereitos. Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.
  4. Facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e, se é o caso, contratos, que acrediten os custos de servizos, subministracións e calquera outra prestación que non sexa de persoal contratado directamente pola empresa produtora, así como o xustificante de ter efectuado a declaración das facturas ante a Facenda pública nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

NOTA IMPORTANTE: No caso da modalidade C, a xustificación debe realizarse conforme á Lei de Subvencións de Galicia co cal independentemente da cuantía recibida da subvención é OBRIGATORIO xustificar a totalidade do orzamento presentado.

Non serán gastos subvencionables:

  1. O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.
  2. Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.
  3. Gastos de subcontratación con empresas vinculadas.

Para unha información máis detallada ou dúbidas, deixámosvos novamente o texto íntegro da orde.

 

 

 

Compartir