brindisCREA

Un brinde por un 2016 de cine!

Facemos balance dun ano que remata cheo de filmes, series, curtametraxes, premios, presenza en festivais, encontros, actividades e colaboracións dos asociados e das asociadas de CREA.

Facemos hoxe un brinde por un novo ano cheo de oportunidades e traballos con todo o sector. Produtoras, canles de televisión, festivais de cine así como técnicos, guionistas, actrices e actores que fan que nos sintamos orgullosos de formar parte desta gran familia. Anímamoste a participar e asociarte a CREA, e comprometémonos a continuar  na defesnsa dos intereses de todas as nosas e os nosos membros, de poñer en valor a realización audiovisual, da interlocución ante as administracións e entidades públicas e privadas vencelladas á creación audiovisual, achegando e organizando encontros, accións formativas e actividades profesionais que melloran e visibilizan o traballo dos e das profesionais da realización e dirección audiovisual.

brindisCREA

Botamos a ollada atrás, ao 2015 que hoxe remata e lembramos a todas entidades e persoas que colaboraron con CREA. AGAG – A Asociación Galega de Guionistas, a Academia Galega do Audiovisual, A Fundación SGAE, AGADIC – A Axencia Galega das Industrias Culturais, AGAPI – Asociación  Galega de Produtoras Independentes, a Galicia Calidade ou ao Concello da Coruña, entre outras moitas. E grazas a súa axuda e colaboración foi posible un ano cheo de actividades, encontros profesionais e formación especializada.

A presenza das socias e socios de CREA en festivais de cine foi unha constante durante os últimos doce meses. Por suposto nos principais festivais galegos, Festival Internacional de Documentais Play Doc de Tui, Festival Redondela en Curto, Carballo Inter Play, o Festival de Cans, Festival Primavera de Cine de Vigo, Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, Curtocircuito Film Festival, Festival de Cine Internacional de Ourense, Mostra de Cinema Periférico S8, Cineuropa, Amal Semana de Cine Euroárabe de Compostela ou Festival Internacional de Cine de Autor de Lugo. Sen embargo moitos dos traballos realizados polas persoas que facemos CREA estiveron presentes en centos de festivais espallados por todos os continentes do mundo, recibindo abondos premios en moitos deles.

O 2015 veu cheo de presentacións de longas, series e curtametraxes. Tamén de spots publicitarios, webseries, documentais, formatos televisivos, educativos, ficción en tv, divulgativos ou experimentais.

Encontros entre realizadoras, directores e creadores audiovisuais como os Café con CREA ou  Charla & Cañas, actividades de formación englobadas en aulaCREA, así como as exitosas edicións de Conecta e o Conecta+, as ferramentas imprescindibles para establecer alianzas e impulsar novos traballos.

 

Dende CREA desexamos a todas as realizadoras e realizadores galegos un novo ano cargado de novas obras, presentes en salas de cine, festivais, televisións ou distribución en liña. E brindamos por un 2016 cheo de novos proxectos, actividades, encontros e establecemento de redes colaborativas e profesionais.

Porque seguimos crendo na necesidade humana de contar relatos, hoxe brindamos polo cine e o audiovisual galego. Un colectivo referente dentro do sector, CREA berra hoxe “Chin chin por un 2016”, se cabe, máis audiovisual que os anteiores.

Compartir