pict_andreazapatagirau

Andrea Zapata-Girau

Bio
Filmografia
Bio

Andrea Zapata Girau naceu en Vigo en 1986. Estudou Guitarra Clásica no conservatorio e dous anos de Comunicación Audiovisual na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. En 2005 trasladouse a Tampere, Finlandia, onde se licenciou tempo despois na especialidade de Montaxe da TAMK School of Art, Music & Media. Completou a súa formación con cursos e talleres de persoas como Victor Erice, Laura Mulvey, Werner Herzog e Randall Packer e un máster en Industria Musical na Universidade de Santiago de Compostela.

Comezou a súa experiencia profesional nas empresas de postproducción Evasión Digital e Infinia de Madrid. Durante os seus cinco anos en Finlandia traballou como montadora para directoras como Riikka Kuoppala (“Vieras Ruumiissani”, parte da exposición do MoMA “Artic Hysteria”) e Hannaleena Hauru (“Catching”, premiado en festivais como Oberhausen), realizou varias curtas e videoinstalaciones exhibidos en festivais e galerías de Finlandia, Estonia e Suecia, e creou, en coordinación co ICAIC, o festival de cinema cubano “Kuubalaisen Elokuvan Päivät”.

En 2009 embarcouse, xunto ao guitarrista Antón Jiménez, na que sería a súa primeira longametraxe, “Guitarra de palo” (2013), un documental antropolóxico-musical sen diálogos nin narrador que contou co deseño de son de Pelayo Gutiérrez e Nacho Royo-Villanova -gañadores de múltiples Goyas- e a participación de artistas como Lola Greco, Jerry González, Jorge Pardo e Raimundo Amado. Proxectouse en lugares como o Festival de Cine de La Habana, a Filmoteca Española, o teatro Symphony Space de Nova Iorque ou a sala de oración da sinagoga de Toledo. Radio3 calificouno como “Un dos mellores filmes musicais de tódolos tempos”.

En 2016 Andrea participou coa súa curta “Aava” no filme colaborativo “Visións”, comisariado por Xisela Franco e producido por Beli Martínez, e montou “Heidin suunnittelema jääkiekkoelokuva” de Hannaleena Hauru. En 2017 “Aava”  gañou o premio á Mellor Curta e á Mellor Realización no Festival de Cans.

Nestes momentos Andrea prepara unha nova longametraxe a un filme episódico.

Filmografia

Aava (2016) – curta
Guitarra de palo (2013) – longa
Magec Ula Salam (2009) – curta
Jiskra (2008) – curta
Red (2007) – curta

Compartir