anton_reixa

Antón Reixa

Bio
Filmografia
Bio

Antón Reixa, nado en Vigo o 17 de abril de 1957, é un dos maiores representantes da cultura galega, desde a poesía nos anos 70, até o movemento bravú, do que se considera precursor.

Tras estudar o Bacharelato nun coñecido instituto da cidade, o Labor, un colexio disciplinado e masculino, ao estilo da época, Reixa realiza a carreira de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e entra en contacto coas vangardas literarias. En 1976 funda, xunto con Alberto Avendaño e Manuel M. Romón o Grupo Rompente.

Froito desta etapa literaria, Reixa publica a finais dos setenta varias obras poesía, como o libro colectivo Silabario da turbina e As ladillas do travesti. Chega a ser profesor de lingua e literatura galegas pero pronto abandonará a docencia para embarcar na música.

Música

A comezos dos oitenta, Vigo é un fervedoiro de bandas de rock and roll subversivo. O ambiente tamén cala en Antón Reixa, que lle regala a súa batería ao seu amigo Julián Hernández, a condición de que forme un grupo. E así, simplificando un pouco, naceMaricruz Soriano y los que afinan el piano, coñecidos máis tarde como Siniestro Total.

Dous membros de Siniestro, Alberto Torrado e Xavier F. Soto, acompañarán a Reixa no lanzamento do grupo Os Resentidos, en 1982. “Fai un sol de carallo” convértese no seu primeiro éxito de “masas”. Reixa canta.

Os Resentidos deixa paso, en 1995, a outro proxecto, Nación Reixa, que o leva a colaborar co desaparecido grupo vasco Negu Gorriak. Mentres, o polifacético Reixa non deixa de experimentar noutras artes. Escribe teatro, fai videoclips musicais, programas de radio, e tamén traballa no eido audiovisual, como actor, produtor e director.

Audiovisual

En 1998, estréase na TVG, baixo a dirección de Reixa, Mareas vivas, unha serie ambientada na Galicia mariñeira actual que bateu récords de audiencia na canle autonómica.

Un ano máis tarde, e con parte do equipo de Mareas vivas, Antón funda Portozás Visión. O proxecto máis ambicioso da produtora é a adaptación ao cine da novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro. Esta vez, Reixa atrévese coa dirección de longametraxes.

Recentemente volveu dirixir unha longametraxe, Hotel Tívoli. Tamén en 2006 produciu o programa da TVG Somos unha potenzia, conducido polo actor Carlos Blanco.

En maio de 2012 foi elixido presidente da SGAE, 8 de maio de 2012 posto que deixou o 16 de xullo de 2013.

 

(fonte: wikipedia)

Filmografia
  • Salvamento e Socorrismo | Vídeo | 1985
  • Galicia sitio distinto | Vídeo | 1989
  • Ringo Rango | Vídeo | 1990
  • O lapis do carpinteiro | Longametraxe | 2002
  • Ondas Van | Vídeo | 2004
  • Hotel Tívoli | Longametraxe | 2007

(fonte: wikipedia)

Compartir