Simone Saibene

Simone Saibene prepara o seu novo proxecto “A festa”

O noso socio Simone Saibene xa ten novo proxecto, trátase de “A Festa”, unha produción de 30 minutos que contará no seu reparto con Marta Doviro, Carmen Méndez, Alba Blanco, Rubén Prieto, Alfonso Míguez, Héctor Casas e banda sonora orixinal composta por Miguel Araújo.

A historia, na que o escritor Diego Ameixeiras colaborou co equipo científico, trata dos enredos dun grupo de parellas de trintañeiras, con tramas que falan de cuestións de xénero, estatus, celos ou problemas amorosos. A curtametraxe formará parte da segunda edición do videoxogo de adestramento en cognición social, elaborado integramente desde Ourense para a rehabilitación pacientes con trastornos mentais, e que ten súa orixe nun relevante proxecto de investigación de mais de 6 anos, dirixido por Alexandre García Caballero, do Servizo de Psiquiatría do CHUO, tempo no que se deseñou a plataforma web, a preparación dos guións, e o deseño dos microxogos. E-motionaltraining é un programa de rehabilitación online que mediante o xogo está destinado a mellorar a cognición social, un constructo que abarca a percepción de emocións, a percepción social, a chamada Teoría da Mente e o estilo atribucional. O programa está deseñado partindo dos estudos de autismo, esquizofrenia e trastorno mental grave, pero debería poder servir para poboación sen patoloxía, para mellorar as súas habilidades neste sentido. Asemade súa práctica permite recoller información relevante para continuar investigando.

A festa4

A vantaxe fundamental do xogo é a posibilidade de que os pacientes realicen traballo cognitivo desde o seu domicilio. O videoxogo ou o sistema web-based é útil en pacientes con esquizofrenia e con trazos autísticos nos que a interacción social real poida darlles problemas. Seu uso maximiza o tempo de entrenamento e abre a posibilidade de individualizar o tratamento adaptándoo ás características de cada paciente. As previsións do equipo é que a versión 2 de e-motionaltraining estea concluída en novembro de 2015, para iniciar a súa comercialización tanto en España como fóra do noso país.
Aquí podedes ver unha reportaxe realizada pola Televisión de Galicia sobre este sorprendente proxecto.

Compartir