Ser e Voltar

“Ser e voltar” de Xacio Baño seleccionada para a Competición Internacional de Locarno

O noso socio Xacio Baño terá a premiere internacional da súa nova curtametraxe “Ser e voltar” no prestixioso Festival de Locarno. “Ser e Voltar” é a primeira incursión de Xacio no terreo da Non-Ficción e foi selecionada para participar a competición oficial internacional dentro da sección Pardo di domani (Leopardo do mañá).
“Ser e voltar” é unha peculiar produción na cal Xacio intenta esplicar ós seus avós a través dun filme en que consiste o oficio de cineasta.
A curta contou coa axuda da AGADIC na convocatoria de Talento do 2013, e tivo a súa estrea oficial/mundial no Festival de Cans deste ano, no que acadou o premio a mellor obra de imaxe real. Compre resaltar que este é o terceiro ano consecutivo no que unha obra de director galego, e en galego, participa no destacado festival suizo despois de Arraianos de Eloy Enciso no 2012 e Costa da morte de Lois Patiño no 2013. O que corrobora o bo momento creativo que estamos a vivir en Galicia. Ademais na curta tamén participou outro socio noso Xoan Escudero realizando a posprodución de son.
Este é un logro máis na carreira de Xacio Baño que nos últimos anos ven de acadar unha notable presencia en Festivais de importante repercusión en todo o mundo coas súas curtas anteriores, “Estereoscopia” (2011) e “Anacos (2012) que puideron verse en Clermont Ferrand, Telluride film festival, Mar del Plata, Festival de las Palmas, Alcine, Slamdance, Festival de Málaga, ou o New Films/New directors no MoMA de NY.

 

 

Compartir