icono_que_eque é CREA?

CREA, Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, fundada no ano 2002, é unha asociación profesional sen ánimo de lucro, que ten como obxectivo a defensa dos intereses dos directores/as e realizadores/as do sector audiovisual en Galicia.

CREA aposta pola defensa da creatividade como elemento fundamental do sector audiovisual. É o talento o que enche de contido os produtos culturais; o que dá sentido a todos os esforzos investidos na produción das nosas obras. Por iso, cremos firmemente que a aposta polo talento do noso país, a formación continua e a mellora das capacidades dos nosos creadores, é unha aposta de futuro, fundamental para o desenvolvemento do sector.

icono_obxectivos cales son os obxectivos de CREA?

  • representar os intereses dos directores/as e realizadores/as nos foros nos que se tomen decisións que nos afectan a todos
  • promover o traballo dos directores/as e realizadores/as de Galicia
  • organizar actividades de utilidade para os membros da asociación
  • ser fonte de información e de debate
  • promover o contacto entre directores/as e outros colectivos como os guionistas, os estudantes de audiovisual, etc.
  • defender o respecto ao director/a como figura creativa fundamental das obras audiovisuais

icono_quen  quen está en CREA?

CREA está aberta a todos os profesionais da dirección e a realización en Galicia e conta entre os seus asociados cunha boa parte dos directores máis prestixiosos do país, responsables de moitos dos éxitos do noso audiovisual nesta última década; desde longametraxes a series de TV ou web, desde curtas a documentais, desde filmes de vangarda a spots publicitarios, desde programas de TV a videoclips…

icono_estar por que estar en CREA?

O noso sector, tanto aquí coma no resto do mundo, ten unha forte estrutura asociacionista e os directores non debemos ser alleos a esta realidade. Partindo das enormes diferenzas existentes entre cada creador (é esa individualidade a que nos fai interesantes e únicos), tamén son moitos os intereses comúns. E unha asociación pode ser o mellor vehículo para fortalecer eses intereses: desde ter voz ante as institucións, ata organizar actividades que promovan a formación continua dos creadores.

Cantos máis profesionais da dirección participen de CREA, máis forza teremos para poñer a creatividade e o talento en primeiro plano e, sobre todo, máis representativa será da realidade dos creadores en Galicia: unha realidade diversa e tremendamente plural na que todos temos unha voz propia que pode axudar a que o sector medre e se desenvolva.

icono_como_funciona como funciona CREA?

O principal órgano de decisión é a Asemblea Xeral, que se reúne, como mínimo, unha vez ao ano.

O funcionamento no día a día está xestionado por unha xunta directiva que ten mandatos de dous anos, e que na actualidade está composta por:

Luis Avilés (presidente)

Ángeles Huerta (vicepresidenta 1ª)

Ana B. Diz (vicepresidenta 2ª)

Raúl García (secretario)

Pablo Cacheda (tesoureiro)

e os vogais Marta PiñeiroVeru Rodriguez, Carmela F. Bello, Gutier Rolán e Fernando Cortizo.

Intentamos que a comunicación entre a directiva e os socios/as sexa o máis aberta e fluída posible e, con ese obxectivo, temos unha lista de correo que funciona como foro de socios/as, onde se  informa das iniciativas da asociación e de calquera outro evento, actividade, proposta ou convocatoria das que teñamos noticia e que poidan ser de interese para os directores. E é aí tamén onde, en caso de ter que tomar algunha decisión rápida e que necesite ser consensuada polos socios, podemos abrir votacións a través do que nos estatutos vén contemplado como Asemblea Virtual.