Chanfaina San Sadurniño

O Chanfaina Lab retorna a San Sadurniño

Unha vintena de creadores, varios deles socios de CREA, reuníronse na fin de semana do 6 e o 7 de setembro en San Sadurniño por iniciativa de Manolo González para dar forma ó I Chanfaina Lab, un laboratorio de creacións e sobre todo un punto de encontro para cineastas galegos con distintas sensibilidades.
Este sábado día 17 de xaneiro, os participantes regresan a San Sadurniño para amosar os traballos resultantes dese encontro.

Alberte Pagán, Alfonso Zarauza, Angel Santos Touza, Ánxela Caramés, Beli Martinez, Felipe Lage, Guillermo Arias-Carvajal, Jaione Camborda, Juan Lesta & Belén Montero, Marcos Nine, Mario Iglesias, Otto Roca, Sonia Méndez, Victor Hugo Seoane, Xacio Baño, Xisela Franco, Xosé Manuel Sande ou Xurxo Chirro son algúns dos nomes que se deron cita en San Sadurniño coa finalidade de retratar as sete parroquias que conforman o Concello.
O lugar escollido para as proxeccións será a Casa da Cultura de San Sadurniño onde a partires das 18.30h deste sábado se poderán ir vendo cada unha das pezas elaboradas polos participantes deste peculiar encontro. O Chanfaina Lab está integrado nas actividades promovidas polo Centro de Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) de San Sadurniño que a través da web Fálame de San Sadurniño se adica a documentar a historia do Concello a través da participación dos seus veciños.

Compartir